MÓNICA P. VILAR

Xusto diante do seu colexio atopou o tema da súa reportaxe o equipo do centro Divina Pastora Franciscanas de Ourense, que participa nesta edición do concurso Xornalismo na escola, organizado por La Voz de Galicia e ENCE. En maio do ano pasado, as intensas chuvias rebentaron parte da rúa Celso Emilio Ferreiro, unha das que dá acceso ao centro. «Este ano foi fácil elixir o tema, porque as ventás do colexio dan a esa rúa que rompeu. Estivemos meses convivindo con esa paisaxe nunha vía que usamos a miúdo para ir facer as nosas actividades ambientais», explica Gonzalo Sánchez, o profesor encargado de coordinar aos Ecovigilantes, o grupo de alumnos de 1. º da ESO a 2. º de bacharelato que elaborou o traballo.

Arredor deste suceso e das súas consecuencias, organizaron o seu labor xornalístico. «Dividímonos en parellas ou tríos para traballar distintos aspectos: uns indagaron sobre a orixe e historia desa rúa, os cambios de nome que tivo, quen foran esas persoas…; outros buscaron por que rompeu, que problemas tivera xa antes, como eran as tubaxes…; outros foron falar con xente dos negocios da zona afectados, como o dono dunha cafetería próxima ou o rapaz dun taller… Metéronse na pel dun xornalista», detalla Sánchez.

A importancia da hemeroteca

Destaca o profesor que con este traballo apreciaron o valor das hemerotecas: «Usárona moito, comprobaron tamén que parte da información que eles recababan xa se publicara nos medios, e desenvolveron o espírito crítico, ao revisar se había informacións falsas ou interesadas. Démoslle moita importancia ao rigor».
Traballo en equipo e análise de cómo abordar un problema son outras das cousas que aprenderon os rapaces con esta experiencia, na que tampouco faltou o traballo de maquetación e de destacar elementos que chamen a atención do lector.

Prema aquí para ler a reportaxe

 

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies