OLGA SUÁREZ
Que sinte unha persoa contaxiada do coronavirus? Qué significado tiña a palabra «contaxio» antes da pandemia? Este termo tan temido na actualidade é o título dun vídeo que se ha convertido nun conto, promovido por Unicef e a actriz e presentadora Lucía Regueiro.
Contaxio é unha viaxe polo dicionario na que os nenos e nenas poden descubrir como se sente esta palabra perdida no medio do dicionario, e como descubre outras palabras coas que parece ter moita relación. Aínda que ela mesma non o sabía. Así, atópase co «medo», a «inxustiza» ou a «pobreza». Pero tamén coas oportunidades que lle brindan as «vacinas», a «medicina» ou a «investigación». O vídeo mostra esta viaxe polo dicionario a través das voces dos actores e actrices Xulio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Lucía Regueiro, Beatriz Serén e María Vázquez, ademais da realizadora Lucía Rodríguez, que poñen voz a esa viaxe entre palabras.
O libro veu despois, e foi presentado a pasada semana. Está escrito a seis mans por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso, e conta coa ilustración de portada do pintor Leandro Lamas. «Cando escribimos Contaxio os nenos estaban pechados entre catro paredes sen poder saír, non había colexio, perderan as rutinas e os adultos das súas familias tiñan preocupacións non só sanitarias, tamén polo futuro e a economía», recorda María Solar. «Saímos do confinamento, pero seguimos en risco e con necesidade de explicarlle aos pequenos que disto só se sae xuntos e colaborando. Diso vai Contaxio, de vencer medos unidos, de colaborar e saír adiante, sabendo que hai eivas, pero buscando solucións», explica a escritora e xornalista.
Tanto o vídeo como o conto se trata dun material didáctico moi interesante para alumnos de educación primaria e primeiro ciclo de secundaria, pero pode orientarse tamén a estudantes máis maiores porque, ademais de transmitir emocións e valores relacionados coa axuda a outros, permite traballar na aula coa adquisición de novo vocabulario.
Para Myriam Garabito, presidenta do comité en Galicia de Unicef, o conto pode servir para afondar noutras ensinanzas como «a importancia de saber apoiar e axudar a outros en momentos difíciles e a preocupación polos sentimentos dos demais, uns valores que constrúen democracia e cidadanía».
Co obxectivo de poder facilitar a aprendizaxe dos rapaces, pero tamén a lectura deste manual para toda a sociedade, Contaxio xa está nas bibliotecas municipais de Galicia, nas dos centros educativos e nos centros de protección á infancia, grazas ao apoio desta iniciativa de Unicef polas consellerías de Política Social e Cultura, Educación e Universidade.

Lembrar que hai que mover as mans ao falar
O vindeiro luns, 14 de xuño, celebrarase o Día Nacional das Lingua de Signos Españolas, unha conmemoración que se leva realizando sete anos para conmemorar o día en que se creou a Confederación Estatal de Persoas Xordas en 1936. Pasaron moitos anos dende a constitución desta entidade que reivindica os dereitos das persoas xordas e traballa para que teñan as mesmas oportunidades que o resto. Un xeito de conseguilo é loitando por normalizar a linguaxe de signos e, como en case todas as situacións, o mellor é coñecelo dende a infancia.
En Galicia, nestes últimos meses, desarrolláronse dúas iniciativas para que os nenos con discapacidade auditiva poidan, por exemplo, gozar dunha serie de televisión como calquera outro. E, cales son os debuxos máis característicos da televisión galega? Os Bolechas. Pois a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia promoveu, en colaboración coa Xunta, un proxecto para adaptar as historias desta entrañable familia televisiva con subtítulos e tradución á lingua de signos.
En concreto, a serie consta de 42 capítulos nos que se abordan con humor pequenos problemas diarios que os nenos galegos de entre 3 e 9 anos poden identificar co seu día a día; e outros catro capítulos dedicados aos escritores galegos Carlos Casares, Ánxel Fole, Manuel Murguía e Álvaro Cunqueiro. Pero, dado que a clave para a normalización da linguaxe de signos é que a coñeza toda a poboación, este material complétase cunha guía didáctica con exemplos da comunicación básica, como saúdos, parentesco ou cores.
Nestes días tamén hai que lembrar o traballo desenvolvido pola asociación Xoga e o seu programa Manciñas, deseñado tamén para axudar a nenos con diversidade sensorial entre as escolas, familias e profesionais do campo da educación. Trátase dunha serie de actividades extraescolares, contacontos, obradoiros ou charlas coas que amosan nocións básicas da linguaxe de signos como vehículo para a comunicación funcional.
A semana pasada presentaron en Pontevedra o seu programa de actividades para este 14 de xuño e un concurso dirixido ao alumnado dos centros educativos no que retan aos participantes a gravar unha curta de cinco minutos dunha historia, canción ou poema dun autor galego en lingua de signos. Como premio, un contacontos en linguaxe de signos e un taller de sensibilización.