S. Pérez

Este venres haberá cen anos que se disputou o primeiro torneo internacional de fútbol da historia coa representación de todas as rexións do mundo durante os Xogos Olímpicos de 1924 en París. Foi un 25 de maio cando se xogou ese primeiro partido, razón pola que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu hai uns días proclamar esta xornada como Día Mundial do Fútbol. A proposta recibiu o apoio dos 193 países que a integran e foi copatrocinada por 160. Así que os afeccionados terán a partir deste ano un día para celebrar o que debe ser o deporte máis popular e seguido do mundo. Vós que pensades?, estades de acordo con esta afirmación?

O obxectivo é recoñecer a importancia e os beneficios do deporte, en xeral, para a saúde física e mental. Pero tamén para fomentar o respecto e a tolerancia entre as persoas de todo o mundo. O embaixador de Libia na ONU e o tamén encargado de presentar a resolución, Taher el Sonni, afirmou que o fútbol é o deporte máis xogado e seguido en todo o mundo. E apuntou que é moito máis que un simple xogo que se practica a todas as idades nas rúas e nos campos, por divertirse ou para competir.

El Sonni subliñou que, pola súa posición sen paralelo no mundo do deporte, «o fútbol serve como unha linguaxe universal que se fala en todo o mundo, derrubando barreiras nacionais, culturais e socioeconómicas». Para el, funciona como una plataforma para promover a igualdade de xénero e a inclusión social, «un terreo común no que converxen os individuos de diferentes orixes, promovendo a comprensión, a tolerancia e a solidariedade». Na resolución tamén se anima a todos os países a apoiar o fútbol e outros deportes como ferramentas para promover a paz, o desenvolvemento e o empoderamento das mulleres e as nenas.

Esta é unha pregunta para todos os futboleiros e futboleiras: por que vos gusta tanto este deporte? Que ten que chega a enganchar tanto as persoas? E unha máis: que aprendedes cando xogades?

O traballo en equipo
Ademais de ser bo individualmente, hai outros valores que se teñen moi en conta no fútbol. E é que hai que ser bo xogando en equipo. Por moi estrela que sexas co balón nos pés, é moi complicado que chegues ao máis alto nivel se non es capaz de entenderte cos teus compañeiros. Ademais do respecto e o traballo en equipo, este deporte imbúe iniciativa, esforzo e autodisciplina. E vós.. que valores sacades vós do fútbol?

Para saber máis

Na clase, podedes xogar a crear un equipo de fútbol. Empezade polo nome e seguide polo deseño da camiseta. Outra opción é abrir un debate: cal é o mellor equipo e xogador?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies