C. MARTÍNEZ

Francisco Fernández visitou o seu antigo centro, o IES de Fene, no marco do programa De Cero a Cen, que La Voz leva a cabo en colaboración coa Consellería de Educación para achegar o emprendemento aos rapaces. Aínda que el estudou a FP de Automoción, a expansión do seu negocio, Automoción Vilar do Colo, fíxoo especializarse en moitos outros ámbitos: reparación, venda e aluguer de maquinaria de limpeza e camións do lixo.

Todo empezou coas prácticas do ciclo medio que realizou nese instituto. «Naquel momento quedei en recambios, pero aos catro días xa me cambiei a reparar vehículos industriais», recordou. Posteriormente, botou trece anos na xestión de residuos de catro países diferentes, a través dunha multinacional. E aproveitou a ocasión para recordar aos rapaces a importancia de estudar inglés. «Eu arrepentinme moito de non telo feito no seu día, porque verte neses lugares sen poder falar un idioma é moi duro», confesou.
Chegou un momento no que o trabalo lle empezou a parecer monótono. «Tiña a sensación de que deixara de aprender, e non estaba a gusto», comentou. Por iso decidiu arriscar montando o seu propio negocio. Así, Automoción Vilar do Colo fundouse no 2019 nunha pequena nave de 150 metros cadrados.

«Cando deixei de aprender foi cando decidín emprender»

Os inicios

Recordando os inicios, Fernández fai mención a unha emoción: medo. «Tiñamos medo, sobre todo, a non ter traballo. Non tiñamos medios nin cartos para montar unha estrutura, polo que empezamos moi pouco a pouco», explicou aos alumnos. A día de hoxe, a esa empresa únenselle catro máis. «Decidimos separar un pouco. Primeiro, cunha que só se dedica ao aluguer de vehículos municipais», indicou. É dicir, se un concello ten un camión do lixo que necesita unha reparación, proporciónaselle outro mentres dura o arranxo.

«Por outro lado, Automoción de Fene, que como moitos clientes nos axudaron ao principio, diversificamos os turismos a esta empresa», contou. E Ártabra Loxística, que se dedica ao transporte de formigón entre diferentes plantas de Galicia. A maiores, «un pequeno proxecto inmobiliario sobre unha necesidade que cremos que ten o polígono de Vilar do Colo, aínda que este proxecto está en cueiros». E por último, Inversións Vilar do Colo, «que xestiona un pouco o resto das empresas, funciona como unha especie de holding».

«O 98 % do noso negocio é o lixo», afirmou. Con todo, non cabe dúbida de que Fernández aposta pola diversificación e a especialización: «Podes pensar que terán que ver unhas empresas coas outras, pero, sinceramente, todo ten relación». Ten moi claro cal é o elemento diferencial do seu grupo: o coñecemento. «Quizais por el e polo que podo estar aquí sentado explicándovos isto. Son unha persoa moi inquieta nese sentido», asegurou.

Cinco anos despois, Fernández defende: «Nós aínda estamos empezando, e os números son o de menos». Con 25 traballadores en total, tendo en conta todas as empresas, encóntranse «en torno aos tres millóns de euros de facturación». Como obxectivos de futuro, declarou que a nave que teñen actualmente se está quedando pequena e que un dos propósitos agora mesmo é poder mudarse a unha parcela máis grande. «En canto á flota, estamos en torno aos 200 camións e gustaríanos que cada vez poidan estar mellor, sexan máis modernos, para non ter sobrecargado o taller». E por último, a longo prazo teñen unha pequena ilusión: a fabricación propia. «Gustaríanos, nun futuro próximo, ser capaces de carrozar ou fabricar. Estamos destinados a facer cousas diferentes ao resto».

«Nun futuro gustaríanos ser capaces de carrozar ou fabricar»

Os alumnos preguntáronlle se nalgunha ocasión sentiu que a empresa ía nun mal momento e tivo ganas de abandonar. Fernández respondeu que «a semana pasada». E explicou por que: «Non teño necesidade de facelo porque a empresa vaia mal. Pero a dedicación que se necesita é moi elevada. Na perda de momentos coa familia é cando te preguntas se merece a pena». Xusto por esa razón, finalizou cunha reflexión: «Soamente vos vou dar un consello: facede o que vos guste: equivocarse é de sabios. Se tendes que volver para atrás, non pasa nada, serve para aprender». Ao que engadiu, volvendo aos números: «Os cartos van e veñen todos os días, pero o tempo nunca se recupera».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies