JESÚS GARRIDO

O estudo das noticias ofrece a profesores e alumnos non soamente unha información do que sucedeu, senón tamén o desenvolvemento do sentido crítico e a súa aplicación creativa ás diversas áreas de aprendizaxe (La Voz de la Escuela, 26/10/2022). O traballo coas noticias na escola non só é importante para achegar a conexión coa actualidade ás materias e áreas académicas concretas, senón tamén a entender mellor en que consiste o sentido crítico aplicado ao estudo das noticias e que achega ao desenvolvemento persoal dos alumnos.

Unha cita importante que nos axuda a entender en que consiste o desenvolvemento do sentido crítico son os estudos feitos por Richard Paul en Critical Thinking (editorial Binker, 1992). Por suposto, non se trata soamente de demostrar se é mellor a teoría didáctica (TD) ou a teoría crítica (TC) cando se trata do estudo das noticias na aula, senón tamén de atoparlle unha aplicación práctica na vida.

Comezaremos sempre por explicar as diferenzas entre TD e TC, lembrando algunhas definicións que se atopan nos seus escritos. E é moi importante sinalar que, ao explicar en que consisten a TD e a TC, non se está encomiando ou criticando a súa aplicación real en clase, dada ás veces a urxencia de contidos que temos. Simplemente, mostramos as liñas que marcan cada hipótese.

Por outra banda, estamos a falar do traballo co xornal, que cada un aplicará «segundo as súas preferencias, posibilidades e tempos». Axuda o traballo coa noticia a desenvolver o sentido crítico nos alumnos?

Sobre o que e o como en ambas as dúas teorías (didáctica e crítica), convén clarificar que, respecto á TD, se insiste con frecuencia, dado o apurados que resultan os densos contidos das materias, en marcar que han de pensar os seus alumnos, cales deben ser as súas ideas. Porque se os alumnos aprenden primeiro que han de pensar, di a TD, facilmente chegan logo a como pensar.

Así pois, os profesores deben insistir máis en como pensar, segundo afirma a TC. Vanse adquirindo esta estratexia de saber pensar, xa lles chegará o tempo para dedicarse e escoller en que han de pensar.

O coñecemento

O produto do coñecemento, o que ti coñeces, é independente do proceso mental que xerou ese coñecemento (TD). Isto é: ti coñeces as cousas, aínda que non poñas en marcha consciente e reflectidamente a análise de crear novas ideas ou proxectos a partir desa noticia todo o proceso interior que fixo a túa mente para chegar a adquirir ese coñecemento.

O coñecemento dun dato ten varios niveis: ti podes recoñecer ese dato, pero podes tamén chegar a saber mellor de que se trata, analizar a súa importancia, aplicalo á túa vida, pólo en práctica; e, para lograr mellor ese obxectivo, está a TC.

En que consiste, pois, a teoría crítica aplicada á aprendizaxe das noticias e a súa achega á aprendizaxe das materias? Seguiremos en próximos números.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies