L. Cancela
Ás veces, a vida persoal dos famosos dá o salto ao debate público. No caso do que falamos hoxe xúntanse dous asuntos moi complicados e polémicos: por unha banda, unha muller famosa que perdeu un fillo que tiña 27 anos; por outra, a xestación subrogada (tamén chamada ventre de alugueiro). Imos contarvos os feitos máis destacados:
Que pasou?
O 29 de marzo a revista ¡Hola! (que conta asuntos persoais de xente famosa) levaba na súa portada a presentadora Ana Obregón, de 68 anos, saíndo dun hospital de Estados Unidos en cadeira de rodas cun bebé no colo, e anunciando que fora nai por xestación subrogada en Miami. As redes enchéronse de opinións tanto a favor como en contra. Ela é unha coñecida presentadora de televisión e actriz, que saíu moitas veces nas páxinas da prensa rosa. No ano 2020, o seu fillo, Aless Lequio, faleceu aos 27 anos por mor dun cancro, algo que lle causou unha enorme tristeza. A primeira polémica foi precisamente porque se trata dunha muller maior que perdera un fillo e quere volver ser nai. E dixo: «Non estarei soa de novo».
Unha decisión polémica
Pero unha semana despois, Obregón volvía protagonizar a primeira páxina da revista, cunha entrevista na que dicía que ela non era a nai da nena, senón a súa avoa. O debate chegou aínda máis lonxe.
Que é a xestación subrogada?
Primeiro hai que pensar sobre que é a xestación subrogada. É unha práctica prohibida en España pero habitual noutros países, coma Estados Unidos, pola que unha muller queda embarazada por métodos médicos e dá a luz o bebé doutra persoa ou parella. Ao finalizar o parto, este bebé é entregado á súa familia legal. O normal é que exista un acordo económico, é dicir, os pais do nado pagan á muller uns cartos pola xestación, ademais de costear todos os gastos médicos. As nais biolóxicas adoitan ser mulleres nunha situación económica difícil.
Como pode embarazarse alguén doutra parella?
As técnicas de reprodución asistida (axudas para ter fillos) son moi avanzadas: pódese coller un óvulo (célula feminina) e un espermatozoide (célula masculina) e xuntalos nun laboratorio. O que non se pode facer é que ese novo embrión creza nun útero de plástico. Necesítase unha muller para iso. O normal é que sexa a nai legal dese bebé, pero tecnicamente pode ser outra muller, que é o que pasa na xestación subrogada (de feito, esta palabra significa «substituír ou poñer a alguén no lugar doutra persoa»).
Cal é a discusión sobre esta práctica?
Por unha banda, hai xente que a defende porque di que unha muller pode facer co seu corpo o que queira, e que a xestación subrogada, aínda que se paga polas molestias, é un xesto de xenerosidade que permite a outras persoas ter fillos que non poderían ter doutro xeito. Outros critican esta xestación porque din que é facer negocio coa vida e o corpo dunha persoa que necesita os cartos, e equipárano con vender un órgano, algo que é ilegal, aínda que digas que o fas porque queres. Ademais, apuntan que ser pai ou nai non é un dereito.
Por que é máis polémico este caso?
En primeiro lugar, porque ela é a avoa. É dicir, que o bebé é fillo de Aless Lequio, que segundo a súa nai dixo antes de falecer que quería ser pai. Aquí debemos parar un momento. Cando unha persoa nova ten cancro, adóitase recomendarlle que conxele o esperma (se é mozo) ou os óvulos (se é moza) por se nun futuro quere ter descendencia, xa que o tratamento pode afectar á súa fertilidade. Pero neste caso, moitos cren que a situación é inxusta para a bebé: o seu pai está morto e non ten nai como un pode imaxinar (Aless tiña unha noiva, pero ela ten a súa vida e vai casar cun rapaz dentro duns meses).
Houbo máis críticas?
Si. A idade de Ana Obregón foi vista como un obstáculo. Ten 68 anos, e a pesar de ser a avoa, é a titora legal da bebé. De feito, é probable que apareza nos documentos españois da nena como a súa nai. É un asunto legal moi complicado no dereito español.
Esta práctica médica é ilegal en España desde o ano 2006
Como antes mencionabamos, a xestación subrogada en España é ilegal desde o 2006 (antes non aparecía en ningunha lei, porque é un fenómeno moi novo, froito dos avances médicos). Nese 2006 estableceuse que o contrato de xestación por substitución, xa sexa cun pago polo medio ou non, é nulo. Neste caso, o contrato por xestación refírese ao acordo de embarazo coa muller, e o pago, ao diñeiro que lle entregan. Ademais, na recente reforma da lei do aborto, esta práctica pasa a considerarse como «unha forma grave de violencia reprodutiva» contra as mulleres, e polo tanto, está prohibido promovela. Con todo, é posible acudir a outros países onde é legal e despois rexistrar o menor. Isto permítese polo interese do pequeno, que se non quedaría sen familia.
Requisitos da xestación noutros países: o exemplo de Ucraína
A pesar de ser ilegal, a xestación subrogada non deixa de ser unha realidade. Entre o 2010 e o 2020, rexistráronse en España 2.520 bebés nados por está práctica noutros países. A maior parte procedían de Estados Unidos ou Ucraína. No primeiro, as condicións varían en función do estado, pero permítese a calquera modelo de familia; en cambio, en Ucraína (antes da guerra) só se ofrecía o servizo a parellas heterosexuais.
De Ucraína, o Ministerio de Sanidade non ten rexistros oficiais, e alí as familias podían elixir o sexo do bebé (algo non permitido en España) e había moi pouco control sobre o proceso; de feito, a principal empresa que se encargaba desta práctica tiña as mulleres embarazadas en casas para controlar as xestacións. Moitos describíronas como granxas de mulleres.
ACTIVIDADE BÁSICA
O embarazo
Xa que falamos de embarazos, é momento de coñecer unha experiencia próxima. Pode ser calquera familiar. Pregúntalle que sentiu, como notaba ao seu bebé, se tiña antollos ou se estaba cansada.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela
A ciencia que reta a nosa ética
A ciencia xenética avanza a pasos de xigante. É un mundo novo e, como sucede noutros campos (o da intelixencia artificial), vólvese necesario poñerlle límites. Ata onde pode chegar a investigación? Débese permitir que a manipulación xenética sirva para facernos mellores humanos, máis fortes, máis rápidos e máis listos? Isto é o que se preguntan os expertos na materia que, con frecuencia, deciden cales son os límites éticos dunha rama científica tan potente como perigosa (polas diferenzas entre persoas que podería crear, por exemplo).
A teoría sostén que a investigación só é posible se vela polo progreso científico e técnico, está ao servizo do ser humano e a busca da verdade. É dicir, os límites éticos da ciencia deben ter en conta a dignidade das persoas, mesmo cando poidan estar en perigo debido a outros individuos ou a elas mesmas. Neste punto, sempre se fala do hipotético caso no que uns pais puidesen elixir un fillo á carta, o que sería un claro atentado contra a súa dignidade.
Polo contrario, na actualidade a enxeñería xenética permite un amplo abano de posibilidades que velan polo benestar dos individuos. Por exemplo, en España está permitida a selección de embrións para evitar enfermidades xenéticas coa condición de que se cumpran algúns requisitos. Entre eles, que haxa antecedentes familiares ou que a muller teña máis de 40 anos, polo aumento do risco. De igual forma, no noso país tamén se coñecen casos de nenos-medicamento ou irmáns salvadores: trátase de bebés que nacen mediante técnicas de reprodución asistida para ter unha xenética compatible co seu irmán maior enfermo e asegurar un transplante de medula ósea (non dun órgano, senón como unha doazón de sangue) que logre curalo.
O noso país tamén foi o primeiro lugar do mundo en contemplar a fecundación post mortem (despois de morto) para ter fillos legais. Isto é, que unha muller quede embarazada, mediante técnicas de fecundación in vitro, co esperma dun home que faleceu. Iso si, debe ter unha autorización expresa (por escrito) do home e non pode pasar máis dun ano dende a súa morte.
Lulu e Nana, a historia de manipulación xenética sen resolver
A finais do 2018, un caso de manipulación xenética sobresaltou ao mundo da medicina e da investigación. O científico chinés Hei Jiankui, da Universidade de Shenzhen, editou (é dicir, manipulou) de forma ilegal nun laboratorio o xenoma de dous embrións humanos. Deles naceron dúas xemelgas por fecundación in vitro que se deron a coñecer cos nomes falsos, para protexer a súa identidade, de Lulu e Nana. En teoría, a súa intención era crear seres humanos resistentes á infección do virus que dá lugar ao sida (VIH), pero saltou todas as liñas vermellas e rapidamente gañou as críticas de todo un sector.
O experimento foi rexeitado por todos, mesmo polo Goberno de China, que acabou condenando a prisión ao científico ata abril do ano pasado. Iso si, a pesar da condena, sábese pouco destas nenas. Parece que naceron de forma prematura e que o científico non tivo escrúpulos á hora de mentir para conseguir os seus obxectivos. Por exemplo, enganou aos pais facéndolles crer que non había outra técnica médica, cando si existía, ou aos xinecólogos que implantaron os embrións, e que non sabían que foran modificados xeneticamente. Noutro lado da balanza, ninguén sabe o nome dos seus pais nin o nome real das pequenas, onde viven nin o hospital no que naceron. Como vedes, aínda quedan moitas incógnitas por resolver.
ACTIVIDADE MEDIA
Un mundo mellor ou peor?
Xa vedes de que con capaces a ciencia e a enxeñería xenética hoxe en día. Toca deixar voar a imaxinación e pensar que outras posibilidades podería ofrecer. Comparte co resto da clase unha acción que pensas que sería positiva e outra negativa, e explica por que.
ENTENDER
Excesos e fraudes sen unha regulación xeral
■ Pese ás infinitas posibilidades que ofrecen as técnicas de reprodución asistida, os excesos que se cometen baixo o seu paraugas débense perseguir. En marzo sóubose do caso dun holandés de 41 anos que violou a lei do seu país despois de doar en, polo menos, trece clínicas de fertilidade. Acúsano de ser o pai de máis de 500 nenos por todo o mundo, cando Holanda só permite un máximo de 25 doazóns con éxito.
■ Na India existe unha clínica de fertilidade especializada en nais maiores. Para iso, mulleres novas venden os seus óvulos ao centro, que, tras conservalos en hidróxeno líquido, fecúndaos no laboratorio co esperma de homes maiores e implántaos nas súas esposas, sen importar a idade de ambos. Déronse casos nos que a nai tiña 70 anos.
■ Non existe unha normativa xeral e europea. Credes que sería útil que todos os países da UE tivesen a mesma regulación?
ACTIVIDADE AVANZADA
O papel do Estado
Parece claro que ter fillos non é un dereito. Non obstante, en España a reprodución asistida entra no catálogo de servizos que ofrece a sanidade pública. Investigade os casos. Por que cres que pode suceder?, que intenta garantir o Estado?
PROFUNDAR
Non existe o dereito a ter un fillo, pero si a fundar unha familia sen ser discriminado
■ En ocasións, utilizamos a palabra «dereito» sen sentido. O certo é que é un termo moi forte desde un punto de vista xurídico. Ter dereito a algo significa que o Estado pode garantilo para todos: escolas e médicos, por exemplo.
■ Con todo, non existe o dereito a ser pai ou nai, a ter un fillo ou a reproducirse. Por suposto, é algo que podemos facer e que forma parte do proxecto de vida de moitas persoas, pero o Estado non ten a obriga de facelo posible; aínda así, a sanidade pública fai reprodución asistida, pero en casos moi determinados.
■ A Declaración Universal dos Dereitos Humanos si recoñece no seu artigo 16 o dereito a casar e a fundar unha familia sen ser discriminados por motivo de raza, xénero, saúde, orientación sexual, idade ou identidade de xénero. Isto significa que a familia é un elemento fundamental da sociedade, e o Estado debe protexela.
■ Os avances sociais e a bioloxía non sempre van da man. Hoxe en día, as mulleres teñen de media o seu primeiro fillo aos 32,6 anos. Aínda que non son maiores, o seu reloxo biolóxico está máis limitado, pois a calidade e a cantidade dos seus óvulos diminúe.
■ Pola súa banda, ser pai a unha idade avanzada tamén se relaciona cun peor prognóstico no embarazo. Aínda que os homes producen espermatozoides toda a súa vida, a calidade vaise reducindo cos anos, sobre todo desde os 40. Hai máis abortos e fillos con problemas.