S. PÉREZ

O día internacional que se celebra hoxe non pode estar de máis actualidade nos tempos que corren. A algo máis duns tres mil quilómetros, na Franxa de Gaza, estase a librar unha guerra entre dous pobos, o palestino e o israelí, que acaba con todo o que se lle pon por diante. Segundo subliña Unicef, dende que estalou o último conflito, o 7 de outubro, cada día morren ou resultan gravemente feridos 420 nenos en Gaza. A organización Save the Children incluso vai máis alá e afirma que cada dez minutos morre un meniño. Por todo iso cobra máis importancia ca nunca clamar un non á guerra este 29 de novembro, Día Internacional da Solidariedade co Pobo Palestino.

Está claro que o conflito non estaba resolto cando a principios do mes pasado a organización terrorista Hamás atacou brutalmente Israel.

Precisamente, destacar que os palestinos non gozan dos dereitos que lles foron concedidos é a idea coa que a Organización das Nacións Unidas decide celebrar este día, para facer máis visible ante o mundo que non se está a cumprir a que se coñeceu como Resolución da Partición acordada o 29 de novembro do ano 1947. Esta establecía a división de Palestina nun Estado xudeu, un Estado árabe e unha zona baixo un réxime internacional especial, Xerusalén. Pero dos dous Estados da solución até agora só se creou un, o de Israel.

O antes e despois da guerra

Hai varios actos organizados para celebrar o día de hoxe. O principal terá lugar na sede da ONU, en Xenebra, no Palacio das Nacións de once a doce e media da mañá. Tamén está prevista a estrea dunha exposición, Palestina, unha terra cun pobo, no vestíbulo de visitantes da sede da ONU. Mediante imaxes, vídeos e obras, a mostra recompila diferentes momentos do antes, durante e despois da guerra árabe-israelí do ano 1948. Nese conflito, tamén milleiros de palestinos foron expulsados das súas casas e tiveron que converterse en refuxiados. Hai organizacións que cifran esta fuxida no 85 % da poboación.

Hai moita historia tras a última guerra, a que iniciou Hamás hai case dous meses. De feito, hai 75 anos que comezou. Xa no século XX había en Europa un movemento antisemita contra os xudeus. Ao remate da Primeira Guerra Mundial, moitos marcharon a Israel. Pero non foi ata a fin da Segunda Guerra Mundial, e do Holocausto, cando se aprobou a partición de Palestina en dous, a árabe e a xudía. Unha decisión que non agradou os primeiros, que non a aceptaron e declararon a guerra a Israel ao día seguinte de formarse como Estado. Pero perderon. E Israel ocupou o 77 % do territorio. A vós parécevos xusta a solución de dividir o territorio en dous e que cada un teña o seu Estado?

A pasada semana ambas partes déronse unha tregua de catro días, pero o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, dixo que, rematado o prazo, «continuará a guerra para devolver á casa a todos os reféns». Credes que son estas unhas palabras amigables?

Para saber máis

Comentade na aula entre vós cal credes que sería a mellor forma de poñer fin ao conflito árabe-israelí, e cal é o papel do resto dos países nesta guerra.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies