La Voz de Galicia celebrou a súa festa de peche de curso, e xa van 41. Moito choveu dende que no 1982 o xornal comezara con catro páxinas todos os mércores do curso para falar de como usar a noticia na aula e de como facendo noticias se pode aprender. E ata hoxe. De seguro que os teus pais, e mesmo os teus avós, coñecen algo do suplemento, lles soa. Os nenos que tiñan 10 anos en 1982 teñen hoxe 51, así que mira cantos galegos puideron ler na escola este suplemento que tes ti agora nas mans. Non era en cor, claro, pero a esencia si era a mesma: nas súas páxinas había actualidade explicada aos rapaces, actividades para desenvolver na clase, pasatempos e moita divulgación científica, literaria e de calquera rama do saber.

Na festa que tivemos para pechar o curso falamos de todo iso, do que queremos achegar desde La Voz de Galicia con este suplemento. Seguro que isto che pasou algunha vez. Ves unha cousa e pensas: «Isto é facilísimo! Fágoo eu nun voo!». E cando te pos a facelo, atopas as dificultades que ten e problemas nos que non pensaras; vaia!, a cousa non era tan doada como ti crías. Pois iso mesmo pasa cos nosos problemas como sociedade, e se alguén che di: «Isto arránxoo eu facilmente!», lembra que as cousas adoitan ser más complicadas do que parece dende fóra. Pois o primeiro obxectivo de La Voz de la Escuela é moi claro: interesarvos pola actualidade, e comprender un pouco o que acontece na nosa contorna. É dicir, que saibades que a realidade ten moitas arestas e que normalmente todos os implicados teñen algo de razón, pero case nunca toda está nun mesmo lado, e que para arranxar as cousas temos que traballar todos con boa vontade.

Pero na festa que tivemos no museo Santiago Rey Fernández-Latorre, que é o nome do editor de La Voz de Galicia, non só falamos de cousas serias. Tamén houbo tempo para os aplausos, os que recibiron os rapaces premiados nos tres concursos que puxo en marcha La Voz neste curso a través do seu programa Prensa-Escuela. Foron os premios para os xornalistas individuais que participaron nalgunha das catro categorías de Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil; ou os que fixeron unha reportaxe en grupo para Xornalismo na Escola; ou os da nova proposta deste curso, os Xornalistas Naturais, que tiveron que facer un caderno de campo estudando a natureza que teñen arredor do seu centro educativo.

Pechou o acto o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, quen contou aos rapaces un conto, o da lenda da furna da Buserana, moi preto de Muxía, onde hai que ir a buscar a felicidade, algo que el, como bo muxián, fixo. «A proba de que eu teño esa felicidade —rematou— é que estou aquí convosco».

Neste clima tan positivo chegou o momento da festa, do encontro duns e outros, algúns vellos coñecidos e outros amigos dende xa. Entre empanada e croqueta chegaron as bromas e as risas, para rematar tomando un xeado, que é a mellor maneira de comezar o verán.

Enxeñeiras con poder político e unha investigadora para falar de mulleres que mandan

O acto principal, ademais dos moi merecidos premios, foi a charla final do programa La Voz da Muller STEM, que levou a 25 centros de toda Galicia a mulleres de primeirísimo nivel no campo da ciencia e a tecnoloxía para animar ás rapazas a facer estudos STEM (que son as siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas en inglés) e servir de referentes para todos os estudantes. Fixo a presentación Sonia Delpont, directora de Comunicación de Viaqua, a empresa grazas á cal foi posible este proxecto. E participaron nunha última charla tres mulleres moi importantes: a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, enxeñeira de Camiños; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, enxeñeira agrícola; e a farmacéutica, empresaria e investigadora Ariana Fernández Palomo, quen preside a asociación A Ciencia é Feminino, sen quen tampouco poderíamos ter organizado estes encontros de expertas.

Elas responderon ás preguntas de Antía Díaz, a xefa de informativos de Radio Voz. Por exemplo, falaron da existencia ou non dun liderado feminino, dunha forma de traballar das mulleres; as participantes coincidiron en que as diferenzas son sobre todo persoais, pero que hai un compoñente de xénero, e Méndez mencionou un estudo que di que a forma de xestionar a pandemia foi mellor nos sitios gobernados por mulleres. Vázquez, pola súa parte, puntualizou: «Eu diferenciaría o que é ser un líder do que é ser un xefe. Líder é traballar en equipo». O contrapunto foi de Ariana Fernández: «Es cultural. La lupa se pone sobre las mujeres y se las sigue valorando por su aspecto, por sus formas».

A sociedade, sinalaron as tres, é moito máis esixente coas mulleres que cos homes en postos de responsabilidade. «Estamos tendo que demostrar a valía e por que estamos nos distintos cargos continuamente», apuntaba Méndez, unha presión á que Fernández lle puxo nome: «Es el síndrome de la impostora, nunca se sienten suficientemente preparadas para salir a la palestra», porque saben das exixencias que supón.

As tres quixeron deixar claro que as cousas cambian e se fan polo esforzo de todos, homes e mulleres, e animaron ás rapazas a ser ambiciosas: «Soñar sempre, renderse nunca», foi a frase elixida por Ethel Vázquez.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies