Ten Román Rodríguez González (O Vento, Lalín, 1968) enerxía dabondo para, tras unha xornada de inauguracións e reunións e unha entrevista de dous horas un venres pola tarde na Coruña, saír pitando a Portomarín para un encontro de tunas; e iso que di que dende que cumpriu os 50 nótase canso ás veces. O pulo do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade tamén pode ter que ver coa perspectiva, ás poucas horas do inicio, dun curso moito máis doado que hai un ano.

—Como se presenta o curso, xa o terceiro da pandemia?

—Cunha mestura de optimismo, prudencia e responsabilidade. O sistema actual é mellor que o do curso pasado porque temos máis coñecemento e experiencia, e porque demostrou que funcionaba. A meirande parte da poboación maior de 12 anos está vacinada, e temos a esperanza dun inicio de curso máis tranquilo.

—Non hai datos finais da vacinación de persoal dos centros.

—De feito, o Sergas dounos o dato hai pouco: Galicia ten unha das mellores porcentaxes de vacinación do país, un 96%, por riba da media da poboación xeral de Galicia. Por exemplo, en Cataluña teñen un 12% de profesores sen vacinar. Penso que o dato galego reflicta a confianza no sistema, aínda que fago un chamamento a ese 4%, que sexa consciente da importancia de ser solidario co seu entorno.

-Un 4% en estatística é case estructural. Pódese rebaixar? 

—É certo que son moi poucos, ao mellor xente que pasou a enfermidade e non podía recibir a vacina. Pero aínda así, creo que o noso deber é facer ese chamamento á responsabilidade.

—Os rapaces tamén estarán vacinados.

—Esperamos que para o día 19 ou 20 todos os rapaces maiores de 12 anos teñan a pauta completa de vacinación; por descontado, cando empece o curso [en secundaria será o día 15] todos terán a primeira dose; na mesma semana, completarase o proceso.

—A máscara e as pautas de ventilación serán como o pasado curso.

—Todas as evidencias din que a máscara e as pautas de ventilación deben ser os piares da norma. O ano pasado estableceuse unhas pautase de apertura para manter a ventilación do aire e seguimos con elas. Temos unha app específica para iso.

—Esas son as boas noticias, porque o do reforzo de profesores, en cambio, é outra cousa. Cae e número de docentes sobre o curso pasado, aínda que a pandemia segue aí.

—Hai que ter en conta que o curso pasado foi excepcional, e nós adaptámonos aos requirimentos sanitarios acordados polo Ministerio de Educación y FP e as comunidades; e neste ano farémolo igual. Vanse cumprir ao 100%.

No número de profesores hai que ter en conta a caída demográfica: perdemos 4.000 alumnos en infantil e primaria sobre o curso pasado e 6.000 sobre o do 19/20. Pese a todo, hai aumento de profesorado e creamos 190 unidades a maiores sobre o curso anterior. Imos ter os profesores que hai que ter, por exemplo en primaria os desdobres van ser exactamente iguais que os do curso pasado.

—É dicir, grupos burbulla de 25 rapaces como máximo? Non volvemos ao habitual, con clases de 26 ou 27 porque veñen rapaces de última hora o hai repetidores?

—Non, neses casos, hai desdobres. Pero ademais hai reforzo de profesores no plan Recupera, con 1.250 docentes.

—É a fusión dos programas ARCO e PROA, pero só hai programados os reforzos no primeiro trimestre. Os cartos chegan de Europa vía Goberno central e son para anos naturais. Se o Goberno central non consigna unha nova partida para o ano 2022, Galicia quedará sen profesores de reforzo en xaneiro?

—Non só son fondos europeos, tamén poñemos recursos propios. O curso pasado puxemos un millón de euros que recortou o Goberno central. Sobre o 2022, nós contamos que os fondos europeos se manteñan. En calquera caso teremos que valoralo nese momento.

Nós non queriamos que a crise sanitaria derivara nunha crise educativa e nesa liña estamos aínda: non imos relaxar as medidas educativas. Temos o plan de benestar emocional, aumentaron os programas de plurilingüismo e E-Dixgal (presentouse unha estratexia dixital reforzada) e aumentaron os cursos para os profesores. Galicia ten un dos sistemas educativos mellores e máis equitativos de España e aí seguimos.

—Así que o conselleiro non teme un outono quente. Porque o vindeiro mércores hai concentración ante San Caetano organizada por CIG-Ensino, que é o sindicato maioritario na escola pública, e a confederación de familias Anpas Galegas co eslogan «Menos ratio, máis docentes. Contra a pandemia dos recortes».

—Somos unha sociedade madura, e é normal que as organizacións sindicais reivindiquen, e así o entendemos. Pero a sociedade ten confianza no sistema educativo e temos claro que a situación é diferente á do ano pasado.

—Quéixanse tamén dos problemas da escola rural, como xuntar todos os rapaces de primaria nunha mesma aula.

—Non hai que confundir as causas coas consecuencias: a caída demográfica obriga a facer de xeito progresivo unha reorganización do sistema. Pero Galicia fai unha aposta espectacular polo ensino no rural, temos unha das redes máis extensas de España e moi boa calidade, non hai máis que ver as notas de selectividade. Os centros rurais teñen auxiliares de conversa, plans de mellora, proxecta, plurilingüismo, E-Dixgal… Todo cunha oferta de servizos complementarios impresionante: temos o 5% dos alumnos de España pero o 25% do gasto en transporte.

—Falando do transporte, hai rapaces de FP e bacharelato que non teñen dereito ao transporte escolar gratuíto e iso lles dificulta seguir cos estudos.

—Nós temos o compromiso de atender ao ensino obrigatorio [que remata coa ESO] pero se nas rutas hai prazas, non hai problema para atender aos rapaces do ensino posobligatorio. Creo que eses casos que di son moi puntuais.

«A porcentaxe da alumnos da ESO con todo aprobado creceu 7,8 puntos»

Galicia (nin España) fixo unha avaliación para saber canto coñecemento se perdeu na pandemia.

—Temos un dos mellores sistemas educativos de España e Europa. Podemos permitirnos non saber canto coñecemento quedou na pandemia, non facer ese análise?

—Non houbo avaliacións comparativas entre comunidades porque o ministerio renunciou a facelas, pero en Galicia cada centro sabe cal e o seu nivel educativo, e de aí o plan Recupera da Xunta. En Galicia houbo presencialidade total [só en casos puntuais en FP media e superior houbo quendas de teledocencaia] e sabemos que a porcentaxe de alumnos de ESO con todo aprobado creceu uns 7,8 puntos en todo o curso, e o número de faltas de asistencia, mesmo polos confinamentos, foi de 3 puntos por debaixo de outros anos. Non creo que teña sido un curso perdido.

—Ao mellor ten que ver iso dos grupos reducidos.

—Non, porque as porcentaxes mantéñense en todo tipo de centros, tamén nos que non reduciron os grupos.

«O decreto de admisión nos centros adiantouse para facilitar as cousas ás familias»

O novo currículo, ao que obriga a lei en vigor, Lomloe, aínda non está rematado por parte do Goberno central, pero entra en vigor no curso 2022/23, algo que preocupa a Rodríguez.

—Vou enviar unha carta á ministra para pedirlle que axilice ao máximo a redacción dos currículos. Nós temos que completar o 50% do documento e xa temos os grupos de traballo, que deberán corrixir as eivas que haxa.

Nós entendemos que os contidos son fundamentais, como tamén saber para que serven. Non se pode reflexionar se non hai coñecementos.

—A que se refire o conselleiro cando fala de coñecementos? Á materia de Historia de España de segundo de bacharelato, que inclúe dende o Neolítico ata Rodríguez Zapatero? Cre o conselleiro, que ademais é profesor universitario, que un alumno pode ter coñecementos así?

—As materias teñen que ter uns contidos básicos fundamentais para que os alumnos entendan o mundo que lles rodea. E o ministerio ten que garantir a igualdade entre Lugo, Soria e Cuenca.

—Pero as competencias están transferidas ás comunidades.

—O ministerio debe falar coas comunidades para coordinar, non impoñer.

—Por certo, que tal se leva coa nova ministra, Pilar Alegría?

—Cordialmente. Da unha sensación de querer ter un trato diferente coas comunidades. Agardamos que teña máis diálogo e menos imposición tipo “yo invito y tú pagas”.

—Á Xunta non lle gusta moito a nova lei, a Lomloe. Adiantou o decreto de matriculacións nos colexios ao pasado xaneiro, para que non lle afectase a lei-; e agora, co borrador do novo documento xa adaptado á lei, non cambia nada importante. Non foi aquilo unha manobra política?

—Fíxose para facilitar a inscrición ás familias, non por razóns políticas.

—Tamén no adianto dos exames de setembro a xuño fálase de axudar ás familias, pero deixa un par de cuestións: os rapaces que aproban todo están tres semanas non colexio se ter que facer; e por outra banda, nese tempo parece difícil recuperar tres ou catro materias.

—Moitas comunidades o teñen feito con moi bos resultados, aumentando as taxas de éxito, que en setembro son moi baixas. Nós temos a experiencia moi positiva en segundo de bacharelato, e pensamos que pode ser beneficioso para a organización dos centros e para as familias. Quizais deberiamos telo explicado mellor ás ANPA. Sobre os rapaces con todo aprobado, o problema é puntual neste curso, no que se solapan os dous sistemas.

—Ao non haber exames en setembro, o curso 22/23 poderá comezar á vez en primaria e na ESO, non?

-Hai que ver como quedan as datas, poden empezar á vez ou non.

«A lei de universidades parece de Groucho Marx»

Aínda que a educación ordinaria é o asunto máis inminente para o conselleiro, este tamén o é de universidade.

—Que lle parece a nova lei de universidades anunciada polo Goberno central?

—Penso que é froito da incontinencia lexislativa en materia de educación que ten este Goberno: lei orgánica de educación, de FP, de universidades; habería que saber por que o Goberno ten tanto interese en cambiar dun xeito tan rápido todo o relacionado coa educación. Esta lei foi feita unha vez máis de espalda ás comunidades nun acto de soberbia política sen precedentes. Non hai diálogo.

O pouco que coñecemos desta lei parece unha lei de Groucho Marx: temos estes principios, pero se non vos gustan, temos estes outros. É o que pasa coa elección de reitor ou cos profesores. E da medo que pase de Marx, de Groucho a Karl, e sexa unha lei de partido, ideolóxica, e non a que necesita a universidade do século XXI.

—A universidade galega está a ser a que necesita a comunidade no século XXI?

—O novo plan de financiamento, con 3.000 millóns, creo que é un paso máis para ter unha universidade máis moderna, innovadora e investigadora, máis vencellada coa sociedade e cos valores desta, como a sustentabilidade ou a internacionalización.

Melloramos o modelo cunha alta cooperación coas tres universidades. Nos últimos anos dimos un salto cualitativo na coordinación universitaria e o aproveitamento das súas potencialidades para mellorar a oferta educativa. O mellor exemplo é o grado e mestrado, e tamén o curso de especialización de FP, sobre intelixencia artificial.

—Non podemos rematar a entrevista sen falar da FP.

—É unha das grandes apostas educativas de Galicia. Con melloras cualitativas e cuantitativas: cunha nova oferta de cursos de especialización, os coñecidos como másteres de FP, e os ciclos duais, de traballo na empresa: dos mestrados haberá 13 e os ciclos duais pasan de 60 a 160. Pero ademais, a FP ten máis alumnos cada ano, un 10% máis só en xuño, e queda a convocatoria de setembro. Penso que fomos capaces de gañar a confianza do mundo empresarial, de conectar coa sociedade, o que aumenta as posibilidades de emprego dos nosos alumnos e mellora a competitividade das empresas. E somos un modelo para a FP a nivel estatal polos ciclos en inglés.

A FP galega ten prestixio, xa hai anos que non é o plan b.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies