CINTHYA MARTÍNEZ

Pode que o pises moitas veces e nin sequera te deas conta. Sexa na rúa ou no interior dalgúns edificios. Incluso pode que se encontre nalgunha parte do teu fogar. Estouche a falar do granito, unha pedra natural ou rocha ornamental, podes utilizar o termo que prefiras. Estas extráense da natureza en bloques e, tras uns procesos de corte, dimensionado e tratamento, son aptas para utilizarse na construción ou con fins ornamentais.

De maneira xeolóxica, o granito é unha rocha ígnea plutónica formada polo arrefriamento lento dun magma a grandes profundidades da codia terrestre. Está constituída por minerais esenciais como o cuarzo, o feldespato e a mica. E neste senso, é importante recalcar que ningunha das variedades que se extraen no territorio galego se obteñen en ningún outro lugar do mundo.

O que hai naquel solo non é igual que o piso da rúa, poderás pensar. Efectivamente, existen diferentes combinacións de tonalidades propias de cada variedade de granito e tamén un amplo elenco de acabados superficiais e texturas. O acabado superficial que se leva a cabo na fábrica depende dos requisitos do produto en cuestión, pero tamén dos gustos que poida ter o usuario final.

A cor do granito varía segundo a súa composición. Hai que ter en conta a percepción da cor, pero tamén a distancia desde a que se observa. O Clúster do Granito de Galicia enumera cinco gamas cromáticas: amarelos, cremas, grises, ocres e rosas.

O buscador dos granitos

Despois de contarche que Galicia é punteira na produción de granito, e que non hai dúas variedades iguais, é normal que te preguntes como facer para coñecer algunhas (ou todas) destas pezas. E por iso che vou achegar un bo recurso: o Google dos granitos. Non está feito en California nin responde a outras dúbidas que che poidan xurdir que nada teñan que ver con estas pedras naturais (non será porque non che aviso…).

En realidade, este buscador é obra do Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia é trátase do primeiro catálogo en liña de todas as variedades de granito que se extraen na comunidade galega. A través do portal web granitosgallegos.piedra.online podedes coñecer as diferentes variedades de granito, as súas características e o seu potencial como elemento de construción. É unha ferramenta moi útil para os profesionais, pero tamén para ti se che apetece descubrir un pouco máis sobre o granito.

O catálogo recompila un total de 41 variedades, con cores e texturas diferentes, que se poden atopar en canteiras de toda Galicia. Entre elas existen algunhas variedades coñecidas, como o rosa Porriño (que ten recoñecemento mundial), o gris Mondariz ou o gris perla. Como podes comprobar, o nome de cada un deles soe estar composto pola cor ou gama cromática do granito e pola súa localización.


Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies