SARA PÉREZ

Aínda que, ben feito, na súa contorna intentaron que abrise o abano de opcións durante o bacharelato, o caso é que Marcos Loureiro (Carballo, 1992) o tiña tan claro dende que chegou ao instituto que finalmente elixiu ir adiante coas matemáticas. O que non se imaxinaba era que remataría investigando no campo da cardioloxía.

—Tiñas claro que querías estudar matemáticas, pero pensabas no que viña despois? No tocante ás saídas profesionais.

—Sabía que me gustaban as mates, pero non tiña claro o que quería facer no futuro. Sabía que podía ser profe de instituto, que era a saída máis coñecida, e coa crise daquela… pouco máis podías ser. Tamén estaba a parte de finanzas, bancos. Opcións había.

—A cuestión é que logo as propias matemáticas fóronte levando por outro camiño totalmente diferente: o sanitario.

—No último curso eu quería marchar fóra, de erasmus, entón tiña que buscar un titor que aceptase iso para dirixirme o traballo de fin de carreira. Fun contactando cos profesores dos TFG que me interesaban e xusto cheguei ata Elena Vázquez, que propoñía estudar o modelo simplificado dunha arteria para simular o seu fluxo, como entra o sangue, como sae, como se estreita… Con integrais íanse sacando as variacións do volume de sangue en cada tramo. Foi Elena quen me introduciu nese mundo.

—Entendo que as inquedanzas foron a máis a partir desde primeiro contacto.

—Ese ano fixen o TFG e gustoume, así que me decidín polo máster de matemáticas aplicadas. Claro, a min xa me gustaba a parte biomédica. Pola miña conta busquei prácticas para o verán, e como non había ningunha oferta que me interesase, escribín un correo coas miñas inquedanzas a varias universidades de Europa, case como un spam, dicíndolles que me gustaría facer prácticas durante o verán. E contestáronme un par delas. Unha foi en Patras, Grecia, pero houbera problema co papelame. A outra opción, na República Checa, era para calibrar parámetros dun modelo de sangue, con presións, como ían variando… Cando volvín, xa sabía que o TFM iría nesa liña.

—Entón…

—Había un no Hospital de Vigo que estaba relacionado. Son sinais, todo estaba colocado. Estiven incorporado como alumno de máster e déronme unha beca. Ofrecéronme a oportunidade de ir alí, ao hospital, facer o TFM.

—Xa parecía case que imposible afastarse dese camiño.

—Si, rematou o verán e chamáronme por se me interesaba seguir colaborando nun proxecto de imaxe médica. A raíz diso xorde a conversación de intentar facer un doutorado. Apunteime e solicitei a beca predoutoral da Xunta. E todo iso foron tres anos e medio. Todo moi fluído. Planificar, buscar esas prácticas, conseguir beca predoutoral… Entre casualidades, sorte e moito traballo.

—Matemáticas e cardioloxía como se relacionan?

—Na cardioloxía, en realidade, temos que idealizar o problema. Transformamos o paciente nun modelo xeométrico. Un anaquiño dese paciente, o corazón. O que se fai é volver a dividilo e en cada un deses elementos métese un sistema de ecuacións. Así podemos ver como se vai comportar.

—Cal era o tema central da investigación?

—A simulación dunha válvula aórtica.

—Todo isto «a posteriori», claro.

—Si, é unha simulación. Non antes, por iso é investigación. É un proceso moi longo, con protocolos éticos. Unha vez o paciente foi operado, traballamos para ver que opcións e que resultados habería.

—Un parámetro máis para os cirurxiáns.

—Claro, non é só improvisar. Neste tipo de intervencións, en recambios de válvulas a través de catéteres, hai moitos tipos de moitas formas e tamaños. Os cardiólogos están formados, claro, pero a idea é que nun futuro a través destas simulacións que nós facemos poidamos dar máis datos, axudalos nese proceso e facelo máis seguro.

—Esa beca rematou e agora dá clase na Universidade de Vigo.

—Si, rematei a beca e o proxecto e agora estamos colaborando sen financiamento, polo noso propio interese. Traballamos en publicar artigos, e máis adiante pediremos outro proxecto. Compaxino a investigación coa docencia.

—Como relacionas investigación con docencia?

—Danche dúas vertentes moi diferentes. A docencia, coa que intentas transmitir o que che gusta, coñecementos, onde ves tamén como aprende o alumnado. Na investigación digamos que estás traballando co modelo sen saber se vas conseguir ese resultado. Hai moitas incertezas. Non sabes cando vai chegar, se o consegues, e pelexas e pelexas tempo e tempo e nunca sabes. Podería chegar a frustrarte.

—Marcharías fóra para ter máis opcións á hora de investigar?

—Non, eu quero quedar aquí. Sei que hai oportunidades fóra… Conseguín unha beca posdoutoral en Dublín, pero quero facer a miña vida aquí.

 

«A carreira que se escolla non o é todo, non significa que só te dediques a iso»

 

—Foi un choque para a túa contorna que o teu traballo estea relacionado co sector da sanidade?

—Pasoume durante todos os anos. Preguntábanme onde traballaba, e cando lles dicía que no hospital, contestaban: «Pero ti fixeches mates. Que levas, os cálculos?».

—Cambiarías algo neste rumbo?

—Non, foi algo que me colleu de sorpresa, pero estou contento.

—Que foi o que máis che sorprendeu?

—Estar nunha operación e ver como se facía un cambio de válvula. Un matemático nun quirófano… Non facía nada, claro, só vía como era o proceso, ver a válvula antes de implantar, como a tratan, como a introducen, como chega ao paciente… Non é o mesmo lelo nun artigo que subir á planta de arriba e ver como o fan.

—Que consello lle darías a quen está a piques de elixir que estudar?

—O primeiro: entre moitas cousas e nada. A carreira que se escolla non o é todo, e non significa que porque vaias facer ese grao só te dediques a esa cousa. A carreira dáche formación e logo móstrache cales son as saídas que hai, pero que non pensen niso. Unha vez se remate, hai que seguir aprendendo.

 

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies