L. Cancela
Este sábado ten lugar a cita máis importante do ano para o cine español: os Premios Goya. Centos de profesionais do sector audiovisual e representantes da cultura española acudirán á gala, que celebra a súa 38 edición e o fai na cidade de Valladolid. Toda unha festa para recoñecer o cine ben feito. Vexamos de que trata.

Que son os Goya?
Son os premios que, cada ano, a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España (a asociación máis importante do cinema do noso país) outorga aos que considera os mellores profesionais do ano anterior en todas as especialidades do sector.

Como se reparten?
Segundo categorías. Existen moitas. Por exemplo, hai un galardón para a mellor película, o mellor director, interpretación masculina protagonista e interpretación feminina protagonista, mellor deseño de vestiario, a maquillaxe e a perruquería ou os mellores efectos especiais. En total son 30 categorías, e é así porque calquera traballo é merecedor de ser premiado.

Cando foi a primeira edición?
A primeira gala celebrouse o 17 de marzo de 1987, no Teatro Lope de Vega de Madrid. E no ano 2000 a localización mudouse a Barcelona.

Por que se crearon?
Nos anos oitenta outros países xa contaban con premios cinematográficos, por exemplo, os César en Francia ou os David de Donatello en Italia. Así que a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España decide crear os Goya.

Por que teñen ese nome?
Francisco de Goya é un dos pintores máis importantes da historia de España. A academia decide darlles a estes galardóns o seu nome porque o estilo do artista achégase ao estilo do cinema, e moitas das súas obras teñen un tratamento secuencial, é dicir, coma se se sucedesen varias escenas e imitasen unha película. Ademais, trátase dun nome curto, como os dos galardóns doutros territorios.

Só se celebraban en Madrid?
Dende o ano 2000 os Goya xa pasaron por Barcelona, Málaga, Valencia e Sevilla. Este ano será a primeira vez que chegan a Castela e León. O ano que vén estarán en Granada. Para cando Galicia? Non se sabe!

Que supoñen estes premios?
Para quen os recibe é un recoñecemento ao seu traballo e, ademais, axuda a catapultar ás persoas e películas premiadas. Ter un Goya dá prestixio.

Un dato
Por primeira vez na historia dos Goya, o 61 % das candidaturas son para mulleres.

Hai galegos?
Moitos. Ademais dos expostos na columna do lado, a lista continúa coa directora Lorena Ares, de Vigo, cuxo filme Nahha e os monstros compite como película de animación; Curru Garabal loita pola mellor dirección de arte, por Pechar os ollos; e, finalmente, Noé Montes, candidata ao premio á mellor maquillaxe e perruquería en Valle de sombras.

 

Estes son algúns nomeados de Galicia

  • O corno
    Janet Novás
    Mellor actriz revelación. Este filme, dirixido por Jaione Camborda, está localizado en Galicia.
  • Matria
    Película galega
    Dous. Mellor dirección novel (Álvaro Gago) e mellor actriz protagonista (María Vázquez).
  • Amigos ata a morte
    Xoel López
    Mellor canción. Pola súa composición titulada Eco.
  • To Bird or not to bird
    Martín Romero
    Mellor guion. Romero, da Coruña, é o guionista. A ferrolá Chelo Loureiro foi produtora.
ACTIVIDADE BÁSICA

A orixe do busto

Como ves na imaxe principal deste texto, a figura dos Goya é fácil de recoñecer. Saberías dicir a quen pertence?, de que material está feito o busto?, canto pesa?, quen é o seu deseñador?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

A vida na pantalla grande, o papel do cinema

Sabedes que Galicia ten moito que ver na historia do cinema español? A primeira película que inaugurou este sector no país rodouse na Coruña. Fíxoo José Sellier, un francés afincado na cidade herculina que se dedicaba profesionalmente á fotografía. O 20 de xuño de 1897 gravou o filme O enterro do xeneral Sánchez Bregua, un feito que sucedía na realidade, e converteuse en pioneiro da industria. Como sucede moitas veces na historia, morreu sen saber que era portador de tal título.
Desde as filmacións espontáneas que Sellier fixo por aquel entón, o cinema deu grandes pasos en diferentes direccións ata asentarse como unha pata esencial da cultura. A súa importancia é innegable e, segundo se mire, ten distintos valores. En primeiro lugar, as producións audiovisuais entretéñennos, cóntannos unha historia irreal (ou non) que nos transporta a outro país, familia ou mesmo galaxia. Existen películas para todo tipo de gustos (terror, ficción, aventuras, amor), idades (adultos, nenos, adolescentes) e emocións.

O cine educa e forma. Un biopic, unha película baseada nunha biografía dun famoso, pode ensinarnos moito sobre a súa vida e ofrecernos outra perspectiva que nunca coñeceriamos. Tamén nos representa como país e axuda a conservar a nosa cultura. Ademais, o cine ten un poder moralizante e de influencia sobre a opinión publica. Vexamos un exemplo. En 1945, o 57 % dos franceses pensaban que o Exército da Unión Soviética era o que máis contribuíra á derrota de Alemaña na Segunda Guerra Mundial. En xuño do 2004 opinaban que foran os estadounidenses. Esta diferenza permite comprender como o cine e as películas, neste caso elaboradas en Hollywood, cambiaron a perspectiva. O cine tamén recolle como cambia a xente. O filme A sociedade da neve, dirixida polo español J. A. Bayona, represéntao. Esta película, que recolle o accidente de avión nos Andes e a historia dos seus superviventes, vén curar as feridas que a anterior versión (¡Viven!) deixou abertas. Esta amosaba unha perspectiva moito máis dura e explícita desta traxedia.

Tras o «glamour», as entregas de premios serven para recoñecer o bo traballo

Os Goya son os premios de maior peso en España, pero non son os únicos. A tempada de galardóns comeza en decembro cos Premios Forqué. Reciben o seu nome en honra ao cineasta deste nome. Detrás está a Egeda (entidade sen ánimo de lucro para a xestión de dereitos dos produtores audiovisuais).
Os seguintes foron os Premios Feroz, en xaneiro deste ano. Segundo as súas propias bases, o obxectivo é o de «recoñecer o mérito e a calidade das producións cinematográficas españolas». Estes galardóns están promovidos pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), formada por xornalistas e críticos especializados no sector. Considéranse a antesala dos Goya, do mesmo xeito que sucede cos Globos de Ouro e os Oscar nos Estados Unidos.
Precisamente, estes dous destacan se miramos ao resto do mundo. Os primeiros celebráronse en xaneiro, son concedidos polos 93 membros da Asociación da Prensa Estranxeira de Hollywood. Pero a gran cita son os Óscar, que se celebrarán o 10 de marzo nos Ánxeles, baixo a batuta da Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas. Este ano non están exentos de polémica, debido a que a academia non elixiu nin a directora de Barbie, Greta Gerwig, nin a súa protagonista, Margot Robbie, pero si o seu actor principal masculino, Ryan Gosling, como candidato na súa categoría.

ACTIVIDADE MEDIA

Críticos de cine por un día

Seguro que tes unha película favorita, ou todo o contrario, unha película que detestas. Sexa como sexa, redacta unha crítica, positiva ou negativa, pero xustificada e sen insultos, sobre un título. Non pode ser máis de media folla. Compartídeas na clase.

ENTENDER

O cine na televisión: como cambia o consumo

■ Pode que vós non o lembredes, pero houbo unha época na que as películas chegaban primeiro ao cinema, e moitos meses despois podían ter un pase na televisión. Esta sempre foi a irmá pequena do cine, pero agora as cousas están cambiando.

■ Desde a pandemia, o consumo das plataformas de «streaming» disparouse. O seu prezo accesible, o aforro que supón non ir a unha sala de cinemas e o amplo catálogo que ofrecen fixo que moitos se montasen o cinema na casa.

■ Agora mesmo, hai estreas simultáneas nas plataformas e os cinemas, como a de «A sociedade da neve». Ademais, as series internacionais cada vez contan con máis orzamento e coidados, polo que a calidade destas é equiparable á dunha película. O caso máis representativo pode ser o de «Xogo de tronos»; cada capítulo da última tempada custou uns 13 millóns de euros a HBO. E vós ides ao cine con frecuencia? Respondas si ou non, por que?

ACTIVIDADE AVANZADA

«Barbie» chega á clase

Dividide a clase en dous grupos. O tema a debater será as polémicas non candidaturas de «Barbie». Uns debe estar a favor da non candidatura e outros en contra. A crítica do filme corresponde coa realidade?, por que non foi elixida?, e Ken?

PROFUNDAR

O feminismo utiliza as películas para difundir a súa mensaxe de igualdade entre a mocidade

■ Ninguén pode negar que o cine, ao igual que sucede con outros medios artísticos, é capaz de chegar á súa audiencia. O feminismo, como movemento, é consciente deste feito. Por iso, e por corresponder á realidade, cada vez ten máis presenza nas películas e series. Pensade que ideas ten algún protagonista e como se representa o machismo. Un exemplo actual é «Barbie».

■ Cómpre recordar que o cine tamén ten sombras como industria. O movemento #MeToo (‘eu tamén’), que comezou no 2017 con varias denuncias por abuso sexual contra o produtor Harvey Weinstein, plantou unha semente que aínda se lembra na actualidade.

■ En España, o 26 de xaneiro pasou algo parecido. Tres mulleres acusaron, nunha reportaxe de «El País», ao director de cine Carlos Vermut de violencia sexual. A industria (aínda que non toda) amosou o seu apoio coa mensaxe: «Non estades soas».

■ Nos últimos anos, as mulleres tamén alzaron a voz sobre outras inxustizas. Por exemplo, os salarios. Unhas 15 coñecidas actrices de Hollywood, como Jessica Chastain, Jennifer Lawrence ou Emma Stone, néganse a cobrar menos que os seus compañeiros homes, loita clásica do feminismo.

■ E os estereotipos de xénero. As novas producións dos clásicos tiveron que revisarse. Por exemplo, no último filme de James Bond a muller xa non é un obxecto. Que che parece? Debatede sobre isto na clase.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies