Facer unha reportaxe é unha maneira de aprender. Non cres? Pois mira: unha vez elixes un tema, tes que documentarte, pero ben, non mirando só na Wikipedia; despois tes que buscar expertos que che falen do asunto (isto é moi importante) e algún protagonista. Antes de falar con cada un dos que sairán na reportaxe, tes que preparar a entrevista, que lle vou preguntar? Se é unha persoa coñecida, les algunha das entrevistas que xa se publicaran, e así faste unha idea de con que vas tratar.
Agora tes todo o material, e mesmo preparaches un gráfico (nun xornal iso fano persoas expertas do departamento de Infografía) e tes varias fotos (que fan os fotógrafos). Pois agora vén o máis complicado, escribilo de tal xeito que a xente queira lelo e ademais acabe por ter unha idea completa da historia. Non importa que esta fale dunha festa recuperada na túa aldea, da contaminación dos mares ou da tecnoloxía aplicada á medicina. Porque é posible converter todo nunha reportaxe, e con todo se aprende.
bit.ly/3TCYYc5Traballo en equipo
La Voz de Galicia e Prensa-Escuela fan equipo e propóñenche ser reporteiro. Ollo, que non o podes ser ti só, necesitas dos teus compañeiros e estar baixo a tutela dun profesor. Porque iso é outra das cousas que sabemos ben os xornalistas: un só pouco pode facer; no noso caso, cando se é profesional disto, a axuda vén en forma de fotógrafos, documentalistas, contactos e infógrafos, pero tamén editores e correctores porque erros cometémolos todos, e mesmo xefes que teñan unha visión máis xeral con quen discutir o enfoque da historia.
Neste certame que xa encara a súa terceira edición, La Voz de Galicia convoca ao teu mestre para que coordine o traballo. Pode ser con moitos ou poucos rapaces, de calquera materia e etapa a partir de secundaria (é dicir, ESO, FP e bacharelato). O docente é quen ten que inscribirse no programa, é moi sinxelo, só ten que enviar un correo electrónico a periodismoenlaescuela@prensaescuela.es.
Ten de prazo ata as vacacións de Nadal, para comezar co traballo á volta das festas e publicar dende entón ata finais de maio, cando remata o prazo de publicación. Onde sairá? De entrada, na web deste suplemento (prensaescuela.es) e se a vosa reportaxe resulta gañadora, nas páxinas de La Voz de Galicia. Non é pouca cousa, porque cada día len o xornal máis de 300.000 galegos. Tamén haberá outros premios para os gañadores, tanto para os mestres como aos rapaces.
Axuda de xornalistas
Pode ser que ao teu profesor lle dea algo de medo iso de facer unha reportaxe, pero non debería, porque contará coa axuda de xornalistas de La Voz de Galicia para que o proceso sexa máis doado.
Por exemplo, nós darémosvos unha listaxe de efemérides, xa sabes, feitos que se celebran cada tanto, como os vinte anos do vertido do Prestige ou, no vindeiro xaneiro, o asasinato do pacifista indio Mahatma Gandhi. Nesta listaxe seguro que hai algún asunto que vos interese, pero se non é así, sempre podedes propoñer vós algo; o importante é que o tema sexa do voso interese.
Despois, xornalistas de La Voz irán ao voso colexio para explicarvos como se fai unha reportaxe, que hai que ter en conta e sobre todo que erros evitar.
A organización do traballo é cousa do mestre, que terá un prazo de entrega en función de cando fagades o traballo. Cando estea rematado, un xornalista de La Voz de la Escuela lerá o traballo, editarao (xa sabedes, comprobar datos, corrixir erros e agrupar ben os textos para que quede perfecto) e publicarao na web de Prensa-Escuela.
O proxecto non debe ser moi malo cando moitos dos profes que participan repiten. Eles destacan sobre todo o interese dos seus estudantes por aprender, o moito que descobren durante o proceso e a súa capacidade para sortear problemas.