JOEL GÓMEZ
En setembro pasado, José Manuel Leis (Santiago, 1951) comezou a xubilación, tras 14 anos como director do Politécnico de Santiago. Neste centro foi estudante cando abriu, en 1967; despois docente, primeiro contratado, e fixo tras aprobar as oposicións. E xefe de estudos, coordinador de prácticas e secretario, antes de ser elixido para a máxima responsabilidade. Viviu en primeira liña todas as transformacións da FP os últimos 58 anos.
—Como era a FP do seu tempo de estudante?
—A FP en Santiago comezou en 1933, en Bonaval, como Escola de Traballo, con talleres para forxa, pedra, ferro e outros. En 1952 pasou para un centro propio, o que agora é o IES San Clemente, moi próximo da miña casa, na zona das Hortas, e que foi onde comecei, en 1963. Pasei para o Politécnico a inicios de 1967, cando abriu. Era entón a Escola de Maestría Industrial.
—E en que se formou?
—Primeiro fixen Oficialía en Electricidade, e despois Oficialía e Maestría en Electrónica, para o que me convalidaron un ano. Eran dous perfiles de titulación que respondían ben ás necesidades das empresas daquela altura, con importante recoñecemento social e empresarial.
—Como pasou de alumno para docente?
—Cando acabei os estudos fun facer o servizo militar, e xa nese tempo me ofreceron dar unhas aulas. Despois, en 1974, houbo unha vacante, e conseguín o primeiro contrato, que entón facía o director. Despois pasamos a interinos e, en 1978, aprobei a primeira das grandes oposicións que se convocaron tras o novo réxime político e conseguín praza fixa.
—E o salto para directivo?
—Iso foi en xaneiro de 1983, tras un cambio na dirección bastante traumático, que derivou nunha polarización importante do claustro; estiven dous anos e medio como xefe de estudos.
—Chega á dirección en 2007 e muda o nome do centro, como foi?
—Antes estudei Psicoloxía, e pensei que me axudaría a Psicoloxía Social para un posto directiva, se me elixían de novo. Tamén fixen na UNED parte de Enxeñaría Industrial. Non me arrepinto de continuar na FP e repetiría de novo, de ter ocasión. Algúns colegas meus acabaron de docentes universitarios, e eu iniciei o doutoramento en Psicoloxía, que deixei para me dedicar a ser secretario. O que me chamou sempre foi a FP.
—Esto do Politécnico é máis ou menos novo?
—O centro xa se chamara Politécnico anos antes; despois, noutra mudanza de lei, pasou para instituto Monte de Conxo, un nome que non nos convencía a parte do claustro; e propuxemos, e conseguimos, que mudase de novo para Politécnico de Santiago.
—Foi positivo mudar o centro só para o ensino de FP?
—Si, e cada vez estou máis convencido a pesar da oposición que houbo. Foi un acerto descargar os centros integrais de FP das ensinanzas da ESO e do bacharelato. Iso favoreceu que as transformacións dos últimos anos servisen para dar mellores solucións ás necesidades de formación que demandaba o mercado laboral. A FP actual é tan ampla e rica que precisa unha dedicación completa; compartir ensinanzas con ESO e bacharelato só o vexo ben onde non poda haber centros diferentes. A formación con prácticas en centros de traballo é suficiente para moitas profesións
—O Politécnico ten actividade todo o ano, está iso ben?
—Non hai outra posibilidade, para atender os ciclos medios e superiores, a FP básica e a dual; e os cursos para persoas desempregadas, que son tamén no verán, porque non se pode noutro momento, No curso hai actividade de 8.30 a 21.30, ás veces 22.30.
—Que lle falta á FP actual?
—Un reto da FP actual é mellorar a formación de traballadores en activo. A maiores dos ciclos por módulos e a distancia, vai ser un avance para iso a nova regulación da acreditación de competencias profesionais. E cómpre asumir necesidades de formación concretas das empresas.
—Pode ser líder en innovación a FP?
—É algo que agora se volveu retomar, un centro de innovación que debe estar a punto de inaugurarse en Ourense (ía ser en Vigo inicialmente). Co pulo dos ciclos formativo e os CIFP valorouse a posibilidade de crear unha serie de centros onde se traballase a innovación, mesmo algo de investigación, con maiores recursos; algo máis potente que os centros de formación do profesorado, os Cefore. Estaba previsto, e aínda hai uns planos no centro, a consellería traballou nesa idea, para ubicalos no primeiro e segundo andar, pero o centro cada vez tiña máis alumnado de FP e non se podían perder eses espazos, e descartouse. Despois ese papel pasou a desenvolveuno o Centro Autonómico de Formación e Innovación, o CAFI.
—Os CIFP teñen viveiros de empresa. Que son?
—Teñen unha dobre misión. Unha que cumpriu ben desde o inicio, que era a de asesoramento para todo aquel alumnado que puidese ter interese en montar a súa propia empresa, para o que se prestan moitas das nosas especialidades. Daba unha idea da estrutura legal e administrativa que se precisaría; aí dando cursos e abrindo portas, desenvolveu e segue a desenvolver unha grande actividade. Para o alumnado que ten moito potencial, poden montar a súa propia empresa, pero un taller de carpintería ou electricidade non vai poder estar nun despacho, que ao final sería o que os viveiros proporcionan, dan sobre todo medios informáticos para o inicio.
—Nos centros integrados hai Consello Social, como funciona?
—Responden á filosofía destes centros integrados como centros de corte máis profesional. Nel están representados a Administración, o profesorado, o empresariado e os sindicatos.
—Como ve a FP dual?
—As empresas que apoian a FP dual teñen maior interese nunha maior especialización para postos concretos, como os relacionados coa industria 4.0 ou tecnoloxías ás que os centros non poden chegar. Por iso cada vez hai máis empresas interesadas na FP dual que, na miña opinión, está a dar uns magníficos resultados.
«Custa facer entender que un ciclo pode ser ensino superior»
Leis ve que «a FP está no momento máis doce; mesmo mellor que no de maestría». Pero aínda quedan cousas que mellorar, sobre todo cara á sociedade: «Falta que se coñezan determinados aspectos: a FP básica, para o alumnado con máis dificultades para conseguir a ESO, e así se poden enganchar ao sistema; ou os ciclos superiores, porque non é fácil facer entender á sociedade que un ciclo superior é ensino superior; é unha formación posbacharelato, igual que a universidade. O ciclo formativo dura dous anos, é de 2.000 horas. E convalida créditos en determinados títulos universitarios relacionados co ciclo».