X.F.

A medida que avanza o proceso de escolarización, diminúe tamén a presenza do galego. Esta é unha das conclusións xerais que se poden extraer do Mapa Sociolingüístico escolar de Ames, desenvolvido pola Real Academia Galega e o Concello amesán. O estudo abrangue todo o ensino obrigatorio, dende as primeiras etapas de infantil ata a fin da secundaria, un percorrido no que o galego vai cedendo terreo ao castelán. Os datos da investigación revelan que no primeiro contacto co medio educativo xa se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes, mingua que se vai acentuando coa idade: na secundaria só un 11 % se declara galegofalante, porcentaxe idéntica aos que se definen como bilingües, fronte a un 77 % de monolingües en castelán.

Mapa ofrece argumentos para a reflexión. Desenvolveuse nun concello que encarna un entorno periurbán, polo que os resultados poden ser extrapolables a outros municipios de condicións semellantes ou mesmo o resto do territorio galego. Non só contempla a totalidade do ensino obrigatorio, senón que ten en conta alumnado, docentes e familias, ademais doutros axentes que concorren na escolarización, dende actividades fóra do horario lectivo ou os comedores.

É precisamente neses espazos de socialización, na aula e fóra, onde se observa o recúe do galego, por exemplo, na comunicación entre iguais. Aí aprécianse casos de presión de grupo que poden conseguir que un galegofalante se pase ao castelán por favorecer a asimilación. Un factor que evoca o que dicía unha vez Agustín Fernández Paz, escritor e tamén docente, nunha entrevista: «Sempre lle digo aos meus alumnos que de pouco vale que lles poña un dez no exame de galego se fóra no patio cando xogan ou mocean non empregan a lingua». Henrique Monteagudo, coautor do estudo xunto con Xaquín Loredo, Lidia Gómez e Gabino S. Vázquez-Grandío, corrobora que ás veces os docentes teñen a impresión de que están a «remar no baleiro» ao ver que o que ensinan non traspasa as paredes da aula. «Pero logo, se hai ese traballo de dotalos dende pequenos coas competencias do galego, moitos volven á lingua», subliña Monteagudo, tamén dende a súa experiencia directa como profesor universitario.

Xa que logo, os autores do Mapa e as institucións que o promoven queren ver no documento un guieiro para afondar na procura de estratexias que contribúan a reverter esa diminución da presenza do galego. Monteagudo subliña dos puntos: o valor de que as actividades extraescolares se fagan en galego -«hai veces que os concellos o especifican nos contratos coas empresas, pero logo se se van subcontratando eses servizos, esa cláusula acaba por perderse»- e a apertura clave de ámbitos novos -«neses novos espazos de relación moitas veces é máis fácil empezar a falar o galego con alguén a quen non se coñece e nun entorno que tamén resulta novo»-.

Este enfoque, malia ter como obxecto o ensino, non se quere circunscribir só á actividade docente, senón abrir a lente para entender mellor que mecanismos sociais están detrás da mingua do galego. De aí que no equipo concorran tamén un antropólogo e un sociólogo. As conversas de Ames, con 269 docentes e 1.8000 estudantes e as súas familias, xa contribuíron ao deseño de iniciativas en marcha, como a serie Conseguiremos, da RAG, que visibiliza o talento da mocidade que vive e crea en galego.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies