L. Cancela
Hai dúas semanas, o fútbol español viviu unha situación moi desagradable. O episodio de racismo contra Vinicius, un xogador do Real Madrid, no partido contra o Valencia disputado no estadio de Mestalla, ocupou as noticias durante días.
Que é o racismo?
É unha crenza que sostén a superioridade dun grupo étnico sobre os demais, o que conduce á discriminación ou persecución social. A discriminación pode vir de moitas formas, desde que unha persoa non obteña un traballo polo seu lugar de procedencia ata que reciba insultos orixinados por este motivo.
Que pasou?
O Valencia e o Real Madrid disputaban un partido importante para os dous equipos. Os ánimos estaban caldeados no ambiente, porque o Valencia ía gañando, mentres que o Real Madrid facía moitos esforzos por empatar. Precisamente aquí empezou o problema. Tras unha xogada moi polémica, a bancada de afeccionados empezou a protestar de forma contundente e a insultar a Vinicius. «Es un mono», dixéronlle.
Que fixo Vinicius?
Algo non moi habitual no deporte. O máis frecuente é que os deportistas calen e pasen das provocacións dos afeccionados do equipo contrario. Pero nesta ocasión Vinicius plantoulles cara. O brasileiro achegouse á bancada de seareiros (fans radicais) do Valencia para increpar a un dos afeccionados polos seus insultos racistas. «Non quero xogar máis», chegou a dicir o deportista.
E os seus compañeiros?
Foron varios os xogadores que acudiron á beira de Vinicius para increpar, con el, ao conxunto de afeccionados. Outros trataban de acougar os ánimos e disipar a discusión.
Houbo consecuencias?
No momento, non. O árbitro parou o partido e fixo que se lanzase unha mensaxe por megafonía en contra do racismo. Mentres tanto, Vinicius falaba co seu adestrador, Ancelotti, sobre se retirarse do campo. Finalmente, o partido renovouse e, aínda con moita tensión, Vinicius foi expulsado por agresión a outro xogador. Iso si, as reaccións non tardaron en chegar. Competición, que é o organismo que vela polas prácticas xustas, pechou as bancadas do Mestalla desde as que se gritaron os insultos. Ademais, puxo ao equipo unha multa.
Que pasou despois?
Nas súas redes sociais, o xogador mostrou o seu descontento pola reacción da Liga en España. «Síntoo polos españois que non están de acordo, pero hoxe, en Brasil, España é coñecida como un país de racistas», comentou. Brasil tamén se solidarizou co seu compatriota, e ademais de condenar os insultos, instou ao Goberno a tomar medidas e mesmo apagou (sempre está iluminado) o seu Cristo Redentor, a figura máis coñecida do país.
Coñécese aos culpables?
Si, detiveron a tres persoas que terán que prestar declaración en xuño. Vinicius tamén o fará en calidade de vítima.
As sancións europeas para frear a xenofobia no deporte
Varios Estados europeos toman medidas para loitar contra o racismo. En Inglaterra, están prohibidos os cánticos ou berros deste tipo realizados de forma conxunta por dúas ou máis persoas, polo que se sanciona aos que os fan; ademais, supón a expulsión dos autores dos estadios. Francia contempla un ano de prisión e multas de ata 15.000 euros para os espectadores que teñan un discurso de odio no estadio; tamén pode prohibir o acceso aos partidos durante cinco anos. O protocolo de Italia contempla un aviso por megafonía e a posibilidade de que o árbitro suspenda o encontro; a realidade é que poucas veces se cancela. Máis disciplinarios son en Alemaña, onde é máis habitual ver a suspensión dun partido por un incidente deste tipo.
Desde a crispación do fútbol ao silencio inquebrantable do tenis
Pensades que no fútbol a crispación e o enfado están máis presentes que noutros deportes? Se miramos outras disciplinas, como o tenis, vemos como é habitual que o público permaneza en silencio e apenas se escoiten ruídos máis aló dos aplausos. As normas dun dos torneos máis importantes, o de Wimbledon, contempla a expulsión en caso de que se exceda algunha liña vermella, como é un comportamento molesto ou agresivo, unha linguaxe abusiva ou racista ou quitarse a camiseta ou outra peza de vestir. A tolemia que xera o fútbol pode deberse a moitos factores, pero un determinante é a sensación excerbada de pertenza a unha comunidade e a identificación co equipo. Isto vese acrecentado nos hinchas, as persoas que seguen con paixón aos equipos, que coinciden en moitos partidos.
ACTIVIDADE BÁSICA
Os favoritos
O deporte non debe entender de fronteiras. Pensa no teu deporte favorito e sinala un xogador estranxeiro que che guste. Por que é?, vedes como a súa procedencia non importa?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela
O antirracismo en España: loita especial en redes sociais
O caso de Vinicius Jr. serviu para abrir un debate: é a Liga española unha contorna racista? Un feito que sucedeu nos campos rapidamente se converteu nun asunto de Goberno. O Ministerio de Igualdade, dirixido por Irene Montero, enviou unha carta á Real Federación Española de Fútbol e á Liga onde lles pide que, debido á gravidade do problema e a que esta non era a primeira vez, apliquen as medidas para loitar contra o racismo. Unha delas podería ser as que contempla o artigo 15 da «Ley 19/2007, de 11 de julio, contra la violencia, el racismo, la xenofobia y la intolerancia en el deporte». Esta norma contempla o desaloxo parcial ou total do campo cando ocorra un incidente deste tipo.
Desde hai máis dun ano, este ministerio está a traballar no que podería ser a futura lei contra o racismo. O proceso paralizouse despois da convocatoria de eleccións xerais de Pedro Sánchez o pasado luns. O Parlamento disólvese e non se poden ditar máis leis ata que empece outra lexislatura. Se as eleccións volven dar a vitoria á esquerda e o Goberno de Pedro Sánchez continúa, é posible que se retome esta lei, pero non ten obriga de facelo.
O obxectivo da norma era loitar contra a discriminación e promover a igualdade das persoas en todos os ámbitos. O borrador do documento, que asenta as bases sobre as que versará a lei, contemplaba medidas como a creación de protocolos en estadios ou en escolas, a imposición de multas ou o endurecemento das penas de cárcere. A súa intención era loitar contra os discursos de odio, especialmente nos medios de comunicación e nas redes sociais.
O que si está dispoñible é o teléfono 021, para atender a persoas que sufran situacións de discriminación racial. O servizo pretende axudar ás vítimas a través de varias medidas, como ofrecer asesoramento xurídico gratuíto e inmediato no relativo a ámbitos de sanidade, vivenda, emprego ou traballo, entre outros; ou prestar un servizo mediador entre as dúas partes que pode haber nun conflito desde tipo. Segundo distintos estudos, menos do 20 % das agresións racistas acaban en denuncia.
A liberdade de expresión non está por riba da dignidade dunha persoa
O delito de odio é unha infracción penal que nace de prexuízos contra unha persoa ou un grupo de persoas que pertencen a un determinado conxunto social. Pode ser por razóns de raza, relixión, xénero, idade, ideoloxía, orientación sexual, enfermidade ou por outros motivos. Precisamente, aos tres detidos polos insultos a Vinicius impútaselles un delito de odio, é dicir, que se lles atribúe ou acusa dese feito. Pero este delito pode manifestarse doutros xeitos, como botar a alguén do traballo por ser afroamericano, non vender un piso a unha parella LGTBI ou dicir en público que todas as persoas dunha etnia son unhas ladroas. Como infracción penal, o delito de odio está recollido no Código Penal con castigos de prisión e multas de seis a doce meses a quen promovan ou inciten ao odio contra unha ou varias persoas.
En ocasións, a liberdade que ten unha persoa para dicir o que quere (liberdade de expresión) pode entrar en conflito co contido das súas palabras. Máis aló de que debemos entender que a nosa liberdade termina onde comeza a doutro, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (a máxima institución xudicial europea) aclarou que a liberdade de expresión nunca pode empregarse para recoller discursos de odio. Para o órgano, a dignidade da persoa queda por riba do que alguén poida dicir. Entendedes a súa posición?
ACTIVIDADE MEDIA
Galicia foi emigrante
Na actualidade, España vive en prosperidade e é un país receptor de inmigrantes. Pero no pasado a comunidade galega tivo que partir cara ao estranxeiro buscando unha vida mellor. Indaga e pídelle a alguén que che conte a súa experiencia.
Entender: é España realmente un país racista?
■ En Europa estase a rexistrar un aumento de poder dos partidos de ultradereita que alimentan os discursos de odio contra certos colectivos, como pode ser o dos inmigrantes. No 2022, Vox chegou a dicir que «ter o DNI non significa ser español», despois de vincular a delincuencia coa inmigración. De feito, chegárono a repetir en varias ocasións.
■ Se alguén di que España é racista, enfádanos? Se esa persoa forma parte dun colectivo que tradicionalmente estivo «racializado», pode ter argumentos para sentirse así. O racismo non só consiste en insultar, tamén poder ser outro tipo de discriminación. Ademais, se a título persoal non nos consideramos racistas, por que nos ofendemos?
■ Por exemplo, no 2020, o racismo foi a principal causa dos delitos de odio denunciados en Galicia. Repasa a túa actitude, os sentimentos que tes, ante unha persoa doutra etnia. Actúas igual con todos ou tes prexuízos con algún colectivo?
ACTIVIDADE AVANZADA
O teu papel no colexio ou instituto
Chegar a un país novo pode ser algo aterrador. Para acoller a todos, e coa chegada de alumnos inmigrantes, algúns centros rotularon as instalacións nos seus idiomas e fixeron pictogramas. Pensas que sería útil no teu?
Profundar: as tarefas individuais que todos podemos facer para loitar contra as discriminacións
■ Que pode facer a sociedade para loitar contra o racismo? E que podes facer a nivel individual? O primeiro é escoitar a aquelas persoas que o sofren e non quitarlle valor ao que contan. Escoitar é unha forma de educar.
■ Tamén podes pasar a acción e non tolerar certas cousas. Por exemplo, o racismo pode estar presente en estereotipos ou chistes sen graza contra certos colectivos. Se tes confianza coa persoa que os fai, trata de falar con ela e explicarlle que as súas palabras poden ferir a outros.
■ A orixe da humanidade sitúase en África. Sabes que os únicos «Homo sapiens» cen por cen puros son os subsaharianos? Os europeos temos trazas de neandertal no noso xenoma. É máis, unha coñecida teoría xenetista é a da Eva mitocondrial, unha muller africana que corresponde ao devanceiro feminino que ten as mitocondrias das que descenden as nosas. Ten sentido pensar que somos diferentes?
■ Así as cousas, como se crearon as etnias?, que define unha etnia: a lingua, a cultura, a historia ou os antepasados? Moitas culturas teñen a súa orixe na mestura doutras: ten sentido que haxa unha que se superpoña? Buscade respostas e debatede.
■ No IES A Sardiñeira, da Coruña, fíxose un programa para que os alumnos xitanos falasen da súa cultura nas aulas. Atréveste a facer algo similar no teu centro? Por onde empezarías?