La Voz de la Escuela, o suplemento educativo que estas a ler, fai este mes de abril 40 anos. Nada menos! E para celebralo queremos que sexas xornalista por un día. Temos oito prazas reservadas para ese premio, que levarán os rapaces de ESO, bacharelato e FP que gañen os primeiros e segundos premios da modalidade xuvenil do certame Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, que organiza La Voz de la Escuela en colaboración con Viaqua.
E o mellor premio que che podemos dar, que vivas en primeira persoa unha xornada normal dun redactor, indo ás roldas de prensa ou ás entrevistas que teña preparadas, facendo unha reportaxe ou seguíndoo na procura dalgunha noticia. Para conseguir este posto tes que facer antes ti de xornalista, e facelo ben, porque hai moitos rapaces que se presentan ao premio.
Este certame organízase este ano en dúas categorías: unha sobre temática xeral e a categoría Viaqua, na que participarán automaticamente os traballos de asuntos ambientais. Son aqueles que falen, por exemplo, de cambio climático, dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU (Axenda 2030), dos hábitos de consumo sostibles, do impacto das nosas accións sobre o medio ambiente, da investigación e innovación neste eido, da contaminación, da xestión dos recursos hídricos ou da biodiversidade.
Entrevistas e opinión
O premio está dividido en dúas modalidades, polo curso do participante: infantil, para os primeiros anos, ata 6.º de primaria; e xuvenil, para estudantes de ESO, bacharelato e FP. Estes son quen poden ser xornalistas durante unha xornada. O premio será para quen gañe o primeiro e o segundo posto, tanto no subgrupo da ESO como no de bacharelato-FP, e tanto na categoría xeral como na categoría Viaqua.
Os rapaces de ESO participan facendo unha entrevista a alguén que lles pareza destacable. Pode ser un familiar ou un descoñecido, o importante é o que ten que contar. O traballo debe ter a extensión exacta que marca a maqueta —hai que baixala da páxina prensaescuela.es—, debe ter ao menos oito preguntas e un pequeno perfil, ademais dunha foto do protagonista. Pode ser en castelán o galego, non hai diferenza de modalidade polo idioma.
Os mozos de bacharelato e FP teñen que facer, en cambio, un artigo de opinión sobre o tema que desexen. Tamén deben descargar a súa maqueta da páxina web, e non poden facer nin máis nin menos do espazo preparado. Na valoración o xurado terá en conta o interese dos traballos, o estilo xornalístico, a corrección gramatical e a presentación na páxina.