L. CANCELA

Amigos e amigas, chegou o momento do verán! Nunca mellor dito, porque hoxe, a dous minutos das cinco da tarde, darase por comezada a estación. Vaia curso que pasamos! Seguro que foi un ano especial, cheo de novas experiencias e aprendizaxes. Espero que todos pasedes de curso e, a quen vos cadre, cambiedes de etapa. Pero agora non é momento de pensar no futuro. Xa chegarán os novos libros en setembro para que o fagades. As despedidas de clase sempre soan a final e fan que esteamos un pouco nostálxicos; iso si, mágoas fora! Hoxe é un día de celebración e de mirar para atrás para ver todo o que levamos connosco.

Manter o interese

Se abrides o xornal estas semanas, podedes ler noticias relacionadas co primeiro tema do curso: o xuízo do accidente do Alvia, a peor catástrofe ferroviaria de Galicia. Dende aquela, analizamos informacións moi diversas, algunhas incluso con capacidade de facernos rir e aprender cousas curiosas, como a posible orixe galega de Cristovo Colón ou todo o ritual que hai que seguir para elixir ao papa do Vaticano.

Aínda que sexa verán, non esquezades as tarefas para manter ben fresco todo o que estudastes. Xuño e xullo serán atarefados, polo menos, no que á actualidade se refire. O 23 do próximo mes son as eleccións xerais, nas que os españois maiores de 18 años elixirán os seus representantes. Lembra o que falamos hai unhas semanas: destes comicios sairán as persoas que farán as leis do noso día a día. Se entre praia e praia vos aburrides, xa tedes un plan: do 20 de xullo ao 20 de agosto celébrase a Copa Mundial Feminina de Fútbol. Apoiar este deporte é moi importante, pois existen grandes diferenzas co masculino en canto a salario e condicións de traballo. Como vimos, a mellor futbolista cobra cen veces menos que o mellor xogador masculino.

Se ides de vacacións, apostade por un turismo sostible, como falamos hai unha semana. Intentade non viaxar con estereotipos. Tratamos deste tema a raíz da película As bestas, lembrades? Para coñecer ben unha cultura, é esencial non visitar un sitio cunha mala idea do que ides atopar. Por exemplo, non vaiades a Cataluña pensando que son uns rañados.

A información internacional

A invasión de Rusia a Ucraína segue facendo tremer ao mundo. O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, segue pedindo axuda ao resto dos países occidentais, entre os que está España. Precisamente, o noso país toma a presidencia do Consello da Unión Europea dentro de dúas semanas, e o conflito bélico terá que formar parte dalgunhas das decisións que todos os membros da Unión tomen. Un compromiso que se organiza en tríos: primeiro vai España, logo Bélxica e, finalmente, Hungría. Un conxunto que, por certo, tamén terá como obxectivo a transformación dixital. É dicir, pasar dos métodos de traballo manuais aos dixitais. O certo é que o avance tecnolóxico está medrando a pasos axigantados. De feito, Galicia será un polo da intelixencia artificial, coa instalación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial na Coruña. Este organismo encargarase de poñer límites e velar polo usuario ante este tipo de algoritmos. Seremos referentes europeos e o resto dos países aprenderán do noso exemplo.

Nestes tres próximos meses teredes tempo para pasalo ben, pero non deixedes de estar informados do que pasa no mundo e coñecer o contexto das noticias que fan que teñamos un pensamento crítico e as ideas claras. E lembra que ler un xornal é como ter un billete gratis para calquera parte do mundo.

Un curso cheo de profesións: desde avogados a concelleiros ou historiadores

Da man da actualidade informativa, tratamos de temas moi sensibles. Por exemplo, aprendemos que non existe o dereito a ter fillos, debatemos sobre o que se considera politicamente correcto, cuestionámonos se no fútbol aínda hai homofobia e falamos sobre a importancia de saber deixar unha relación e ser deixado. Tamén vos tivestes que poñer na pel de moitas profesións. Fostes avogados comparando comportamentos reprobables que existen na nosa sociedade, matemáticos adiviñando o diñeiro que se debía repartir en cada premiado da lotería de Nadal; tamén fixestes de economistas e elaborastes a vosa propia pensión ou un orzamento para todo o ano. Houbo tempo para convertervos en xeógrafos falando do voso país favorito, xornalistas para coñecer o pasado ou historiadores de cinema para falar sobre as películas do afastado Oeste. Mesmo vos animastes a ser cociñeiros e a pensar que interese poderían ter algunhas especies invasoras na nosa gastronomía.

 

LA VOZ DE LA ESCUELA, NÚMERO A NÚMERO

19 DE OUTUBRO

Comeza o xuízo do accidente ferroviario de Angrois. A peor catástrofe ferroviaria de Galicia ocorreu non 2013 e deixou 80 mortos.

26 DE OUTUBRO

A dimisión da primeira ministra de Reino Unido. O país levaba cinco en seis anos e atravesaba una crise política, debido ás consecuencias do brexit.

2 DE NOVEMBRO

A Aesia podía converter a Galicia en referente de intelixencia artificial. O organismo estará na Coruña e lexislará moita da tecnoloxía que xa temos nas nosas mans.

9 DE NOVEMBRO

Piqué deixa o fútbol. A súa retirada permitiunos falar das diferenzas do fútbol masculino có feminino e da mala imaxe deste deporte.

16 DE NOVEMBRO

Comeza o mundial de Qatar. Foi un dos torneos máis polémicos, porque o país non respecta os dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI. O diñeiro comprou conciencias?

23 DE NOVEMBRO

A lei do «só si é si» ten o efecto contrario. Levou a rebaixa dalgúns condenados por delitos sexuais e nos preguntamos se a lei debe defender a todos.

30 DE NOVEMBRO

España aproba os presupostos. O programa do Goberno sobre o destino do diñeiro saíu adiante. A Unión Europea aportou unha cantidade sen precedentes.

7 DE DECEMBRO

«As bestas» obtén 17 nomeamentos aos premios Goya. O filme, baseado nun crime de Galicia, fora criticado por perpetuar os estereotipos da nosa comunidade.

14 DE DECEMBRO

Unha velutina, nai de todas as avespas asiáticas. Falamos da súa chegada a Europa, así como a forma de introducir outras especies invasoras e os seus efectos.

21 DE DECEMBRO

O Sorteo Extraordinario do Nadal. España celebra una tradición, pero o xogo de azar ten outra cara: a ludopatía.

11 DE XANEIRO

Falece Bieito XVI, o primeiro emérito en 800 anos. Renunciou ao seu cargo con vida, no 2013, un feito que non se repetía desde 1294. Como se elixe ao papa?

18 DE XANEIRO

A canción de Shakira con Bizarrap. A cantante dedícalle a sesión a Piqué, o seu ex, e reabre o debate sobre facer as relacións públicas, saber deixar e ser deixado.

25 DE XANEIRO

Reábrese o debate sobre o aborto. O Goberno de Castela e León anunciou novas medidas provida que non estaban aconselladas polos médicos. Finalmente, tiveron que retiralas.

1 DE FEBREIRO

Europa acorda enviar tanques a Ucraína. O apoio da OTAN non cesa e confirma o noso papel como parte da loxística da guerra.

8 DE FEBREIRO

O ataque de catro cans, tres de raza perigosa, a una muller reabre o debate. Un pobo de Ourense estaba atemorizado por este suceso, pois xa tiveran varios sustos. A educación dos animais é moi importante para o seu benestar e é responsabilidade dos donos.

15 DE FEBREIRO

A terra treme en Turquía e Siria. Dous terremotos provocan unha catástrofe que non se vivía desde había 80 anos. Hai miles de falecidos e feridos. As catástrofes son previsibles? Hai desastres de pobres e de ricos ou todo é cuestión de prevención?

1 DE MARZO

A probable orixe galega de Colón. A ciencia permite reescribir a historia e coñecer máis acerca da vida dos nosos antepasados a través do análise do ADN.

8 DE MARZO

Día Internacional da Muller. Aproveitamos esta data para facer memoria dos cen anos de loita nos que a poboación feminina non parou de conseguir dereitos. Fixemos un breve repaso das figuras que marcan ou marcarán tendencia. Recordaas?

15 DE MARZO

O Goberno introduciu reformas nas pensións dos nosos maiores. O aumento de esperanza de vida, o crecemento do número de pensionistas e a redución de persoas que cotizan cuestionan o futuro da xubilación. Poder durar para sempre?

22 DE MARZO

Captúrase un segundo submarino nas costas galegas empregado para o narcotráfico. A posición estratéxica de Galicia no mapa e a súa tradición de contrabando de tabaco fan que a nosa comunidade sexa unha porta de entrada das drogas en Europa.

29 DE MARZO

Varias cidades europeas, entre elas A Coruña, conmemoran a Picasso no medio século da súa morte. Foi un dos artistas máis importantes da historia da arte e Galicia influíu na súa obra.

12 DE ABRIL

Reábrese o debate da xestación subrogada có caso dunha famosa presentadora. O avance na medicina cuestiona a nosa ética: onde quedan os límites da investigación?

19 DE ABRIL

O conflito da mexilla. Percebeiros e bateeiros seguen inmersos nunha disputa polos acantilados, pois a mexilla e o percebe comparten este espazo. A extracción dun supón un problema para o outro.

26 DE ABRIL

O voo de Starship, o foguete máis potente da historia, quedou frustrado no seu primeiro intento. A nave foi construída para chegar á Lúa e a Marte. As grandes potencias mundiais, así como empresarios millonarios, lánzase a carreira por conquistar, de novo, o espazo.

3 DE MAIO

O cantante Bruce Springsteen conquista Barcelona con 73 anos. O exemplo de The Boss, que así é como se lle coñece, serviunos para coñecer a historia da música e aos cantantes que con máis de 70 anos seguen facendo xiras e enchendo estadios con cada concerto.

10 DE MAIO

O Día das Letras Galegas dedícase a Francisco Fernández del Riego, promotor da festividade. Repasamos o resto de figuras homenaxeadas desde que comezou no 1963 en honor a Rosalía de Castro.

24 DE MAIO

As eleccións municipais en Galicia, e tamén autonómicas na maioría de España estaban á volta da esquina. Estes comicios serven para elixir aos concelleiros que formarán parte do pleno municipal. Algo así como o Parlamento da nosa cidade.

31 DE MAIO

Vinicius planta cara aos insultos racistas por parte duns afeccionados. A sociedade española empeza a preguntarse se España é un país racista. Todos temos un papel na loita contra este tipo de discriminacións.

7 DE XUÑO

A partir do 1 de xullo, España pasa a presidir o Consello da Unión Europea. Aínda que o actual presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, convocara eleccións xerais para o 23 do mesmo mes, este cargo mantense para o noso país. A Unión Europea amosa como un pacto económico serviu para crear lazos entre nacións que foran inimigas no pasado.

14 DE XUÑO

Un turismo sostible é posible. O actual ritmo de viaxes que levamos e as infraestruturas creadas para facerlle fronte poden pasar factura ao noso planeta. Por iso, cando viaxemos debemos ser visitantes respectuosos có lugar e os seus habitantes.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies