A aprendizaxe na aula é a parte máis importante de calquera curso, pero debe complementarse con saídas nas que o alumnado poida coñecer a aplicación na vida real de todos os coñecementos teóricos. Con este fin, máis de cincuenta alumnos dos ciclos formativos de Comercio e Márketing e Educación Infantil do EFA Piñeiral de Arzúa participaron nunha semana formativa en Madrid.
Antes de entrar en aspectos concretos das súas especialidades, algúns deles visitaron o Congreso e, invitados pola deputada Marta González (PP), puideron presentar as súas inquedanzas sobre as necesidades e problemáticas da xuventude no rural a un grupo de congresistas.
Despois, o alumnado de comercio visitou o NH Collection Real Casino de Madrid e o hotel Meliá Princesa para coñecer as súas estratexias de comercialización e organización de eventos. No Murph Media e Autocontrol descubriron unha visión diferente sobre aspectos do sector. E tamén estiveron cos directores creativos de Havas Comunicación.
Algunhas das actividades desta semana formativa tiveron lugar na Casa de Galicia en Madrid. Na xornada do martes, tras a benvida institucional a cargo do Presidente Juan Carlos Serrano, desenvolvéronse varias charlas técnicas con profesionais do márketing e do audiovisual. Rita Rodríguez, CEO de The Turtle Academy coa tertulia «Manual de primeros auxilios cómo dedicarse a la publicidad y no morir en el intento» achegoulles algunhas das claves da profesión de publicista. Laura Cardenal e Eduardo Contreras, da empresa Selectra, centráronse na importancia da fidelización da marca como éxito da empresa; e Alejandro Lafuente e Lara Pérez de Bteam Pictures explicaron o papel do márketing nunha distribuidora audiovisual.
Mentres, o alumnado de Educación Infantil estivo inmerso na actividade diaria de varios colexios da capital (Montealto, Tajamar, Senara, Los Tilos e Nuestra Señora del Recuerdo).e participou en varias conferencias: Juan Sánchez, presidente da Asociación Internacional de Educadores Infantís lles presentou a labor desta entidade; Marga Alonso centró a súa na orientación educativa; con Lola Forfo traballaron a psicomotricidad; e José Luis Zarataín faloulles das iniciativas que levan a cabo na Fundación Promoción Social.