Cristóbal Ramírez
Cres que sabes todos os segredos do Camiño de Santiago? Agora é o momento de demostralo. E poderás facelo dun xeito moi divertido. Nos vindeiros días poderás participar no Xogo de Roi a través da páxina web www.oxogoderoi.gal. Nelas propoñeremos un reto para todos os expertos na ruta xacobea: un xogo de preguntas que consiste en demostrar canto sabes do Camiño de Santiago.
Cando comeces a túa aventura, poderás elixir entre dous formas de xogo diferentes: unha básica e outra avanzada. O obxectivo para acadar a recompensa é acertar polo menos vinte preguntas das que atoparás durante o xogo. Cada unha das cuestións que incluirá o xogo presentará catro posibles opcións das que só unha é a correcta.
Todas as preguntas terán un enlace para complementar a información e dar algunhas pistas para os que teñan algunha pequena dúbida sobre a cuestión presentada, polo que o traballo resultará realmente interesante non só para os máis pequenos, senón tamén para que os profesores e as familias midan os seus coñecementos sobre a ruta xacobea.
E se fallas algunha das cuestións? Pois non pasará nada, porque poderás volver atrás e intentalo de novo con preguntas diferentes que che lanzará o xogo. E podes facelo tantas veces como queiras.
Un premio único
Iso si, para poñer o reto un pouco máis difícil, o tempo será limitado: contarás con só oito minutos para atopar as vinte respostas correctas que precisas para aprobar con nota o reto que ofrece Roi. Aqueles que consigan o obxectivo e demostren ser uns auténticos coñecedores do Camiño de Santiago, terán un premio que fará lembrar aos gañadores unha das súas datas máis especiais.
Refrescar os contidos
Aqueles que aínda non sexan uns auténticos expertos no Camiño non deben preocuparse, porque aínda están a tempo de poñerse mans á obra e prepararse para enfrontarse ao reto. No cuestionario, os xogadores atoparán preguntas que tratarán dende temas de historia ata curiosidades, pasando por detalles das rutas. Para mostra, un botón. Algunhas das preguntas que atoparán no xogo son que localidade do Camiño do Sueste foi rehabilitada e hoxe é unha referencia turística ou cal era a nacionalidade do peregrino Heinrich Schönbrunner. As respostas a todos estes interrogantes foron saíndo durante as últimas doce semanas neste suplemento de La Voz de la Escuela.
Pero aqueles que perderon algún capítulo polo camiño ou que non recorden os pequenos detalles, aínda poden consultar todas as entregas do Xogo de Roi. Todos os textos que conteñen as respostas ás preguntas que atoparán no reto están contidas na páxina web https://www.prensaescuela.es/category/el-juego-de-roi/. Escribe esta dirección web no teu ordenador ou escanea o código QR que atoparás máis abaixo e poderás consultar toda a información publicada para ir ben preparado ao reto que propón Roi. Agora é cosa túa. Moita sorte e bo Camiño.
Estes son os anteriores capítulos do Xogo de Roi:
- Capítulo 1: Cando se atoparon os restos do apóstolo?
- Capítulo 2: A ruta pola que chegaron os ósos de Santiago
- Capítulo 3: O Camiño máis coñecido e frecuentado
- Capítulo 4: Un camiño para descubrir o norte
- Capítulo 5: O Camiño que vén pola veciña do sur
- Capítulo 6: O Camiño que comeza en Inglaterra
- Capítulo 7: Unha ruta sobre unha antiga vía romana
- Capítulo 8: Unha entrada a Galicia sen subir montañas
- Capítulo 9: Percorrer o Camiño máis antigo
- Capítulo 10: Un percorrido ata o derradeiro recuncho
- Capítulo 11: Por que este 2021 é ano xacobeo?
- Capítulo 12: Gozar da natureza a través do Camiño