S. Pérez

Sabedes o que é o glute? Trátase dunha proteína que está no trigo, no centeo, na cebada e tamén nos cruces destes grans. Isto é, nos pans, os cereais, as tortas ou as pastas, amais doutros moitos alimentos. O máis seguro é que forme parte das vosas comidas, a non ser que sexades celíacos e teñades que ter moi coidado co que comedes. É dicir, a non ser que o glute vos dane o intestino. Estímase que ata un 2 % da poboación mundial é celíaca, pero o problema é que a oito de cada dez persoas non se lles diagnosticou nunca. A nivel nacional, esa cifra aumenta ata case un 5 % no caso dos adultos e baixa a case un 1 % se falamos de nenos.

Cantas persoas no voso entorno coñecedes que non poidan comer o mesmo pan ca vós, as mesmas pizzas ou a mesma pasta? Pois ben, o pasado luns celebrouse o Día do Celíaco en España, como cada 27 de maio, para visibilizar as persoas que teñen esta enfermidade e mais para normalizar a súa situación.

A parte boa de todo isto é que, cada vez máis, hai opcións que suplen ese pequeno atranco. Pan sen glute, macarróns sen glute, masa de pizza sen glute e mesmo biscoitos e galletas sen glute! Todo iso se pode encontrar non só en tendas especializadas para celíacos, senón que nos corredores dos supermercados hai bastantes produtos dirixidos especificamente a estas persoas. Poden facer unha vidacompletamente normal, sempre que se adapten ás recomendacións do médico.

O problema maior son os prezos. A diferenza entre a cesta da compra anual entre unha persoa celíaca e outra que non o é supera os mil euros, a prexuízo da primeira delas. En Galicia non hai ningunha axuda para facer fronte aos custos adicionais, pero si que hai propostas a nivel municipal. É o caso de Barbadás, que abriu o ano pasado unha liña de axudas para as familias residentes no concello con membros celíacos ou con intolerancia á lactosa, cun pago único de 400 euros. Noutros países de Europa, esta é a norma: en Noruega hai axudas de ata 240 euros ao mes! Con variacións na contía, o mesmo ocorre en Finlandia, Bélxica, Francia, Alemaña, Italia ou Grecia.

Coidado na escola
Amais de normalizar a súa situación, é moi importante que como compañeiros ou amigos dun celíaco saibades que é o que lle ocorre. Moi importante, porque, no caso de que consuman algún alimento que teña a proteína do glute, poden comezar a atoparse mal. Incluso pode ser perigoso. Así que, antes de compartir comida, é mellor asegurarse.

Para saber máis:

Podedes poñer en común na clase que alimentos conteñen glute e cales si pode consumir unha persoa celíaca.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies