L. CANCELA
Corzos, raposos ou a cabra montesa occidental son algúns exemplos da fauna salvaxe de Galicia. A estes engádense o lobo e o xabaril, que no último ano protagonizaron encontros con humanos ou con gando, episodios que reabriron a polémica. A xente e os animais están destinados a atoparse, pero onde credes que debe estar o límite?
Cal é o problema cos lobos?
Nos setenta, a poboación do lobo estivo a piques de desaparecer. As Administracións públicas puxeron en marcha un intenso programa para recuperalo. Hoxe en día, como a caza está prohibida, o seu control resulta máis complicado e os seus ataques ao gando (ovellas, vacas, tenreiras) medraron un 19 %. Por exemplo, en Galicia houbo 1.332 ataques o ano pasado.
En que sitios?
A provincia que máis ataques rexistra é Lugo. Alí hai tres concellos nos que se concentran o 15 % de todos os incidentes; son os de Ourol (78 ataques), Muras (con 76 incursións) e Abadín (con 57). Na Coruña destaca o concello de Ortigueira, onde houbo 35 ataques. En Ourense, a zona máis afectada foi a de Allariz, con 27; e, finalmente, Pontevedra foi a provincia na que menos accidentes se notificaron. De todos as seus concellos, Cerdedo-Cotobade foi o máis afectado, con 16 ataques.
A que adoitan atacar?
En función do sitio no que se atopen, os lobos van a por un tipo de gando ou a por outro. Debemos lembrar que estes animais non teñen supermercados, pero ter, teñen que comer coma nós. Por exemplo, en Ourol adoitan atacar os cabalos, en Abadín matan vacas, en Allariz a máis cabras e en Castroverde cebáronse coas ovellas.
Cal é o problemas cos xabarís?
Mentres que os lobos non se achegan ás persoas, os xabarís non teñen problema en facelo. Na Coruña houbo momentos que se fixeron virais nas redes sociais, como o da a súa aparición na praza do Concello, a de María Pita, que o habitual é vela chea de xente; ou como o dun instituto, a semana pasada. A este último acudiron especialistas para capturalos.
Non só na Coruña
A cuestión é que ver un xabaril preto dun núcleo urbano afastado dos montes, que é onde habitan, é posible en toda a comunidade, non só na Coruña. Todos os concellos de Galicia rexistraron danos nos cultivos provocados por esta besta.
Por qué sucede isto?
Do mesmo xeito que ocorre con algunhas aves, como as gaivotas ou as pombas, os xabarís souberon adaptarse ás condicións impostas polos humanos e mesmo aproveitarse delas. Aséntanse en zonas nas que haxa algo de arboredo, e pola noite saen a buscar alimento. Nas cidades comen do lixo, e ademais están protexidos dos seus depredadores naturais.
Perdas económicas e humanas, o risco dos encontros
Lonxe dunha imaxe viral, a presenza dunha piara (ou varias) de xabarís na contorna urbana preocupa ás Administracións. Cando estes animais se achegan demasiado a unha estrada supoñen un risco moi elevado. De feito, calcúlase que causan dez accidentes de coche en Galicia cada día. Ademais, esta especie tamén provoca desfeitas nos cultivos, en xardíns ou en parques das zonas que visitan. Preocupan as incursións en plantacións de cereais como o millo, que resulta fundamental para a alimentación do gando. Por outra banda, o principal reto que representa o lobo é, como vimos, o ataque ao gando. As vacas, as ovellas, as cabras ou os cabalos son parte da economía das zonas rurais de Galicia, e os ataque fan que se perda parte da súa fonte de ingresos.
Cazar o xabaril e compensar os ataques dos lobos: as posibles solucións
Os problemas do lobo e o xabaril supoñen contemplar dúas formas de enfrontarse ás incursións destes animais. Para controlar ás poboacións de porcos salvaxes, a Xunta autorizou a súa caza sen límites en 248 concellos de Galicia ata finais de febreiro. Trátase dunha medida excepcional que se tomou polo perigo que supoñen para a agricultura e a xente. Esta solución é a máis efectiva, pero non é suficiente, porque cada vez hai menos cazadores e esta actividade está mal vista por parte da poboación. Tamén se poden capturar con gaiolas e un cebo, pero esta medida é máis cara e menos efectiva cá anterior.
A caza do lobo está prohibida, por iso, as Administracións públicas ofrecen compensacións económicas aos gandeiros despois dun ataque, para tratar de equilibrar estas perdas.
ACTIVIDADE BÁSICA
Diversas bestas
Aínda que falaramos moito dos lobos e dos xabarís, Galicia conta cunha ampla diversidade de animais salvaxes nos seus montes. Por grupos, debedes escoller unha especie e presentala na clase.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Unha convivencia inevitable
Por que os xabarís chegan ás cidades?, son uns inconscientes ou seguen o seu instinto natural?, por que o lobo, un animal moi esquivo, se arrisca a saír do monte a buscar comida preto de núcleos urbanos? Este problema é complexo. Por unha banda, débese á evidente razón de que a poboación de ambas especies está medrando. Como é lóxico, a do lobo está en aumento e os seus números son protexidos. Por outra banda, os xabarís, aínda que non están protexidos e moitos morren en sinistros de tráfico, séguense reproducindo sen aparente control. Segundo datos do Instituto de Investigación de Recursos Cinegéticos, actualmente hai máis dun millón de exemplares en España, un número que podería duplicarse no 2025.
Pero esta non é a única razón para que ocupen máis titulares. Esta especie de porcos ten unha capacidade de adaptación moi alta, por iso non teñen problemas en vivir en zonas urbanas. Os expertos din que as piaras se foron movendo dos montes ao eixo atlántico de Galicia, onde hai menos depredadores, como o lobo, e teñen menos risco. E, en suma, está o problema do cambio climático, que suaviza as temperaturas, así como a construción de casas e estradas preto dos seus territorios. Así o resumía o investigador do Instituto de Investigación en Recursos Cinegéticos Xoaquín Vicente Baños: «Os xabarís son unha especie cunha capacidade reprodutiva atípica nun animal tan grande. O feito de ter máis comida dispoñible nas milleiras ou nas cidades e a subida das temperaturas, cuns invernos menos fríos, favorecen que teñan máis camadas».
Se vos fixades, todo está relacionado. Mentres que o xabaril se despraza cara á outras zonas, o lobo non se pode alimentar deles, así que ten que buscar outras presas. Son moi listos e, se ven que nunha granxa sempre hai comida dispoñible, asumirán que sempre poderán atopala nese lugar sen facer un grande esforzo, como si ocorre no monte. Por iso volven. A solución parece complicada. De nada serve protexer unha especie se non se protexe o ecosistema que fixo dela o que é hoxe en día.
Os cans poden transmitirnos enfermidades, pero é algo moi pouco habitual
A estreita relación entre humanos e animais, o aumento da actividade comercial e o incremento da mobilidade produciu unha proliferación das zoonoses. Estas son un conxunto de enfermidades infecciosas que poden dar o salto de animais a persoas, e viceversa. Hoxe en día temos moitos exemplos. A enfermidade de Lyme, provocada pola mordedura dunha carracha infectada, é unha das máis coñecidas. Estímase que contraen esta infección bacteriana uns 65.000 europeos, e entre os seus síntomas está a febre, erupcións na pel ou dor de corpo e parálise facial. Seguro que tamén escoitastes falar da rabia, a cal se transmite a través da saliva de animais infectados que xeralmente morden a un humano. Temos exemplos de gripes, como a aviaria ou porcina, cuxa orixe está nos animais, aínda que o máis famoso foi o virus SARS-CoV-2, que coñecedes ben, pois é o que causa o covid-19.
A convivencia con animais domésticos é cada vez máis común. Os nosos cans poden transmitirnos enfermidades, como a leishmaniose, cuxa orixe está nun mosquito, ou a rabia. Aínda que a primeira é máis difícil de previr, a segunda atállase con vacinación. Con todo, que os nosos fieis compañeiros nos pasen unha enfermidade é algo moi pouco habitual, e grazas á vacinación, cun coidado regular, unha boa hixiene e a supervisión veterinaria reducimos a exposición.
ACTIVIDADE MEDIA
A caza: a favor ou en contra
A caza é un asunto sensible que sempre acaba en debate. Pero este, sen caer en faltas de respecto, pode ser construtivo. Debedes dividir a clase en dous grupos e escoller un vogal. Uns estarán a favor e outros en contra da caza. Argumentade as posicións.
Propostas que eviten a morte dos xabarís
■ Na actualidade, a única solución que se propón como efectiva para reducir a poboación de xabaril é a caza ou a captura que a continuación termina nunha eutanasia. É lóxico que este tipo de situacións poidan darnos pena. Cando un xabaril chega a un núcleo urbano non o fai por amolarnos e non ataca a humanos (outra cousa son os canciños), senón por puro instinto de supervivencia. Credes que debemos dar o paso cara á outras solucións?
■ Para evitar a súa morte, algúns grupos ecoloxistas suxeriron medidas alternativas. Por exemplo, un grupo de Suíza pediu que se usen vacinas anticonceptivas para evitar que os xabarís teñan capacidade de reproducirse.
■ Outros apostan por espantalos e afastalos das estradas ou leiras. Para iso, os agricultores poderían ter cancelas reforzadas, reflectores, ultrasóns ou repelentes olfactivos. Con todo, témese que os porcos poidan afacerse a eles.
ACTIVIDADE AVANZADA
Articulistas de opinión
Despois de analizar as dúas posturas, escribe un artigo de opinión. Recorda que debes argumentar con razoamentos o teu parecer, e que a información que ofrezas debe ser real e baseada en fontes oficiais.
Ser vegano: unha filosofía que defende a vida animal dende todas as perspectivas
■ «Son vegano». Seguro que algunha vez escoitastes dicir esta frase. Sabedes o que significa? Trátase dun estilo de vida que quen o practica busca evitar o dano aos animais todo o posible. Para iso rexeitan o uso de produtos de orixe animal, como o coiro o a la.
■ Seguen unha dieta vegana e non poden tomar ningún alimento que proveña dos animais. Isto exclúe produtos como o leite, os iogures ou o queixo. Se os toman, son vexetarianos ou ovo-lácteo-vexetarianos.
■ Unha das críticas a este estilo de vida é que a súa dieta non é segura nin equilibrada. Hoxe sábese que unha dieta vegana pode ser tan saudable como unha omnívora se está complementada con complexos vitamínicos. A falta de estudos de longa duración, en nenos pequenos os pediatras aconsellan que sexa unha dieta ovo-lácteo-vexetariana. Cres que a xente respecta a decisión das persoas veganas?, algunha vez os xulgaches?
■ Hai moitos adeptos que se suman a unha dieta vegana por unha cuestión ambiental. Os produtos de orixe vexetal adoitan usar menos enerxía e auga, e xeran menos gases de efecto invernadoiro, di a ONU.
■ Fronte ao veganismo, outra xente promove unha dieta omnívora (con carne e peixe), pero respectuosa co medio ambiente, con produtos de proximidade e con garantía de calidade e de boa atención aos animais. Entenden que é máis equilibrado e xera riqueza na contorna. Ti que pensas?