C. MARTÍNEZ

Esta semana, no concurso de reportaxes Xornalismo na Escola, que organiza La Voz de Galicia coa empresa Ence, preséntanse dous traballos sobre temas moi diferentes. Por unha banda, os alumnos de 3.º da ESO do colexio Salesianos de Ourense abordan a importancia que ten coidar a saúde mental dos adolescentes, e cal é a demanda asistencial dende a pandemia, que marcou un forte aumento dos casos.

Por outra banda, o grupo do IES Camilo José Cela, de Padrón, aposta por unha reportaxe sobre a creación de biocombustibles para reducir as emisións de cara ao 2050. Precisamente este último vai á categoría Ence, centrada en destacar mediante estes traballos xornalísticos as posibilidades de desenvolvemento das zonas rurais, os proxectos que fixen poboación ou todas as iniciativas que supoñan crecemento agropecuario e forestal de Galicia.

«Todo o que sae dunha dinámica de clase sempre conta con participación», confirma Iván Vilar, profesor de Matemáticas e Educación Dixital no Colexio Salesianos de Ourense. Converterse en xornalistas por un día non ía ser unha excepción. Os seus alumnos e 3.º da ESO dividíronse en dous grupos e cada un deles elixiu o tema do que lles gustaría tratar. «Optaron por temáticas polas que teñen interese, como adolescentes que son», conta o seu profesor. Despois de documentarse, realizar entrevistas e documentarse, a rapazada votou como tema gañador a saúde mental na adolescencia. Neste senso, Vilar considera que «o máis difícil» foi a organización: «Repartirse o traballo, decidir quen facía cada cousa».

 

Un proxecto pioneiro

A reportaxe presentada polo IES Camilo José Cela de Padrón está centrada nun «proxecto pioneiro no mundo», segundo indica a profesora de Lingua Castelá dos rapaces, Margarita Chamorro. Apostaron por el porque, ademais, ten como protagonista unha científica galega, Elena Blanco: «A primeira que creou un biocombustible para un voo transoceánico». Entrevistárona por videochamada e quedaron impresionados porque con «restos de millo, remolacha e aceite de cociña» é posible «levantar un Boeing 787». Tamén falaron con Antonio de la Mata, comandante de Air Europa (que ademais, estaba recentemente chegado dun voo con saída dende Miami); e Ana Belén Castro, que traballa como axente forestal. «Creo que o que máis lles gustou foi escoitar a estas tres persoas, as súas experiencias. Ao igual que poder facerlles preguntas sobre os seus traballos», conta Chamorro.

CPR SALESIANOS (OURENSE)

Como afectou a pandemia á saúde mental dos adolescentes? Esa situación foi a peor ou a mellor durante estes anos? En que ámbitos lles está influíndo? Esas son algunhas das cuestións que abordan na súa reportaxe os alumnos de 3.º da ESO do CPR Salesianos de Ourense, despois de entrevistar a Almudena, enfermeira especializada en saúde mental do CHOU. O seu profesor, Iván Vilar, indica que elixiron tratar sobre este tema porque son conscientes de que trastornos como a depresión ou a ansiedade están moi presentes na súa xeración.

IES CAMILO JOSÉ CELA  (PADRÓN)

O grupo de Lingua Castelá e Literatura de 1.º de bacharelato do IES Camilo José Cela (Padrón) quixo saber máis sobre un proxecto pioneiro que está levando a cabo unha científica galega, Elena Blanco. Trátase da creación dun biocombustible co que reducir as emisións contaminantes dos avións. O titular da súa reportaxe xa proporciona pistas sobre os seus curiosos ingredientes: «El maíz y la remolacha, la esperanza verde para la aviación». Tal como contan no seu traballo xornalístico, hai uns meses despegou o primeiro voo de Londres a Nova York de un Boeing 787 de Virgin Atlantic cargado con este biocombustible.

Alumnos do IES Camilo José Cela.
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies