S. Pérez
Sabiades que, de media, cada dúas semanas desaparece unha lingua? Imaxinade que, a comezos do próximo mes de marzo, a primeira fala que escoitastes e na que tamén aprendestes a comunicarvos desaparece. Levando con ela un patrimonio cultural e intelectual amplísimo. Loitar contra esa amarga realidade é unha das razóns de ser do Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra hoxe.

A iniciativa, unha proposta de Bangladesh, aprobouse na Conferencia Xeral da Unesco no ano 1999, para estenderse logo no 2000 por todo o mundo. O obxectivo é protexer e preservar todos os idiomas e dialectos que se falan, sen excepción, independentemente do número de falantes. Cada ano establécense actividades e un tema para traballar sobre el; o lema deste ano é sobre educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional. Na actualidade, segundo apunta a Unesco, hai 250 millóns de nenos e mozos que seguen sen asistir á escola, e 763 millóns de adultos non dominan as competencias básicas de lectura e escritura. A educación nesa lingua materna, defenden dende a organización, apoia a aprendizaxe, a alfabetización e adquisición de idiomas adicionais. Desafortunadamente, hai un 40 % da poboación que non ten acceso a unha educación nunha lingua que fale ou entenda.

Pero que é a lingua materna ou lingua nativa? Trátase do primeiro idioma que adquire unha persoa cando nace e que despois forma parte da súa vida como un instrumento de comunicación, no que reflexiona e na súa voz propia. A voz primeira. Se se aprende outro idioma, ese considerarase segunda lingua. E así sucesivamente. E vós?, cal é a vosa lingua materna?

Hai países nos que converxen moitas linguas. O caso máis impresionante é o de Papúa Nova Guinea, que se considera o máis diverso do mundo. Nel habitan uns oito millóns de persoas que… falan máis de oitocentas linguas! Unha das razóns que explican isto é que está poboado por moitas tribos. As principais linguas son o inglés, o tok pisin e o hiri motu; pero moitas contan con menos de mil falantes e corren o risco de desaparecer.

A sorte de nacer ou de vivir en Galicia
Non conviven oitocentas linguas, pero en Galicia temos a sorte de poder falar en igualdade de condicións o galego mais o castelán. Unha riqueza á que accedemos dende nenos. E tamén nos permite entender e aprender con máis facilidade unha nova lingua. Pasa co portugués, máis doado para os galegofalantes; ou co italiano, inglés, francés, romanés ou catalán, os idiomas máis sinxelos para os castelanfalantes. Que lingua vos gustaría aprender a falar no futuro?

Hoxe é un bo día para que poñades en valor a diversidade nas aulas e as orixes dos vosos compañeiros. Por iso, podedes facer unha lista coas diferentes linguas maternas que hai na clase e aprender a dicir tres palabras claves (ola, grazas e adeus) nelas.

Para saber máis

Ás veces, empregamos linguas diferentes na casa e cando estamos fóra. En que idioma falades cos vosos pais? Preguntádelles tamén a eles e aos vosos avós.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies