S. Pérez
Case unha semana de festexos. Dende mañá, 8 de febreiro, até o próximo mércores, día 14, as rúas galegas encheranse de peliqueiros, cigarróns, pantallas, xenerais, boteiros, volantes, merdeiros, madamas, galáns, felos, choqueiros, vellaróns, mázcaras… Todo depende da zona na que se estea, pero estas son as principais personaxes do entroido en Galicia. Unha festa que tamén ten outros moitos nomes: antroido, entroiro, entruido o entrudio. Vos como a coñecedes?

Mañá, co xoves de lardeiro, dáse o inicio oficial ao carnaval. Pode que non sexa algo moi coñecido, pero vouvos explicar en que consiste: trátase dunha homenaxe á despedida da carne na que antigamente os relixiosos aproveitaban este día para comer unha boa enchente de carne de porco, antes da Coresma, que empeza o mércores, na que tiñan prohibido o seu consumo como unha ofrenda a Deus. Noutras comunidades, como en Aragón, teñen o refrán xoves de lardeiro, longaínza ao pucheiro, co que se reflicte o carácter gastronómico da festa.

De feito, a palabra carnaval fai referencia á despedida da carne: vén de «carnem levare», que significa algo así como «quitar a carne». Coñeciades a súa orixe?

O entroido máis longo
Aínda que esta é a data oficial, hai lugares onde os festexos se anticipan. É o caso, por exemplo, de Xinzo de Limia, onde o entroido comezou o 20 de xaneiro. O 20 de xaneiro, si, co petardazo! Logo segue o domingo fareleiro, que vén sendo unha batalla de fariña. E os días 28 e 29 foi o colgamento do Meco e o domingo oleiro, onde se lanzan olas de barro. O primeiro fin de semana de febreiro celebraron o corredoiro, onde as comparsas desfilan polas súas rúas. Todo iso para chegar aos días máis importantes, o domingo e o martes de carnaval —11 e 13 de febreiro—. A cita dáse por rematada o 18 de febreiro, case que un mes despois.

Máis curto é o de Verín, que comeza o 1 de febreiro co xoves de compadres, cando só poden saír os homes a celebralo. As mulleres deben agardar ata o seguinte xoves, que será mañá, no das comadres. Unha data especial en Verín é o Mércores de Cinsa, no que ten lugar o enterro da sardiña: o final do carnaval.

A distinción ao entroido máis antigo é para Laza, onde os fulións (nos que persoas de todas as idades tocan instrumentos) e os peliqueiros, que son as súas máscaras, percorren as rúas. Non é apto para todos os públicos, pois ten a peculiaridade de que hai guerra de formigas, terra e fariña.

Como xa vos dariades conta, o Entroido vívese con maior intensidade na provincia de Ourense, sobre todo no sur. E vós, como o vivides? Cales van ser os vosos disfraces deste ano?

Para saber máis...

Facede memoria dos disfraces máis orixinais que vestistes e poñédeos en común, para logo elixir entre todos cal se leva o primeiro premio.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies