L. Cancela
Durante estes sete últimos días, a cidade de Madrid en xeral, e o estadio Santiago Bernabéu en particular, viviu un verdadeiro fenómeno fan. Taylor Swift fixo vibrar á capital de España con dous concertos, un o mércores e outro o xoves, como parte da xira europea Eras Tour. A cantante estadounidense formou parte de todas as conversacións: dende as políticas —o presidente Pedro Sánchez dixo que «España é a Taylor Swift das economías europeas»— ata as económicas, xa que cada unha das súas citas musicais supuxo unha inxección monetaria. Algún fan na sala?

Cantos asistentes houbo?
Estímase que cada día houbo uns 60.000 swifties. Este é o nome que reciben os seus seguidores.

Por que houbo tanta xente?
En primeiro lugar, porque a artista levaba sen pisar España desde o 2011. Unhas 4.000 persoas acudiron entón ao seu concerto. No 2020 era unha das artistas principais do festival Mad Cool, pero a pandemia cancelou a súa actuación. Por iso, neste 2024 os seus fans chegaban ao recinto desexosos de escoitar os seus temas.

Por que?
Antes desta xira europea, a cantante de country e pop percorrera os Estados Unidos, América Latina e Australia, e as swifties foron retransmitindo parte dos seus concertos en Instagram ou TikTok. Ademais, esta xira ten a súa propia película, The Eras Tour, que primeiro chegou ao cinema e agora está dispoñible en Disney+.

Que pasou en Madrid?
A ocupación hostaleira rozaba o 100 % e, durante estes dous días, as rúas contiguas ao Bernabéu estaban cheas de xente, tanto os propios fans que, a pesar das altas temperaturas, facían cola para entrar as primeiras, como os medios de comunicación e persoas curiosas, que se achegaban a medir o ambiente.

Por que foi tan comentado?
O concerto de Taylor Swift, que dura tres horas e media, é toda unha experiencia. Moitos seguidores vístense con traxes creados especificamente para esta cita e inspirados nalgunha das súas eras, ou etapas que corresponden a algún dos álbums da cantante e representan algún momento moi concreto da súa vida. Tamén se poñen unha maquillaxe a xogo e fan pulseiras (chamadas friendship bracelets) que logo se intercambian. En redes tamén se viralizou o consello dunha fan: levar cueiros para non ter que ir ao baño.

Por que é tan influínte?
Taylor Swift non só é unha cantante, senón que é unha marca. No 2023 foi elixida persoa do ano pola revista Time, que é un título que se outorga ao personaxe con maior influencia. Ten 14 Grammys e 52 nomeamentos a estes premios, que son os máis importantes da música.

As marcas sábeno
Falar dela fai que moitos estean de acordo contigo. As marcas sábeno. Por iso, moitas empezaron a formar parte da súa lexión de seguidores e a interactuar coa artista como o faría un fan máis. Spotify, por exemplo, comenta os seus vídeos de Tiktok.

 

Unha inxección monetaria en cada país no que canta

No 2023, os concertos de Taylor Swift considerounos un activo económico a Reserva Federal dos Estados Unidos. Os miles de persoas que visitaban as cidades estadounidenses onde se celebraban os eventos conseguían reanimar o turismo ata niveis non vistos desde a pandemia do 2020. E non é para menos. O ano pasado, o Eras Tour converteuse na xira máis exitosa do mundo e a primeira en exceder os 1.000 millóns de dólares de recadación, segundo o Guinness World Records. É máis, duplicou ao segundo con mellores datos do 2023, o Renaissance World Tour de Beyoncé. En Madrid calcúlase que en dous días supuxo un impacto económico de 20 millóns de euros. Os desprazamentos á cidade, por exemplo, multiplicáronse por tres.

A internet mudou a forma de ser fan: agora son lexións de seguidores

A palabra fan describe á mesma persoa agora que nos oitenta, hai 40 anos. Un adepto a algo ou alguén. O sentimento que o explica é igual: a admiración. Non obstante, entre o pasado e o presente hai unha diferenza: a aparición de internet. Dende a popularización dos blogs e as redes sociais, os grupos de fans puideron, por exemplo, organizarse. Hoxe en día non é raro atoparse cun club de seguidores, descoñecidos entre si, que fan unha colecta de diñeiro para, por exemplo, facer un agasallo ao seu ídolo ou aparecer coas mesmas mensaxes nas pancartas. Por outra banda, as redes tamén permitiron que estes grupos se sintan máis preto do famoso. Antes, The Beatles non subían unha publicación ao Instagram; hoxe, Rosalía faino. A conexión entre artistas e fans é máis potente ca nunca.

ACTIVIDADE BÁSICA

Música na rúa

Moitos festivais celébranse ao aire libre. Que accións poden facerse para coidar o medio ambiente? Divertirse é fantástico pero hai que coidar a contorna. Facede un repaso do que cómpre e do que non.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

A palla no ollo alleo

A chegada de Taylor Swift a Madrid revolucionou a cidade e non todos o viron con bos ollos. O seu éxito é desbordante, pero moitos teñen prexuízos con ela e o seu grupo de fans. Desmerecen a súa carreira porque é loura e guapa, cando en realidade premio tras premio e concerto tras concerto demostra o seu talento.
As súas ideas tamén foron criticadas, xa que deixou claro, en máis dunha ocasión, a súa postura política e social. No 2020, fixo campaña contra Donald Trump, o candidato republicano ás eleccións estadounidenses, a favor dos demócratas encabezados polo actual presidente do país, Joe Biden. Ten un discurso feminista e a favor dos dereitos LGTBI, e ademais pronunciouse a favor do control de armas no país, algo que alí é moi controvertido. Nun plano máis social, nalgunhas das súas cancións denunciou a presión e as críticas cara a ela ou o poder do patriarcado. En Shake It Off, por exemplo, di: «Saio ata demasiado tarde. Non teño nada na miña cabeza. Polo menos é o que a xente pensa»; e en The Man: «Estou tan farta de correr tan rápido como podo, preguntándome se alcanzaría o éxito máis rápido se fose un home». Precisamente, esta última emprégase nas redes ás veces ante un caso de mansplaining (un home explicando a unha muller algo no que ela é experta).
O mundo de Taylor Swift non só está formado pola artista, senón tamén polos seus seguidores, cuxas actitudes foron criticadas. En redes sociais fixeron burla dos seus costumes: poñerse vestidos especiais caracterizados segundo algúns dos seus discos, maquillarse con brillos na cara, facer intercambio de pulseiras ou gastar moito diñeiro no merchandising da artista.
Polo contrario, en España, e case cada fin de semana desde agosto a maio, celébranse decenas de partidos de fútbol con afeccionados que amosan as mesmas actitudes. Gastan o diñeiro na camiseta do seu equipo, levan bandeiras, crean himnos para animar e ata empatizan cos xogadores e desgústanse se o resultado do encontro non é o esperado. Isto vese normal, como parte da experiencia do fútbol.

 

Os prexuízos tamén existen na música: o pop é infantil, o rock, serio

A música ten xénero? Temos ideas preconcibidas sobre o fan do pop ou o do rock? Distintos estudos analizaron estas preguntas e, lonxe do que un poida pensar, parecen ter unha resposta afirmativa. As fans da música pop —un exemplo nacional podería ser Aitana, e un internacional, Taylor Swift— son caracterizadas, a miúdo, como mulleres novas, máis inocentes e superficiais, en contraposición coas do rock, visto como un estilo máis serio, con máis experiencia e orientado a persoas maiores. Así, enténdese que o pop está baleiro de contido e o rock ten unha forte denuncia social ou política. Tamén inflúe en como se representan. Mentres que as fans do pop son, en ocasións, caracterizadas como fanáticas histéricas, emocionadas por ver o seu ídolo (en moitas ocasións, un home), eles son máis serios e móvense pola súa música, en lugar de pola persoa.
Máis datos. Un estudo da Universidade de Texas, no que participaron 206 estudantes, mediu a caracterización do perfil de cada estilo. Concluíu que, por exemplo, os que optaban por música relixiosa víanse como persoas concienciadas e estables emocionalmente, mentres que os fans da música clásica describíanse como amantes da sabedoría, o intelecto e o amor, pero pouco atractivos e atléticos. Pola súa banda, os participantes describían aos fanáticos do rock como máis extravertidos. Que che parece?

ACTIVIDADE MEDIA

Explicar por explicar

Antes falamos do «mansplaining». Este concepto defínese como o acto de que un home explique unha cousa a unha muller que xa a coñece con condescendencia. Credes que é habitual?, podedes dicir exemplos?

ENTENDER

Lonxe de só ser fans, as mulleres tamén facturan

■ As mulleres xa van ocupando o espazo que lles pertence no panorama social e artístico. Sempre houbo figuras femininas que, do mesmo xeito que os homes, foron rompedoras e innovadoras na súa rama. Con todo, non foron dadas a coñecer. Un exemplo próximo é o da pintora galega Maruxa Mallo (1902-1995), da xeración do 27, que era unha gran defensora dos dereitos da muller e o seu papel foi esencial no surrealismo.

■ Na historia recente da música desenvolvida durante o século XX tampouco puideron ter presenza. O seu papel quedaba relegado ao de ama da casa e a ser fan de artistas masculinos como Elvis Presley ou The Beatles.

■ Con todo, coa emancipación e a súa entrada ao mercado laboral, chegaron nomes femininos. A película «Barbie» arrasou nos cinemas, do mesmo xeito que Taylor Swift o fai nos escenarios ou J. K. Rowling o fixo coa saga de Harry Potter.

ACTIVIDADE AVANZADA

Formar parte de algo maior

Ser fan de algo na adolescencia é moi común. Ti o es? Coñeces a alguén? Facede unha entrevista a varios compañeiros que sexan fans de algo para que expliquen a toda a clase que senten. E preguntade aos vosos maiores se eles o foron e que facían.

PROFUNDAR

O fenómeno fan non é algo recente, a súa orixe podería datar do século XIX

■ O fenómeno fan non é nada novo. Crese que a súa orixe podería estar na lisztomanía, co compositor e músico austrohúngaro Franz Liszt no século XIX. Caracterizouse por ser unha reacción histérica con Liszt e os seus concertos, e os médicos trataron de buscarlle cura sen éxito.

■ Agora ben, que explica este proceso? En primeiro lugar, a empatía. O fan comeza admirando o seu ídolo e termina por identificarse con el, de maneira que vive con intensidade todo o que lle sucede. O admirado ten calidades que son consideradas destacables e desexadas.

■ Por así dicilo, esa figura encarna todo o que ao fan lle gustaría ser. Por iso este fenómeno adóitase vivir con máis intensidade durante a adolescencia. O mozo aínda está a construír a súa personalidade e, de maneira inconsciente, busca referentes. Os humanos aprendemos, en parte, por imitación.

■ Crese que parte desta reacción podería estar na dopamina. É un neurotransmisor que participa na regulación de moitas funcións, entre elas, a conduta motora, a emotividade e a afectividade. A súa liberación prodúcese con cousas que nos gustan.

■ Formar parte dun grupo de fans pode ser beneficioso, porque axuda a crear un sentimento de pertenza, algo esencial durante o noso desenvolvemento. Con todo, se interrompe a vida diaria (fai que alguén deixe de durmir), pode ser un problema.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies