S. C.
Rebeca Atencia é a versión galega da coñecida primatóloga Jane Goodall. Esta veterinaria ferrolá está á fronte do centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga (República Democrática do Congo).
E os alumnos galegos poderán coñecer moito mellor a importante misión desta experta galega de primeira man, contada pola propia Rebeca Atencia, que participa no programa Girl STEM. Este ciclo de conversas —que organizan a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)— xa contou coa presenza de Begoña Vila Costas, unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo que traballa na NASA, onde desempeña o seu labor como especialista no estudo de galaxias espirais.
Prema aquí para ver o vídeo da entrevista
O programa Girl STEM busca reducir a fenda entre mulleres e homes nos estudos dos campos da ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas e a enxeñería (STEM polas súas siglas en inglés), e poderá seguirse este ano dende as aulas galegas. Porque o ciclo foi transformado nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para tratar de adaptarse ao coronavirus, pero tamén para avanzar cara a dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia. Agasol fará chegar aos centros a conversa con Atencia en forma de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver.
Rebeca Atencia dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpancés de Tchimpouga, situado na República Democrática do Congo e dependente do Instituto Jane Goodall. Na charla en Girl STEM recoñece que ao principio, o feito de ser moza e muller foi un reto, porque o colectivo que estaba traballando, e mesmo as autoridades, querían saber ata onde podía chegar. Ela mantívose firme e agora sabe que non está soa, que esas persoas son o seu equipo para axudar aos animais.