JESÚS GARRIDO
Desenvolvemos hoxe novos aspectos da educación do sentido crítico, lembrando as principais diferenzas entre as estratexias das teorías de aprendizaxe didáctica (TD) e crítica (TC), explicadas anteriormente (La Voz de la Escuela, 2/11/ 2022).
1. Responsabilidade da aprendizaxe
TD. Segundo a teoría didáctica, o profesor ten a principal responsabilidade de que o alumno aprenda. A súa programación e recursos deben ir encamiñados fundamentalmente a ese obxectivo, tanto nos contidos como nas metodoloxías. O alumno depende, en gran parte, de cada profesor, e el debe dirixir e lograr que os alumnos entendan e se acomoden á súa forma de ensinar.
TC. Opina, en cambio, a teoría crítica que é necesario traballar para que o alumno se converta, aos poucos, no principal director e axente da súa propia aprendizaxe e que non dependa tanto do estímulo, metodoloxías e outros condicionamentos que o profesor utiliza. Xa que logo, o alumno debe depender, cada vez máis, de si mesmo e da súa forma máis efectiva de buscar e conseguir persoalmente a súa propia aprendizaxe.
2. Dimensión da aprendizaxe
TD. É mellor abrir o panorama horizontalmente e coñecer moitas cousas, xa que iso constitúe a mellor base para adquirir unha ampla cultura .
TC. É mellor profundar verticalmente nalgúns temas, xa que isto lle dará ao alumno unha excelente pauta para a comprensión doutros asuntos ou noticias e sistemas de novas aprendizaxes.
3. O proceso de aprendizaxe
TD. Para aprender ben non hai que saber como funcionan os mecanismos e as estratexias de aprendizaxe.
TC. Para aprender ben e con eficacia é moi importante coñecer como funcionan os mecanismos e estratexias de aprendizaxe que cada persoa utiliza realmente.
4. Remediar a ignorancia
TD. A forma máis rápida e segura de remediar a ignorancia do alumno é que o profesor lle informe. Hai que ensinalo todo para que o alumno o aprenda: é a mellor forma de evitar indecisións, dúbidas, perdas de tempo. A experiencia do profesor aforraralle camiños inútiles e aprendizaxes falsas. E, por outra banda, tampouco temos moito tempo nin recursos de consulta suficientemente expeditivos para que o alumno poida sempre comprobar en por si as cousas.
TC. O medio máis profundo e significativo para remediar a ignorancia é que os alumnos aprendan a comprobar por si mesmos que é o que saben e que é o que non coñecen ben. Trátase dos sinais máis claros de que se chegou historicamente a un certo cume no saber humano que leva consigo non só recoñecer un dato, comprendelo, analizalo, aplicalo, facer unha síntese e chegar, por fin, a unha autoavaliación do que sabe. E mesmo darse conta do que aínda lle queda por saber.
Resumo final
Con iso damos por finalizada esta serie sobre o sentido crítico, aplicado ao estudo das noticias e que publicamos cada semana na páxina 3 de La Voz de la Escuela desde o 26 de outubro do 2022. Insistimos na diferenza entre a teoría didáctica (TD), que tende a insistir na cantidade de coñecementos que debe recibir o alumno, e a teoría crítica (TC), que se fixa especialmente no desenvolvemento das habilidades persoais de aprendizaxe.
Por suposto, é imprescindible coñecer a fondo a teoría e práctica que Richard Paul desenvolve amplamente no seu libro Critical Thinking Handbook e a práctica diaria coa noticia na aula que cada mércores do curso publicamos aquí.