OLGA SUÁREZ
A Antía Lemos, alumna do colexio Sagrada Familia, de Aldán, gústalle moito a praia de Menduíña, en Cangas. Alí vai cando se sente triste, porque lle dá paz e tranquilidade; e alí fixo a foto do seu recuncho secreto que gañou o primeiro concurso mensual de La Voz de la Escuela para alumnos de ESO, bacharelato e FP.

A decisión non foi sinxela. De feito, na recta final quedamos con dúas fotografías: a súa e a de Ananda Ventoso, do colexio Pablo VI, da Rúa. Pero esta última tivo que ser descartada porque é unha alumna de sexto de primaria e o concurso está dirixido a estudantes de ESO en diante. Non obstante, quixemos mostrarvos os dous traballos.

O certo e que, ao longo do mes de outubro, recibimos moitas fotografías de lugares realmente bonitos e inspiradores, de Galicia e tamén doutras comunidades onde os alumnos pasan as súas vacacións, como Canarias, Castrourdiales, en Cantabria, ou Astorga, na provincia de León. Pero está claro que o Atlántico é sinal de identidade e motivo de inspiración para moitos mozos. E os concursantes tamén nos contaron a través das fotografías cales son as súas afeccións: hípica, piragüismo, taekuondo e moito fútbol están presentes nos vosos recunchos secretos.

Temos que agradecer o traballo deses profesores que decidiron animar aos seus alumnos a participar a través de traballos voluntarios feitos na aula porque, aínda que recibimos traballos persoais, dalgúns centros, como os dous xa mencionados ou o IES Eusebio da Guarda, da Coruña, participaron aulas enteiras.

En novembro, un relato corto
Se non te animaches a participar no concurso fotográfico, non pasa nada; tes oito certames máis por diante, un por cada mes do curso, para alumnos que fagan ESO, bacharelato ou FP en Galicia. De feito, o seguinte xa está en marcha: As Cen Palabras. Se che gusta a escritura, este é o teu: escribe un microrrelato de non máis desta lonxitude. O tema pode ser libre, a única condición é que non debe ser ofensivo. O noso obxectivo é que practiques a expresión escrita, liberes o escritor que tes dentro e goces no proceso! De seguro que os profesores tamén poden tirar partido desta proposta e empregala como un elemento máis de avaliación de contidos. E as familias poder animar aos rapaces a poñer a proba a súa capacidade escrita.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies