O programa Xornalismo na Escola, que organizan La Voz de Galicia e Norvento, comeza o mércores 26 coa publicación das reportaxes, e faino cun tema de máxima actualidade: o tren en Monforte. Farano os alumnos do CPR Torre de Lemos, da vila de Lemos, dirixidos polo seu profesor de sociais Luis Conde. «É un asunto que lles interesa moito, porque afecta a súa mobilidade», apuntaba o mestre para explicar o por que no asunto.
En Monforte hai unha verdadeira revolución polas obras de electrificación da vía, o primeiro paso (aínda queda moito) para ter alta velocidade entre a vila e a capital provincial, Lugo. O pasado fin de semana La Voz de Galicia contaba precisamente en primeira persoa (cunha reportaxe da xornalista de Lugo Uxía Carrera) as dificultades para ir en tren dende a capital lucense a Madrid. E un dos problemas era precisamente o corte da vía con Monforte.
Ribadumia e Ourense
As outras dúas reportaxes que se están a preparar inmediatamente son a do CPI Julia Becerra, de Ribadumia, no que os alumnos falarán do deporte como vía de superación persoal; e o CPR Divina Pastora, de Ourense, que adicará o seu traballo ao tráfico na cidade e pensando se son bos peóns.