O. SUÁREZ
Unha nova do xornal, algún acontecemento que viviches no pasado ou un sono orixinal que lembres pode ser o punto de partida para poñerte a escribir e participar no noso concurso de novembro, As cen palabras. E leva ese nome porque o que che pedimos é que escribas un microrrelato: non máis dun cento de palabras (a metade deste texto que estás a ler) son dabondo para crear un escrito orixinal e que enganche aos lectores. A temática é libre, a única condición é que os textos non sexan ofensivos.
Os nosos concursos mensuais están pensados para os alumnos que cursen ESO, bacharelato ou FP en calquera centro educativo de Galicia. Trátase dun xeito diferente de traballar as técnicas de redacción e comprensión escrita que probablemente esteas a traballar na clase de lingua castelá ou galega; aínda que tamén te podes inspirar nalgún tema que estudaches noutras materias, de historia ou bioloxía. Por iso, animamos aos profesores a que aproveiten os concursos para traballar na aula.
Se queres participar, só tes que poñer a traballar a túa imaxinación, escribir e despois enviar o texto ao correo concursos@prensaescuela.es. A data de entrega remata o próximo 5 de decembro e será o día 13 cando anunciemos o relato gañador, que se publicará neste suplemento. Todos os traballos recibidos serán avaliados por xornalistas de La Voz de Galicia.