S. Cabrero
A científica Rocío Martínez Núñez é unha das protagonistas dun dos últimos vídeos do programa Girl STEM. Esta investigadora no King’s College de Londres conseguiu impulsar xunto a outros catro compañeiros unha operación público-privada que trouxo a España a pasada primavera unhas máquinas capaces de analizar nada máis e nada menos que unhas 2.400 PCR ao día. Estes superrobots están a ser de gran importancia na loita contra o coronavirus. A entrevista, realizada pola directora da empresa galega Contenidos Dixitais, Noa Orizales, destaca o forte vínculo de tódolos campos da investigación co big data e tamén ofrece as claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento tan crucial como o que estamos a vivir na actualidade a causa da pandemia.
A entrevista, que a Asociación Gallega de Empresas de Software Libre e a Xunta de Galicia farán chegar aos centros en formato de pílula audiovisual, enmárcase no programa Girl STEM, co que a Administración busca reducir a brecha de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Rocío Martínez pode ser un bo exemplo das enormes posibilidades que teñen estes campos para as estudantes galegas.