Cristóbal Ramírez
España foi invadida polos musulmáns no ano 711. Os invasores chegaron ata a cidade de Poitiers (Francia), onde foron derrotados. E a partir de entón retrocederon aos Pireneos e controlaron toda a península ibérica menos as montañas de Asturias e o territorio galego, aínda que aquí chegaron varias veces e non precisamente en son de paz. Incluso arrasaron a catedral de Santiago. Iso si, respectaron o sepulcro do Apóstolo. Dende aproximadamente o ano 718, cando os árabes xa controlaban o que hoxe é España e Portugal, os cristiáns tomaron a iniciativa para botalos. É o que se chama a Reconquista. Durante case oito séculos, aos poucos os musulmáns foron retrocedendo, perdendo terreo, ata que a finais do século XV perderon a súa última posesión: Granada.
E a medida que avanzaban, os cristiáns das zonas que quedaban liberadas peregrinaban a Santiago para dar grazas ao Apóstolo.
E facíano por unha antiga vía romana que dende Andalucía pasaba por Estremadura, Salamanca e Zamora, e ía parar a Astorga (na provincia de León). Era a chamada Vía da Prata. E, por certo, iso de prata non ten nada que ver co metal, senón que neste caso provén da evolución dunha expresión árabe, al balat, que significa ‘camiño empedrado’. E así estaba aquela vía romana: empedrada.
Xoga con Roi e gaña un premio pensado para ti
Os peregrinos nin antes nin agora chegaban ata Astorga, senón que nun punto de Zamora desviábanse cara ao oeste, a Galicia, buscando primeiro a localidade de Pobra de Seabra e logo subindo dúas altas montañas chamadas Padornelo e A Canda. Éntrase así en territorio de Ourense. E aí, na primeira poboación mediana que se atopa e que figura nos mapas como A Gudiña, hai dous ramais que obrigan ao peregrino a elixir. Un, máis histórico, discorre polo norte. É a denominada Verea Vella, por onde os galegos do século XIX ían a Castela a segar o trigo e que Rosalía de Castro recordou nuns versos:
Castellanos de Castilla
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.
Cando foi, iba sorrindo
cando ven, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito.
O segundo ramal, moito menos utilizado, baixa ata Verín e ten como gran aliciente nestes tempos a vila de Allariz, que se mostra impecable cos seus museos e monumentos. Un e outro únense nos arredores de Ourense, cidade que logo se cruza -incluíndo o paso sobre o río Miño por unha magnífica ponte romana- para ir subindo aos poucos.
En San Cristovo de Cea hai que tomar unha nova decisión: ou ben segue recto ou ben o peregrino opta por desviarse por unha ruta ben sinalada aínda que secundaria. A vantaxe desta última é que pasa ante as portas dun dos máis impresionantes mosteiros de Galicia, o de Oseira, reconstruído grazas ao tesón da comunidade relixiosa que o habita. Unha rehabilitación que mereceu un gran premio europeo, o Europa Nostra.
A partir do alto de Dozón, ao que se chega por Oseira ou polo Camiño oficial, todo será en costa abaixo, con minúsculas subidas. E así deixa atrás Lalín (moi famoso agora polo seu prato estrela, o cocido), Silleda e Bandeira, para cruzar o río que une as provincias de Pontevedra e A Coruña, que non é outro que o Ulla.
Pouco despois, o peregrino vai ir camiñando polas ladeiras da montaña más emblemática de Galicia: o Pico Sacro, ligado a lendas e tradicións tamén relacionadas co apóstolo Santiago. Compostela xa está moi preto e entrarase na cidade por outro lugar simbólico: o Sar.
Dende aí queda unha corta subida para alcanzar a catedral. E unha aclaración final: este itinerario coñécese tamén como Camiño de Oriente (u Oriental), unha denominación xa en desuso. Pero tamén pódese atopar referido como Camiño do Sueste. E collendo cada día máis forza, atoparemos o nome de Camiño Sanabrés.
Peregrinos históricos: Afonso Eanes
Hoxe imos falar dun peregrino histórico. Concretamente do trobador e nobre de orixe coruñesa Afonso Eanes do Cotón, que viviu entre os séculos XII e XIII e pasará á historia por ser un peregrino moi peculiar.
Sen dúbida, a súa obra converteuse nun best-seller naqueles anos ao longo do Camiño Francés, unha ruta que el mesmo percorreu polo menos por Burgos, Palencia e León. Ademais de, claro está, por Galicia. Home dunha vida moi axitada e pouco ordenada, estivo na Reconquista de varias cidades andaluzas, por entón en poder dos musulmáns. Era un asiduo das tabernas e o seu final poderíamos dicir que foi realmente tráxico, porque nunha destas tabernas, concretamente nunha situada en Cidade Real, o seu discípulo e amigo Pero da Ponte matouno cun coitelo.
Unha guía moi sinxela
Hai moitísimas publicacións referidas aos camiños de Santiago. Algunhas para especialistas e outras para todo o mundo, incluíndo numerosas guías co fin de que o peregrino saiba que é o que se atopará cando se poña a andar. Un deses libros, entretido e cheo de curiosidades, de sinxela lectura (e ademais con moitas fotos e debuxos), titúlase La catedral de Santiago para los peregrinos.
O seu autor, Manuel F. Rodríguez, naceu na localidade lucense de Sarria. Neste pequeno volume pode verse como era a catedral antiga, de hai case 1.200 anos, por exemplo. Tamén explica que a mediados do século pasado vivía no alto dos tellados o campaneiro coa súa familia, as galiñas, algún outro animal doméstico e, ao parecer, durante unha tempada tivo tamén un porco ao que non lle daban medo as alturas. Nesas páxinas cítase a Guillerme de Aquitania, que pasou aos libros de historia porque acabou a peregrinación e morreu xusto ante o altar maior. Moi interesante é a descrición do gran tesouro que se mostra a todo aquel que desexe velo. E, por certo, sabías que na catedral de Santiago de Compostela se gardan as reliquias doutro Santiago, chamado o Menor ou Alfeo? E de que reliquias se trata? Pois nada máis e nada menos que do seu cranio.