S. PÉREZ

Durante estes corenta anos, La Voz de la Escuela participou en primeira persoa nese cambio manifesto da educación cun labor constante no eido da orientación profesional, abrindo novos campos e posibilidades aos alumnos e animándoos a investigar as tantas oportunidades diferentes que hai para estudar. Dende guías das diferentes carreiras universitarias e as súas saídas profesionais ata seccións de preguntas e respostas nas que se alentaba aos alumnos de tal xeito que xustificaran as súas curiosidades e se sentiran atraídos polo mundo da ciencia ou nas que se daba toda a información ou recursos necesarios para ser profesor ou dedicarse ao dereito. Neste último caso, a temática evolucionou ata o punto de poñerlle cara a esa xente nova que explica cal é o seu traballo e como chegou ata aí.

Materias STEM

Da importancia da informática falouse dende o minuto un, informando de que o ía cambiar todo e do seu futuro. Como do mesmo xeito se lle deu protagonismo ás materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), tan á orde do día agora. La Voz de la Escuela xa trataba esta temática daquela, co engadido de facelo dunha forma amena. Sobre a física, por exemplo, que pode ser menos atractiva nun principio, saíu unha reportaxe o día 22 de setembro de 1982 na que se explicaba o que era a radiación, en que unidades se medía e cales eran os efectos que tiña sobre as persoas. Tamén coa sección de preguntas e respostas, na que científicos resolvían as dúbidas dos alumnos de maneira que iso incrementase aínda máis a súa curiosidade.

En febreiro de 1990, Diego Moure, de tan só nove anos, preguntaba por que o ceo era azul; Ana María Meilán, de dez, cuestionábase por que non se vía o vento; ou Miriam e Hildegard, de doce, que por que tiñamos nariz se podiamos respirar pola boca. Este canal directo con científicos segue protagonizando páxinas en La Voz de la Escuela a día de hoxe, un programa que ademais foi considerado unha práctica de éxito pola Fecyt, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Novas vocacións 

Este labor de orientación profesional que se cultivou durante estes anos en La Voz non pretendía esbozar un programa único, senón informar da vixencia das diversas opcións nacionais e tamén internacionais e presentar o amplo campo de estudos, profesións e ocupacións que os máis novos teñen por diante. Neste sentido, impulsáronse nestas páxinas materias novas de forma lúdica para informar das alternativas de vocacións. En maio de 1987 publicábase unha reportaxe, La historia de la manzana, na que se explicaba a anécdota de que Newton intuíu a lei de Gravitación Universal ao observar a caída dunha mazá. Tamén houbo espazo para a astronomía ou a acuicultura, e prestóuselle especial atención á cultura galega e ao uso da lingua para falar de ciencia, matemáticas ou informática.

Integración 

La Voz de la Escuela sempre apostou pola atención á diversidade de todos os alumnos, cos mesmos dereitos a estar na escola. Unha discapacidade engadida non quere dicir que non teñan dereito a ter un futuro nas aulas e, polo tanto, na sociedade, cunhas saídas profesionais iguais ás do resto. Nin hai corenta anos nin agora. Nas páxinas de La Voz, baixo a sección Otra asignatura pendiente, falábase da integración escolar dos nenos cunha diminución engadida e dábase mostra do caso de Nano, que comezara en 1987 a asistir á clase de 5.º de EXB. Líase acompañando a unha imaxe: «Cuando se entiende la educación como el desarrollo posible al que puede llegar cada persona, no cabe hablar de disminuidos».

 

Poñendo cara á xente nova que explica como é o seu traballo

Nesa liña de mostrar e achegar ao alumnado todas as posibilidades que hai de estudo en cada un dos campos académicos xa se traballaba hai corenta anos. Dicíase nas páxinas de La Voz de la Escuela de outubro de 1987 que a orientación nunca pode comezar nun periódico, senón que se inicia coa curiosidade do individuo. E ese é un dos principais obxectivos que se perseguen coa sección que a día de hoxe se publica baixo o nome Que queres ser?

Se ben é certo que se actualizou o relato, os piares continúan a ser os mesmos: primeiro, mostrar esa realidade, facer que exista, e logo dar conta dos requisitos que se precisan para acadar ese posto de traballo e as características e casuísticas do día a día da profesión. Nese servizo de orientación profesional, en 1987 falábase de como ser profesor de EXB, do plan de estudos, de como estaba o mercado de traballo, o que dicían os profesores e como era ser mestre. Ou dos estudos de Dereito, con todo tipo de opinións: de quen comezaba a carreira, de quen a remataba, de quen fracasaba, de que triunfaba…

Que queres ser?

Agora, a esencia é a mesma. Tan só mudou o xeito de contalo e a proximidade coa que se fai. En Que queres ser? rapazas e rapaces explican en que traballan, como é o seu día a día e os aspectos positivos e negativos, pero tamén como se decidiron por ese campo ou que consello lle gustaría ter recibido cando comezaron os estudos. Todo isto, con cara, nome e apelidos. A intención é prestar atención a certas saídas profesionais que quizais nun primeiro momento non se pensarían posibles.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies