Bibiana G. Visos

A presenza de febre é un bo indicador de cando unha persoa se atopa mal de saúde e debe acudir ao médico. Pero algo que hoxe en día é sinxelo medir nas nosas casas cun termómetro non era tan doado de facer hai uns centos de anos.

Ata o século XVII, a temperatura corporal determinábase de forma manual, poñendo a man sobre a fronte, a cara, o pescozo… Dependía da sensibilidade e a precisión do médico, que era quen decidía se había febre ou non. O proceso foi máis científico cando Galileo ideou un primitivo termómetro, o termoscopio.

O invento consistía nunha botella de colo fino dada a volta e mergullada lixeiramente nunha vasilla con auga. A botella quedaba chea de aire e a súa boca en contacto co líquido. Segundo a temperatura externa variaba, o aire do interior diminuía ou aumentaba o volume, succionando máis ou menos auga, que subía ou baixaba polo colo estreito. A altura que alcanzaba a columna de auga era proporcional á calor externa.

Pronto outros científicos melloraron este aparello, substituíndo o aire por líquidos máis precisos, como o alcol. Había unha nova maneira de medir a temperatura, e os médicos usárona para determinar a temperatura corporal. Así viron que se mantiña estable todo o ano entre os 35,5 e 36,5 graos Celsius. Non importaba se a medían durante un caloroso verán ou un frío inverno. Non foi ata mediados do século XIX, cando o médico alemán Carl Wunderlich estableceu que febre era ter máis de 37 graos Celsius.

A partir de datos clínicos obtidos de miles de pacientes e despois da análise de millóns de rexistros, tras 18 anos de inxente traballo, Wunderlich publicou O curso da temperatura nas enfermidades, un libro onde explicaba que a febre é un signo de doenza, e non unha enfermidade en si mesma. Nesa publicación móstranse curvas térmicas típicas de moitas enfermidades, como o sarampelo, a pneumonía, a varicela ou a rubéola.

Hoxe sabemos que a febre é unha das maneiras coas que o noso corpo pelexa contra as infeccións. Na actualidade, os médicos empezan a considerar febre temperaturas ao redor dos 38 graos Celsius. Ata 37,7 adoitan falar de febrícula. Por enriba dos 40,5 considérase hipertermia grave, e pode provocar a morte. Neste caso a febre convértese nunha enfermidade en si mesma. Ata o ano 2014, os termómetros máis habituais cos que medir a temperatura corporal eran os de mercurio, pero ese ano a Unión Europea prohibiunos porque a posible inhalación de vapor de mercurio supón un risco para a saúde, sobre todo entre a xente máis nova. Agora sobre todo usamos termómetros dixitais, máis rápidos e igual de fiables.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies