C. MARTÍNEZ

Unha boa maneira de coñecer mellor os minerais de Galicia este verán é a través dunha visita polos seus museos. En distintos puntos da comunidade existen iniciativas para divulgar o coñecemento da xeoloxía, o solo e a actividade mineira. Ademais, a maioría emprázanse en lugares cun pasado e un presente marcado polas minas e as canteiras.

O Museo dos Minerais de Galicia sitúase no concello do Porriño. Un lugar onde tamén se atopa un dos xacementos máis grandes do mundo dunha variedade de granito única: o chamado rosa Porriño. Na sala de exposicións exhíbese unha colección permanente de más de 500 exemplares de minerais e rochas, cunha alta representación de pedras galegas.

Na capital de Galicia atópase o Museo de Historia Natural, unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que existe unha parte dedicada aos minerais e ás rochas. Os fondos do museo, que data de 1840, foron achegados por investigadores, profesores, alumnos e científicos galegos nos últimos 200 anos.

En Vila de Cruces atópase o poboado mineiro da mina de Fontao, destinada á extracción de volframio e estano, e que foi abandonado nos anos setenta. No seu museo está dispoñible unha completa mostra fotográfica sobre a mina, unha colección de pezas cedidas pola Xunta de Galicia e unha exposición do Instituto Xeolóxico Mineiro de España (IGME).

A extracción de volframio e estano tamén foi importante na zona de San Finx, en Lousame. A mina estivo en funcionamento ata 1989 e foi posta en valor cunha remodelación nos anos dous mil. De feito, dende o 2007 ata o 2017 recibiu a 7.000 persoas en visitas guiadas.

Máis ao norte, en Cerceda, atópase o Museo da Minería, situado nunha antiga estación de ferrocarril. Nel recóllese o impacto paisaxístico e social da mina de Meirama, e fala dos mais de trinta anos de extracción deste mineral, así como da posterior recuperación ambiental para crear o lago.

Por último, na serra do Caurel existe un importante pasado mineiro debido á riqueza do seu subsolo. Por iso, en Quiroga hai un pequeno museo que inclúe os contidos xeolóxicos más representativos da contorna.

1) Museo dos Minerais de Galicia (Porriño)

O museo atópase no Centro Tecnolóxico de Galicia. Conta con máis de mil pezas, das cales se exhiben arredor de 300 minerais, 100 rocas e 100 fósiles. Entrada gratuíta.

Foto: Luz Conde

4) Minas de San Finx (Lousame)

No museo pódense apreciar instalacións de labores, equipamento, fornos e construcións destinadas á minería de volframio. É posible realizar visitas guiadas programadas para máis de dez persoas. 

Foto: Marcos Creo

2) Museo da Historia Natural - USC (Santiago de Compostela)

Dispón dunha colección de minerais e rochas, unha exposición sobre o solo, outra de xeodiversidade, fósiles e salas de bioloxía e zooloxía. Entrada: de un a tres euros.

Foto: Xoan A. Soler

5) Museo da Minería (Cerceda)

Recolle a orixe do carbón e os seus tipos, así como as repercusións económicas, sociais e laborais do lignito pardo entre 1974 e 2007. Aberto de luns a venres de 9.30 a 16.00. Polas tardes e os sábados requírese cita previa.

 

3) Poboado da Minería de Fontao (Vila de Cruces)

Os edificios destinados á exposición son a antiga capela e as escolas, reformadas e acondicionadas no 2012. A entrada é gratuíta, pero é necesario facer unha reserva previa.

Foto: Marcos Míguez

6) Museo Xeolóxico (Quiroga)

Conta con cinco salas temáticas: a formación do territorio de Galicia, a historia paleontolóxica, a última ideade de xeo, os primeiros poboadores da zona e a historia da minería ata os nosos días. Entrada: un euro. 

Foto: Carlos Rueda

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies