S. Cabrero
«Unha experiencia moi positiva porque supuxo un novo reto», ese é o resumo que fan os tres alumnos de terceiro da ESO do CPR plurilingüe Eduardo Pondal, de Cangas do Morrazo, que veñen de participar no concurso Xornalismo na Escola, que organizan La Voz de Galicia e ENCE. A proposta de Valeria Cabodevila, Iria Sanz e Iker Mandado vén sobre rodas. Porque estes xornalistas fixeron un repaso polo fenómeno das autocaravanas, tan de actualidade, e que ten diversos puntos que poden ser foco de debate. Repasando a historia deste modelo de transporte e turístico, os alumnos pasan a analizar os puntos positivos destes vehículos e os puntos negativos. «Adquirimos novos coñecementos sobre un tema que descoñecíamos, novas habilidades xornalísticas xa que nunca fixeramos reportaxes, aprendemos a redactar mellor e a desbotar o medo de falar con xente descoñecida a través das entrevistas persoais e telefónicas», explican os tres alumnos que elaboraron a reportaxe.

Aseguran que grazas a esta experiencia conseguiron aprender a buscar información fiable e a escoller a máis relevante. Pero tamén incidiron en outros aspectos como os referentes aos dereitos de autor. Non só iso: «Tamén aprendemos a realizar unha gráfica unha vez obtidos os datos, a representalos e a sinalar as fontes», resume Pedro Luis Currás Pérez, profesor encargado de capitanear o proxecto dos alumnos.

Non foi un camiño sinxelo. Admiten que atoparon algunhas dificultades: «Por exemplo, as chamadas de teléfono, en moitas ocasións sentímonos frustrados por non recibir a información que pediamos ou porque non contestaban aos nosos correos electrónicos. Algunhas institucións e empresas privadas contestaban afirmativamente, pero non respondían ao correo», relatan estes alumnos, que engaden que tamén foi complicado establecer horarios para as entrevistas persoais.

O último reto que se presentou no seu camiño foi precisamente o de poñer certa orde a toda a información que conseguiran: «Custou traballo e tempo ordenar e redactar a reportaxe».

Múltiples competencias
Pero o balance final, aseguran, só é positivo: «Por suposto que foi moi enriquecedor porque nos permitiu mellorar a nosa competencia lingüística oral e escrita dende o momento que tivemos que elaborar e redactar textos xornalísticos, integrar asa entrevistas na análise xeral e empregar máis vocabulario», aseguran.

E con todo isto, o profesor destaca que puideron traballar de forma transversal, adquirindo múltiples competencias como son a matemática, a dixital, ou a plurilingüe: «Tamén adquirimos competencias persoal, social e de aprender a aprender, na xestión eficaz do tempo e da información e colaboración con outros de forma construtiva», resume o profesor.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies