L. Cancela
Cando unha persoa ten un traballo tamén ten un salario. É dicir, un diñeiro que cobra cada mes por desempeñar as súas tarefas. Os soldos son moi variables, dependen do sector. Por exemplo, un profesor e un xornalista non gañan o mesmo. Regúlase segundo un convenio, que é un acordo que se asina entre os traballadores dunha rama e os donos das empresas desa mesma rama. Con todo, a cifra que se reflicte é só un mínimo, pois pode ser máis alta, e sempre debe respectar o salario mínimo interprofesional (as súas siglas son SMI). Un termo que foi noticia estas semanas.

Que é o salario mínimo?
É o soldo mínimo que cobra unha persoa, mensualmente, por un traballo a xornada completa. Regúlao o Goberno, en concreto, o Ministerio de Traballo.

Qué é unha xornada laboral?
É a cantidade de horas que unha persoa debe traballar. A xornada completa en España é de 40 horas semanais e, por regra xeral, corresponde a oito horas por día, cinco días á semana. Tamén é posible facer media xornada, o que sería 20 horas. Como é lóxico, o soldo non é o mesmo. Se poñemos o exemplo do SMI, unha persoa que só traballe a media xornada, cobrará a metade.

Por qué é noticia o SMI?
O Ministerio de Traballo acordou subilo un 5 %, ou o que é o mesmo, 54 euros máis. Isto sitúao en 1.134 euros brutos ao mes aos que lles hai que restar os impostos, é dicir, 15.876 ao ano. Falamos en termos anuais porque os salarios sempre se miden así.

Cando empezou?
O primeiro salario mínimo fixouse en xaneiro de 1963, durante a ditadura franquista. Era de 1.800 pesetas mensuais, o que hoxe en día serían 10,80 euros. Como vedes, as pesetas tiñan outro valor. No ano 2000, o SMI era de 424,80 euros, e no 2010 de 633. Polo tanto, en 13 anos medrou case o dobre. Recentemente, na anterior lexislatura, elevouse desde os 735 ata os 1.080 euros no 2023, case un 50 % máis.

Por que é importante?
O salario mínimo ten varias funcións. En primeiro lugar, garantir que as persoas poidan facer fronte ao custo da vida, algo moi importante hoxe en día, porque os prezos da comida, da casa, da luz ou da gasolina, por exemplo, subiron moito. Pero, ademais, atende ao dereito que ten unha persoa a recibir un soldo xusto e suficiente para levar unha vida digna. Deste xeito, asegúrase que ningún traballador cobre menos.

A quen beneficia?
Sobre todo, aos traballadores non cualificados, como os empregados do sector servizos, por exemplo, os camareiros ou as empregadas do fogar, ou os do sector da agricultura. En realidade, o número total de traballadores que o perciben en España é duns 2,5 millóns, segundo estimacións do Ministerio de Traballo, e un terzo deles son mulleres e xente moza.

Pode beneficiar ao resto?
Nalgúns casos, si. O SMI utilízase como base nalgúns convenios colectivos para marcar o resto dos salarios. Se este sobe, o resto dos soldos superiores tamén.

 

Os empregados están a favor, e as empresas, en contra

A decisión de subir o SMI corresponde ao Goberno de España, que ten o compromiso de revisalo todos os anos. Con todo, sempre o consulta cos axentes sociais, é dicir, as entidades que representan aos traballadores (sindicatos) e aos empresarios (patronais). O que estes digan non é vinculante (non hai que cumprilo), pero é lóxico que deba ser un acordo porque todos poñen da súa parte. Neste caso, só contou co apoio dos sindicatos. Por que? A proposta da patronal non foi aceptada porque se consideraba moi baixa: un 2,9 %. Os patróns cren que o incremento do 5 % é demasiado para as empresas e non estiveron a favor. Este argumento xa se repetiu noutras subidas, e o paso do tempo amosou que os incrementos non teñen por que ser prexudiciais.

Dinamarca, Finlandia ou Italia, entre os países que non o regulan

O incremento do salario mínimo ten o obxectivo de equipararnos con Europa, é dicir, co que fan outros países. España está no posto número sete da Unión Europea. Que pasa no resto? Algúns territorios, como Luxemburgo ou Alemaña, teñen un salario moi alto, de 3.700 e 3.140 euros mensuais, mentres que outros están en posicións moito máis baixas. En Bulgaria non chega a 400 e en Hungría é de 579. Toda esta variedade explícase, sobre todo, polo soldo medio de cada Estado. En teoría, recoméndase que o SMI sexa o 60 % do soldo medio dos traballadores dun país. Por exemplo, se a media en España fose de 1.000 euros, este salario debería ser de 600. Con todo, non é obrigatorio regulalo, e non todos os países o fan. Este é o exemplo de Dinamarca, Austria, Suecia, Italia ou Finlandia.

ACTIVIDADE BÁSICA

Os sectores

Neste primeiro artigo falamos do sector servizos. Non obstante, que outros sectores de traballo existen en España?, cal é predominante en Galicia?, poderías dar un exemplo dun emprego típico?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Os mozos queren saír da casa

En España, moitos mozos quérense independizar, pero non poden facelo porque carecen de posibilidades económicas. O último informe do Observatorio de Emancipación do Consejo de la Juventud de España conclúe que do total dos mozos de entre 16 e 29 anos, só un 16 % poden vivir pola súa conta, ou o que é o mesmo, só 16 mozos de cada 100 poden emanciparse. É certo que estas cifras son as mellores das rexistradas desde o 2020, pero seguen estando moi lonxe da media da Unión Europea, que se sitúa nun 31,2 %.
Estes datos amosan o difícil que é independizarse e corroboran a realidade, pois a idade de emancipación no noso país (30,3 anos) é unha das máis altas do Europa. Hai varias razóns que o explican. En primeiro lugar está a situación laboral. Aínda que o paro xuvenil está descendendo e o salario medio aumentando lixeiramente, as condicións de traballo que teñen seguen sendo desfavorables en comparación con outros grupos de idade. Un estudo concluíu que o emprego xuvenil aínda se considera o máis precario, con maior temporalidade e parcialidade. Por outra banda, o prezo da vivenda en alugamento, que é a opción maioritaria cando a xente quere independizarse, non parou de medrar. De feito, o documento estima que na próxima década a taxa de emancipación pode empeorar polo encarecemento do fogar, cuxos prezos soben máis cós salarios.
Vexámolo cun exemplo: en España, o soldo medio dun mozo é de 1.005 euros netos (o que realmente recibe) ao mes, mentres que o prezo do alugueiro sitúase en 944 euros. A isto súmase o diñeiro que se destina a pagar todos os gastos: a comida, a luz, a auga, o transporte ou a calefacción. O conxunto de todos estes bens necesarios no día a día denomínase custo de vida e cada vez está máis alto. Aínda que era habitual que medrase anualmente, desde a pandemia o seu incremento foi moi maior, exponencial. A crise sanitaria, a guerra de Ucraína e, máis recentemente, a seca en España, fixeron que os prezos subisen e os salarios se manteñan case sen variacións.

Do paro á inflación, breve explicación dos termos económicos

Para entender a macroeconomía (as grandes contas dun país) e a microeconomía (as que facemos nós na casa) é necesario coñecer un pouco da súa linguaxe máis técnica. Colle bolígrafo e papel, porque alá imos cos termos máis útiles para esta tarefa.

IRPF.- Significa imposto sobre a renda das persoas físicas. O Estado defende que todos os españois deben contribuír ao gasto público para facer escolas, hospitais ou carreteiras. Grávase o recibido nun ano, que pode ser un soldo, unha pensión (unha paga do Estado) ou polo aluguer dun ben que teñamos. Págano todas as persoas residentes en España.

Inflación.- Aumento dos prezos das cousas: imaxina cun refresco vale hoxe 1 euro e dentro dun ano, 1,2 euros.

Deflación.- Fenómeno contrario á inflación, é dicir, unha caída xeral e continuada dos prezos.

Paro.- Conxunto de persoas activas (que queren traballar) que están desempregadas. Tamén chamamos así ao subsidio que reciben as persoas durante un tempo despois de perder un traballo.

IPC.- Índice de prezos de consumo, o dato que mide a evolución do custo das cousas. Do seu aumento dependen a suba das pensións ou a do SMI. No 2023, o IPC subiu o 3,5 %.

ACTIVIDADE MEDIA

Tipos de salario

En materia laboral, existen dous tipos de salarios: o neto e o bruto. Cal é cal?, cal define o diñeiro que percibimos cada mes?, cal é máis elevado?, que diferenzas presentan? Investiga sobre cal deles se aplican as retencións e que supoñen algunhas delas.

ENTENDER

Que significa ter diñeiro para vivir dignamente?

■ Ter un emprego non garante librarse da pobreza. De feito, unha de cada tres persoas que se atopan en situación de exclusión (en risco de pobreza) ten un emprego polo que cobra un soldo, segundo recolle un informe da Red Europea de Lucha contra la Pobreza y la Exclusión Social en el Estado Español.

■ O presidente desta entidade explicaba que isto ten varias causas: o prezo da vivenda, que deixa sen cartos á xente; a fenda de xénero, pois as mulleres teñen traballos máis precarios, e a falta de axuda ás familias con fillos menores.

■ Segundo datos do 2022, uns 4,2 millóns de persoas sobrevivían en España con ingresos inferiores a 560 euros ao mes. Isto lévanos a pensar sobre que significa vivir dignamente. Por exemplo, un de cada seis cidadáns do noso país pasa frío no inverno porque non pode pagar a calefacción. Se tivese un salario, sería digno que isto lle ocorra?, que gastos debería cubrir un soldo?

ACTIVIDADE AVANZADA

Subsidios e o seu contexto

Como vemos, as pensións teñen distintas naturezas e obxectivos. Pensa en todas aquelas situacións nas que alguén tería que deixar de traballar e podería precisalas. Entendes cal é o obxectivo deste tipo pensións?, cres que seguirán no futuro?

PROFUNDAR

As pensións en España, a medida efectiva coa que o Estado protexe os cidadáns

■ O Estado español ten distintas pensións que forman parte do sistema de benestar que ten o obxectivo de garantir un mínimo económico á maioría dos seus cidadáns. Por unha banda, atópanse as pensións contributivas, que son de duración indefinida na maioría de casos. A súa concesión depende de que a persoa traballase previamente, é dicir, que pagase antes de recibila. Hai varios exemplos: de xubilación, de incapacidade permanente ou de orfandade.

■ Por outra banda, atópanse as pensións non contributivas. Ofrécense a cidadáns que, ao atoparse sen recursos, non se lles esixe que pagasen antes. Son moito máis baixas que as anteriores.

■ Estas pensións fináncianse de dúas formas. Primeiro, parte do diñeiro procede das cotizacións que fan os traballadores e as empresas á Seguridade Social (unha caixa común dos traballadores), un diñeiro que xa non che chega ao banco, senón que o retén a empresa e llo dá ao Estado. E en segundo lugar, fináncianse cos impostos que todos pagamos.

■ Pode o Estado cargar con tanto? Os que defenden as pensións sinalan que é un dereito poder vivir dignamente chegados a unha idade, porque, mentres as persoas traballan enchen esta hucha futura.

■ E, ao contrario, hai xente que opina que é unha carga moi pesada para o Estado e lembra a necesidade dun plan de pensións privado ao que se vaia achegando diñeiro.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies