L. Cancela
Parece que foi onte cando dabamos a benvida ao Nadal, pero xa están aquí as vacacións de Semana Santa. Se vos fixades, en cada parón da escola temos algo que celebrar. España parece unha festa. En febreiro deixamos atrás o entroido, e en marzo dámoslles a benvida ás fallas de Valencia.

Que son as fallas?
Do 1 ao 19 de marzo, Valencia celebrou as súas fallas. A cidade encheuse de grandes monumentos de cartón pedra, de ata 20 metros de altura, que representan persoeiros, chamados ninots e que posteriormente se queimaron. As creacións son obras de arte que representan algo. Por exemplo, imitan os políticos máis coñecidos ou renden homenaxe aos feitos máis importantes do ano.

De onde vén esta tradición?
Pertence a un antigo costume que tiñan os carpinteiros da cidade, que celebraban a chegada da primavera queimando as estruturas de madeira que sostiveran os candís durante o inverno. Celébrase en honra a san Xosé, patrón dos carpinteiros.

Cal é a seguinte?
Quedan uns días para que comece a Semana Santa. Esta conmemora a paixón de Cristo. Segundo o Novo Testamento da Biblia, durante esta semana Xesús chega a Xerusalén, foi crucificado e resucitou tres días despois. As rúas de moitos sitios (en Galicia destacan Ferrol e Viveiro) énchense de procesións.

Que é unha procesión?
É un desfile relixioso que a xente fai dun sitio a outro como mostra da súa fe. Un grupo de persoas levan aos ombros as figuras relixiosas que máis veneran. A Semana Santa non sempre cadra nas mesmas datas.

Por que?
Porque o Domingo de Resurrección, que é o último de Semana Santa, sempre debe ser o primeiro domingo que veña despois da primeira lúa chea da primavera.

E os ovos de Pascua?
Esta tradición é moito máis antiga que o cristianismo. As civilizacións antigas, como a exipcia, regalaban ovos coa entrada da primavera para dar sorte, xa que se consideraban símbolo de fecundidade e vida.

Cales serán as seguintes?
Nos próximos meses España seguirá de festa. Sevilla celebra a Feira de Abril (outras cidades andaluzas celebran as súas feiras), na que as mulleres levan vestidos de faralaes, e eles, traxes con chaqueta corta; a música non para de soar nas casetas, que son bares. E en xuño destaca a celebración de San Xoán na noite do 23 ao 24: na Coruña xúntanse decenas de miles de persoas nas praias que prenden fogueiras para festexar o solsticio de verán. E en xullo temos o San Fermín e o día de Santiago Apóstolo.

Que son?
O San Fermín celébrase en Pamplona do 6 ao 14 de xullo. A súa actividade máis coñecida son os encerros, carreiras de xente perseguida polos touros que participarán na corrida dese día. O 25 de xullo é o Santiago Apóstolo, moi importante en Galicia, cun gran despregamento na catedral de Santiago de Compostela.

 

Unha tradición festiva, parte do patrimonio cultural

En España temos varios tesouros en forma de festa. A Unesco (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) ten a potestade de declarar unha cultura ou tradición, que representa a identidade de quen a celebra, como patrimonio cultural inmaterial. No noso país, hai varios exemplos. As fallas de Valencia, o San Fermín en Pamplona ou a Festa dos Patios Cordobeses, unha celebración na que, durante a primeira quincena de maio, os cordobeses decoran os patios das súas casas e permiten as visitas. Esta declaración fai que o Estado central e as comunidades autónomas elaboren plans para protexelas e que non se perdan, porque o valor non está só no que se fai, senón tamén en que son unha tradición que pasa de xeración en xeración.

Póñense cada vez máis puntos violetas, unha mostra en contra das agresións

O compromiso de loita contra as agresións sexuais e a violencia de xénero débese materializar en todos os niveis, e a protección das vítimas debe estar en calquera espazo, como as festas. Cada vez é máis habitual que en diferentes celebracións (máis ou menos grandes, festivais ou festas de pobo) se instalen un ou varios puntos violetas. Son unha caseta que serve para denunciar agresións machistas, acompañar ás vítimas ou dar información ás entidades ou organismos públicos para saber reaccionar neste tipo de agresións. O asasinato de Nagore Laffage, unha muller de 20 anos, nos sanfermíns do 2008 foi o motivo da creación destes espazos. A súa orixe non foi política, senón social. Distintas organizacións de mulleres comezaron a establecer este tipo de puntos de sensibilización.

ACTIVIDADE BÁSICA

No mapa

Nesta primeira parte, falamos de Valencia, Sevilla, Pamplona, A Coruña ou Santiago. Por grupo, localizade estas cidades no mapa, e sinalade a que provincia e comunidade pertencen.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Tan alegres coma eficientes

Aínda que as celebracións de España son coñecidas mundialmente, non é o único do que debemos estar orgullosos. A listaxe de monumentos, cidades históricas, paisaxes, culturas e arqueoloxía españolas son protagonistas na Listaxe de Patrimonio da Humanidade: con 73 bens rexistrados, o noso país sitúase entre os cinco primeiros do mundo con maiores cifras. Un patrimonio que é de todos, e que inclúe as civilizacións que nos precederon. Isto explica, en parte, que España sexa unha potencia turística internacional, o segundo territorio (só superado por Francia) con máis visitantes no 2023.
O noso estilo de vida é observado con admiración desde outras rexións. O patrón mediterráneo, que asolaga a todas as rexións, fai a delicia dos estranxeiros. As nosas cidades están feitas a escala humana, non son demasiado grandes e pódense percorrer a pé; o clima cálido ou de temperaturas suaves (segundo a zona) moldea o noso carácter, que se caracteriza por ser alegre e próximo; e tendemos ao hedonismo, a gozar do pracer. Mentres que outras culturas, como a estadounidense, fóronse perfilando ao redor dun nivel de traballo moi esixente, os españois logramos manter un gusto polo social, polas relacións moi próximas cos nosos seres queridos.
España tamén se atopa na cabeza de distintos rankings. Por exemplo, conta con máis de 4.800 quilómetros de vías de alta velocidade ferroviaria, o que nos converte no terceiro territorio coa rede máis extensa deste tipo do mundo, só por detrás de China e Turquía. De feito, varios países árabes contratan empresas españolas de enxeñería para replicar o noso sistema. De igual forma, é o terceiro país de Europa con maior capacidade para xerar enerxía renovable, e o undécimo que menos dióxido de carbono emite por habitante.
En saúde, é líder mundial en doazón e transplantes de órganos, en medicina reprodutiva, en servizo sanitario universal gratuíto e, por último, en esperanza de vida, só detrás de Xapón. Aínda máis, algunhas estimacións apuntan que para o 2040 pode ser o primeiro nesta materia.

A dieta mediterránea é a mellor forma de comer que se está perdendo

No 2010, a dieta mediterránea foi declarada patrimonio cultural inmaterial pola Unesco. A súa candidatura presentouse co obxectivo de protexer este modelo alimentario saudable e sostible fronte aos cambios socioculturais aos que leva a globalización. Este patrón caracterízase por ter un elevado consumo de alimentos de orixe vexetal, como os cereais, o aceite de oliva, os froitos secos, os legumes, as hortalizas, as verduras e as froitas; unha achega moderada de carne branca e peixe, e máis reducido de carne vermella. Ademais, dá prioridade aos alimentos de tempada. A ciencia atopou múltiples beneficios ao poñela en práctica xunto con levar un estilo de vida activo. Axuda a previr enfermidades cardiovasculares, reduce a mortalidade por todas as causas, é beneficiosa para o sistema inmunitario (as nosas defensas) e contribúe a reducir a obesidade.
Aínda que falamos dunha dieta, esta debe entenderse como un estilo de vida. A Unesco destaca os costumes asociados a este patrón, como son o acto de comer xuntos e a vida social que se articula ao seu redor.
Con todo, nos últimos anos, o consumo de froitas, verduras e legumes diminuíu, mentres que aumentou o de alimentos ultraprocesados. Por iso, algúns investigadores suxiren que España está deixando de lado este estilo de vida tan saudable.

ACTIVIDADE MEDIA

Outros motivos para presumir

España é exemplo europeo e mundial en moitos outros ámbitos. Por grupos, buscade sectores e dereitos nos que se atope á cabeza. Despois, explicade en que consisten, desde que momento existen e cales son os beneficios para a sociedade.

ENTENDER

A influencia católica e pagá das tradicións

■ Cal é o porqué das festividades que celebramos? Aínda que o peso católico é innegable, moitas das nosas festas tamén teñen unha historia pagá. Proba diso é o Nadal, que xa se celebraba en época dos romanos, antes de que o cristianismo abrazase decembro como o mes no que naceu Xesús.

■ Do mesmo xeito, é certo que a Igrexa está presente en moitas festas. Vemos as eucaristías en Nadal, a Semana Santa e as procesións ou a celebración do patrón e da patroa de España (Santiago e a Virxe do Pilar), con representación institucional nestas festas, cando o noso Estado é aconfesional. É isto unha contradición ou unha forma de corresponder á tradición?

■ Nos últimos anos, mentres importamos celebracións estranxeiras como o Halloween, tamén recuperamos parte da nosa esencia cultural, como o samaín, unha celebración milenaria celta que precisamente é a orixe do Halloween.

ACTIVIDADE AVANZADA

O debate en clase

Dividídevos en grupos e creade un partido. Un deles debe apoiar a creación dun casino, outro debe estar en contra, outro debe apoialo parcialmente e outro estar en contra, pero con opción a cambio. Debatede respecto diso con argumentos.

PROFUNDAR

O peso económico do turismo e as festas, motivo suficiente para non escoitar os veciños?

■ No pasado 2023, o número de turistas en España superou por primeira vez os 85 millóns de visitantes, e o gasto medio no destino estivo por encima dos números acadados no 2019. Cada turista deixou de media 1.278 euros.

■ Estas cifras explican que España só estivese por detrás de Francia en número de visitantes. A maioría procedían do Reino Unido, Francia, Alemaña ou os Estados Unidos. A comunidade preferida polo turismo internacional foi Cataluña, seguida das illas Baleares e as illas Canarias.

■ A chegada dun turismo masivo espertou no 2017, segundo algunhas investigacións, un sentimento de turismofobia, ou rexeitamento dos visitantes. As razóns para explicalo foron varias: desprazamento dos residentes na zona, masificación dos barrios, máis ruídos, máis sucidade ou maior gasto de recursos prezados en certas zonas, como a auga. A economía baseada no turismo, din, é moi limitada e non sostible.

Cataluña acaba de convocar eleccións autonómicas porque non aprobou os orzamentos. Catalunya en Comú votou en contra porque o Goberno catalán non se opuxo á construción dun megaproxecto de casinos e hoteis en Tarragona.

■ Ten sentido que a economía xustifique este tipo de negocios?, deben as autoridades limitar o turismo en zonas masificadas, ou o diñeiro compensa os danos?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies