L. CANCELA

O aborto consiste na interrupción, voluntaria ou involuntaria, do embarazo. A regulación da interrupción voluntaria pasou por varias fases en España: primeiro foi delito con pena de prisión, despois mantívose o cárcere menos nuns casos concretos (supostos) e dende o 2010 é libre sen explicacións, pero só nas primeiras 14 semanas do embarazo, que dura 40 semanas normalmente. Esta medida foi duramente criticada polo PP (Vox non existía). O pasado 12 de xaneiro, a Junta de Castela e León anunciou medidas «provida» e a polémica desatouse.

Que pasou?

O vicepresidente de Castela e León, Juan García-Gallardo (Vox), anunciou unhas medidas para, segundo el, fomentar a natalidade e reducir os abortos. O Goberno da comunidade está formado polo Partido Popular e Vox (ambos de dereitas).

Cales eran as medidas?

García-Gallardo sinalou que reforzaría a atención psicolóxica das embarazadas, que se implantaría un protocolo para que poidan escoitar o latexo fetal (algo que non é habitual) e que ofrecería unha ecografía 4D, máis aló das tres que sempre se adoitan facer. Hoxe, esta última non é gratuíta, senón que é moi cara, e só se recomenda realizala moito despois das semanas durante as que está permitido o aborto.

Por que foron polémicas?

Hai varias razóns. En primeiro lugar, porque, segundo anunciou Juan García-Gallardo, o médico estaría obrigado a ofrecelas, mentres que as mulleres poderían decidir se facelo ou non. Vox, o partido ao que pertence o vicepresidente, é contrario ao aborto libre. Un día despois do anuncio, a Consejería de Sanidad asegurou a algúns medios que entraría en vigor (se empezaría a aplicar) o luns 16 de xaneiro. Isto non ocorreu.

Que reaccións tivo?

Por unha banda, o presidente da comunidade, Alfonso Fernández Mañueco, pertencente ao PP, negou dous días despois a existencia dun novo protocolo con tales características. Ademais, lembrou que nin a muller nin o persoal sanitario estarían obrigados a nada. «Liberdade absoluta da muller para elixir, respecto absoluto aos seus dereitos», precisaba. Por outra, o Goberno do Estado envioulles o domingo un requirimento oficial (unha carta) para lembrarlles que non podían incumprir as leis actuais relativas ao aborto, que son de obrigado cumprimento en todo o país e están por riba das leis autonómicas ou locais. A Junta castelá, en voz do seu presidente, respondeulles que aínda non se aprobara ningún protocolo. Pero o Goberno central foi máis aló e o martes, en consello de ministros (a reunión semanal que fan todos os membros do Goberno), presentou un requirimento oficial para que o Executivo de Castela e León non seguise coas supostas medidas. Finalmente, este botouse atrás.

Que opina o persoal médico?

Rexeitaron a medida. Os xinecólogos criticaron que a Junta non lles informara. Tamén dixeron que respectaban ao máximo a regulación actual do Goberno central, e que as ecografías 4D propostas están desaconselladas para un uso habitual, xa que poden causar dano ao feto.

 

O 84,3 % dos abortos realizáronse na privada no 2021

O 84,3 % dos abortos que se practicaron en España no 2021 realizáronse en centros privados. Así o reflicte o informe anual sobre as interrupcións involuntarias publicado polo Ministerio de Sanidad, no cal tamén se conclúe que ata doce provincias (das 50 que hai en total) non notificaron nin un só procedemento deste tipo en todo o ano. Por que sucede isto? A razón é a obxección de conciencia. Os médicos poden decidir se practican o aborto. Así, se ninguén está de acordo, derívase á privada, mesmo fóra da provincia ou comunidade. O actual Goberno trata de eliminar estas situacións e aprobou unha reforma da lei que defende que as mulleres deben poder acceder á interrupción do embarazo nun centro público o máis próximo posible ao seu domicilio.

 

Antes da lei de prazos, a muller non tiña vontade para decidir libremente

En España, o aborto foi delito con penas de cárcere ata o 2010. Pero dende o 1985 había tres supostos nos que non o era (é dicir, despenalizábase neses casos): un risco grave para a nai (físico ou psicolóxico), malformacións no feto ou violación. Baixo o suposto de risco psicolóxico, as mulleres abortaban case libremente, aínda que tiñan que aprobalo dous psiquiatras; e ademais facíano en calquera momento, mesmo a poucas semanas do parto.

No 2010, o Goberno do PSOE quere eliminar esa hipocrisía e aproba unha lei que despenaliza o aborto en todos os casos e sen explicacións da muller. Pero limítao ás primeiras 14 semanas. Hai unha excepción: o feto con malformacións, caso no que se pode abortar só ata a semana 22, dúas semanas antes de que un feto poida vivir fóra da súa nai.

ACTIVIDADE BÁSICA

Por territorios

O aborto aínda non é un dereito recoñecido en todos os países do mundo. Elabora unha lista e sinala cinco territorios nos que sexa legal e outros cinco nos que se considere ilegal. Compartídea coa clase.


As actividades están deseñadas por L. Cancela

Menos abortos que no 2019

Cal é a situación que atravesa a interrupción voluntaria do embarazo en España? No 2021, o último ano do que se teñen datos oficiais, abortaron 90.189 mulleres. Unha cifra que aumentou lixeiramente respecto ao ano anterior, cando o fixeran 88.269, pero que diminuíu se o comparamos co 2019, cando se rexistraron 99.149. Isto pode deberse á situación de pandemia que viviu España. Por outra banda, o grupo de idade no que máis interrupcións houbo no 2021 foi entre os 25 e os 29 anos, e séguelle moi de preto o de entre 20 e 24. A que cres que pode deberse que haxa tantos casos entre os adultos novos?

A cifra máis alta de toda a serie histórica alcanzouse no 2011 (118.611), xusto despois de aprobarse a lei do 2010. Algo lóxico se temos en conta que se despenalizou a decisión libre para abortar. É importante referirse ao pasado para ver a evolución. Así, os abortos na poboación de entre 15 e 44 anos diminuíron un 10 % entre o 2012 e o 2021.

En Galicia, a metade da media

Abortan en España 10,7 mulleres de cada 1.000 e en Galicia a metade, 5,3 de cada 1.000. Pero o interesante non é só ver cantas mulleres abortan, senón cando o fan. Case tres de cada catro interrompen o seu embarazo nas primeiras oito semanas; pensa que as semanas de embarazo empezan a contar dende o primeiro día da última menstruación, polo que cando unha muller sabe que está embarazada o normal é que leve xa 5 semanas de embarazo.

Os motivos dos abortos son case todos os mesmos: unha decisión libre no 91 % dos casos. No 5,6 % practicáronse porque o embarazo supoñía un risco para a vida da nai, o 3,1 % por anomalías fetais graves e o 0,3 % por anomalías fetais incompatibles coa vida Estas porcentaxes apenas variaron na última década. 

No 2009, as farmacias empezaron a vender sen receita, para evitar parte dos embarazos non desexados, a pílula do día despois, que se debe tomar nas primeiras 48 horas despois dunha relación sen protección. Agora a pílula é gratis nos centros de saúde.

 

Donos do voso corpo: a educación sexual como prevención

Falar de sexo nos espazos escolares e familiares importa. A educación sexual é un proceso de ensino e aprendizaxe que trata os aspectos cognitivos, psicolóxicos, físicos e sociais da sexualidade. Pode que non vos deades conta, pero esta aprendizaxe empodéravos e faivos responsables, porque vos axuda a ver como pode afectarvos unha decisión. Por exemplo, non utilizar preservativo pode ter consecuencias como contraer unha infección de transmisión sexual ou un embarazo non desexado. Así, este coñecemento é importante porque amosa como as decisións afectan ao voso benestar e ao doutras persoas. 
 
 
Non só isto. Demasiados mozos reciben información sexual a través do porno, o cal non é unha imaxe real das relacións sexuais, e a través das redes sociais. Aínda que estas últimas poden axudar, tamén poden difundir concepcións erróneas sobre as actitudes na intimidade. A figura dun titor permite dar un enfoque real, que non fale só de seguridade, senón que ofreza educación baseada na igualdade de xénero ou nas prácticas para evitar comportamentos de risco.
 
 
É certo que a responsabilidade dun embarazo non desexado pertence ás persoas que manteñen relacións sexuais sen protección (esta é moi necesaria). Pero pode que a sociedade non soubese transmitirlles a importancia de tomar medidas para evitalo. Estades de acordo?
ACTIVIDADE MEDIA

A pílula do día despois

Respondede ás seguintes preguntas: que é a pílula do día despois?, pode considerarse abortiva?, por que si ou porque non?, como funciona?, que porcentaxe de eficacia ten?, cales son as consecuencias de abusar dela?, cantas veces pode tomarse?

ENTENDER

Motivo de debate eterno entre partidos políticos

O aborto sempre é un asunto político en todas partes. En España, desde a súa despenalización no 2010, foi entre o PSOE e o PP. É máis, este último non só a criticou, senón que se opuxo á súa aprobación e presentou un recurso no Tribunal Constitucional contra varios artigos da lei.

Aínda que entre as filas do PP, este dereito foi aceptado, a discusión vai sobre outras cuestións. Por exemplo, o permiso paterno (ou dun xuíz no caso de que elas acudan á Xustiza) para as rapazas de 16 e 17 anos. Coa última reforma xa non hai que facelo, pero credes que necesitan supervisión?

O Tribunal Constitucional, que agora ten maioría progresista, anunciou que o 7 de febreiro comezará a deliberación sobre a lei do aborto, aquela recorrida polo PP no 2010. O tribunal foi atrasando a súa deliberación durante case 13 anos. Por que se tardou tanto? Por que non a afrontou cando eran maioría os xuíces conservadores? Investigade.

ACTIVIDADE AVANZADA

Que pensa o outro?

Momento de debate. A metade da clase debe estar a favor do aborto, mentres que a outra metade, en contra. Tedes que utilizar argumentos cribles. Podedes facer propios os discursos políticos ou relixiosos, pero hai que soar convincentes.

PROFUNDAR

O aborto non seguro é unha das principais causas de mortalidade, con 22.000 falecidas ao ano

Deben os pais (as parellas das mulleres) poder decidir sobre o aborto? Quen apoia esta idea pensan que o home debe poder intervir nas decisións reprodutivas da muller porque, din, non é razoable que tras a fecundación as mulleres teñan máis opcións para tomar decisións con respecto a paternidade do home.

Ao contrario, a maioría pensan que só a muller pode decidir sobre o seu corpo e forma parte da súa liberdade reprodutiva. De feito, obrigar a unha muller a que continúe co seu embarazo, cando ela non quere, atenta contra dereitos fundamentais como o dereito á propia vida ou á saúde. Que pensades?

Considerades lóxico que unha muller se teña que desprazar a outra provincia porque no seu hospital de referencia non haxa ninguén disposto a practicar un aborto? Pensade que esa muller ten que pagar o desprazamento ao novo centro cando por lei ese dereito é gratuíto.

Credes que é posible eliminar os abortos? Que fai (que fixeron tantas) unha muller neses casos? As cidadás daqueles lugares onde non están permitidos adoitan optar por dúas vías: ou ben van a outro país para realizalo, ou ben o fan en clínicas clandestinas.

O aborto non seguro é unha das cinco principais causas de mortalidade materna no mundo. Calcúlase que cada ano 22.000 mulleres morren por esta causa, o 97 % delas en África, América Latina e o sur e o oeste de Asia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies