MARÍA BALLESTEROS
Que ninguén se escandalice co título: con música estúdase de marabilla, pero, como todo, hai que saber usala. De feito, apréndase da mellor maneira: sen decatarse un, sen ser consciente de estar estudando. E se o fas con grandes mestres, aínda mellor. Os que o calendario xuntou esta semana, mestre e mestra, son dúas estrelas do firmamento musical que a historia quixo que, como dous cometas, se cruzasen apenas un instante, abondo para que xurdisen faíscas de xenialidade que se manifestaron moitos anos despois. Un e outra só coincidiron neste mundo 368 días e, aínda así, compartiron cartel anos e anos.
El é un señor chamado Giocomo Puccini que naceu nunha cidade da rexión italiana da Toscana chamada Lucca. Ademais de xeografía (buscade onde está, por favor), pódevos servir para estudar arte e cultura medievais, porque está tan ben conservada que nela rodouse máis dunha película ambientada naquela época. Aí veu ao mundo Puccini poucos días antes do Nadal de 1858 e chegou a converterse nun dos maiores e máis populares compositores de ópera, poñendo voz a grandes personaxes femininas, como as protagonistas de Tosca, Turandot ou La Bohème.
Con elas, ou a propósito delas, podedes falar e debater dunha chea de asuntos que vedes a diario nos medios de comunicación e, ás veces, na vosa contorna: desde relacións tóxicas e celos, a violencia machista e sexismo, ata, por exemplo, a importancia dunha sanidade pública e de calidade. Mirade senón a pobre Mimi de La Bohème, que ten que empeñar uns pendentes para pagar as súas medicinas. Se vistes a Julia Roberts chorar a lágrima viva cando Richard Gere a leva a ópera en Pretty woman (se non vos soa, buscade tamén) sabede que era por Mimi por quen choraba, aínda que na peli confundan a ópera de Puccini con outra do seu paisano Giuseppe Verdi, outro que compuxo grandes e populares dramóns musicais (poñede Libiamo en Google, a ver se alguén lle soa).
E para ser Tosca, Mimi, Turandot e tamén a Violeta da Traviata naceu María Callas o 2 de decembro de 1923 en Nova York logo de cruzar o océano Atlántico no ventre da súa nai desde Grecia. A propia vida da Callas, soprano divina e sufridora, podería dar tamén para o libreto dunha ópera de Puccini, que dixo adeus a este mundo un 29 de novembro de 1924, cando María estaba a piques de cumprir o seu primeiro ano.
A voz de María Callas e a súa forza interpretativa e algo que, máis que explicarse, síntese. Podedes comprobalo se poñedes en Google Callas e Philadelphia, unha película coa que podemos conmemorar ademais o Día mundial contra a sida. Buscade. Bulide!
OUTROS DÍAS DE…
O pobo palestino
Dereitos humanos. Solidarizarnos co sufrimento do pobo palestino tamén nos pode levar á música. «Yo soy un moro judío que vive con los cristianos…», canta o uruguaio Jorge Drexler na súa Milonga del moro judío, e ben podería estar falando de outro músico, como é o director arxentino Daniel Baremboim, que ademais da súa nacionalidade por nacemento, tamén ten pasaporte israelí, palestino e español. O tamén pianista leva anos usando a música para fomentar a paz a través dunha orquestra formada por árabes e xudeus e recordándolle a Israel que os palestinos habitaban desde hai vinte séculos a terra que lles invadiron.
O futuro
Música «reciclada». A Orquesta de Instrumentos Reciclados de Cateura está formada por nenos e mozos dunha comunidade que vive xunto a un vertedoiro de Asunción, a capital de Paraguai. Aproveitando materiais que acaban no lixo, fan os seus instrumentos mentres tentan sobrevivir á exclusión social: unha dobre loita de futuro.