S. PÉREZ
Ata ben entrado o século XVIII, a cervexa e o viño considerábanse un alimento máis nas casas europeas como outro calquera. Así pois, o consumo de alcohol era algo que estaba completamente normalizado a calquera hora, idade e día. Incluso os nenos. Tampouco axudou que a auga non gozaba dunha boa reputación nese momento; por exemplo, en Francia críase que era perigoso o contacto con ela e en ningún caso se empregaba quente para asearse. De feito, non foi ata o ano 1963 cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o alcoholismo unha enfermidade incurable, progresiva e mortal e decidiu que cada 15 de novembro se celebre o Día Mundial sen Alcohol, para concienciar e informar sobre os danos tanto físicos como psicolóxicos que provoca a súa inxestión a nivel persoal e tamén social.
Hai varias cifras que corroboran a teoría da Organización Mundial da Saúde. A máis directa é a do número de vítimas que provoca o alcohol cada ano: un total de tres millóns de mortes. Pero a isto hai que engadir as persoas afectadas polas secuelas que deixa, como as dificultades de memoria, o incremento da tensión arterial, problemas dixestivos ou enfermidades cardíacas e de fígado, entre outras.
Falsos mitos
Hoxe é un bo día para desmontar varias crenzas sobre o alcohol que non se corresponden coa realidade. Nin quita o frío nin acalma a dor crónica nin, moito menos, o seu consumo fai que unha persoa sexa máis social. Vós coñecedes algún mito máis? E é de especial importancia subliñar que o seu consumo durante a adolescencia aumenta as posibilidades de desenvolver como adulto unha dependencia das bebidas alcohólicas.
En España, segundo datos difundidos polo Ministerio de Sanidade no 2021, os máis novos comezan a consumir aos 14 anos. De feito, o 75 % dos mozos de entre 14 e 18 anos xa beberon alcohol e o 2 % fixérono cada día no último mes. E tres de cada dez inxeriron cinco ou máis copas en dúas horas, o que se coñece como binge drinking, ou consumo en atacadura, un costume que se está estendendo. E un dato máis: as mulleres beben e emborráchanse máis cós homes.
Unha baixa autoestima, a presión social do grupo ou a busca dunha evasión da realidade son algúns dos factores que intensifican o consumo de alcohol, pero ante unha situación así o mellor é pedir axuda na casa, na escola ou a un profesional. Cal sería para vós a solución ou como credes que podedes axudar a un compañeiro que se sinta dese xeito? Coñecedes a alguén que sinta a presión do grupo porque decidiu non beber? Pasouvos a vós?
Para atallar os perigos do consumo das bebidas alcohólicas, os Gobernos regulan a súa venda e comercialización e restrínxena aos menores de idade. Tamén fan pedagoxía coas campañas educativas e de concienciación e aplican impostos para diminuír a súa demanda. Pero os expertos subliñan que estas iniciativas teñen pouco éxito se non se acompañan de educación e prevención.
Para saber máis
Preguntádelle aos vosos pais ou avós canto alcohol consumen ao longo da semana e se coñecen algún caso de se antes se lles daba alcohol aos nenos