JESÚS GARRIDO
Cóntao un famoso humorista. Dous inmigrantes chegan a París e un deles di: «Esquecín o tabaco». O máis tímido responde: «Eu vou por el». Sae á rúa e vai mirando soamente ao escaparate e en ningún atopa o famoso paquete. Ao cabo de cinco días, volve. E o que quedou dille: «Pero, home, nin que foras a Roma a buscalo». E respóndelle: «De onde pensas que veño?». Por non atreverse a preguntar (o tabaco non podía exporse no escaparate)… En fin, a preguntar toca!

Na aula

Preguntar en clase sobre datos dunha materia… non sempre é fácil: «Que pensarán de min?». Ás veces, resulta molesto e moitos alumnos non se atreven a preguntar, para non quedar mal ante os demais compañeiros de clase ou para que o profesor non se decate demasiado da súa ignorancia. Estas son algunhas desculpas ou motivos reais que os alumnos manifestan cando non se atreven a preguntar:

«Mira que pregunta se me ocorre, que dirán de min se a fago!». O mellor é calar e non dicir nada. «Dáme vergoña». É algo así como demostrar que non sabes e, xa que logo, con frecuencia, prefires permanecer en silencio. Como valoras esta actitude?

«Miro no libro a ver se é verdade, pregunto a un compañeiro e, se non é posible, pois prefiro quedar en silencio ata que teña ocasión, se a hai, de decatarme». Que opinas deste xeito de proceder, como se corrixe? Ou segue a rutina de lamentacións?

Adoita dicirse que moitas aulas están cheas de secretas ignorancias que desaparecerían se todo o mundo, sen medo, se atrevese a preguntar o que non sabe. Como lograr ese tan ansiado clima? Que solución suxires para arranxar iso en clase? Ou tes dificultade para dicir que non entendes, non sabes, pero calas?

Por suposto, e falando de longas historias para remediar a vergoña de facer algunhas preguntas ao profesor, hai tempos inventouse aquilo, xa en desuso, da caixa de correos con remite, que serviu ás veces para formular en silencio preguntas. Aínda existe nalgúns centros. Que eficacia pensas que ten esta forma de facer preguntas ao profesor?

Beneficio dobre

En cambio, facer preguntas e buscar respostas no xornal sobre unha noticia é máis fácil, aínda que ás veces se tarda en logralo un pouco máis. Desde logo, é máis sinxelo: non compromete , forxa oficio de xornalista, demostras interese polo que ocorre na sociedade e vese moi ben tratar de pescudar o que non se entende.
Preguntar sobre unha noticia trae normalmente un dobre beneficio: o beneficio directo, pois te decatas mellor do que sucedeu, cando, onde, por que… e que tipo de beneficios ou desastres trae ás veces consigo; o beneficio indirecto, porque, e isto é o importante, se fas ben e con frecuencia preguntas importantes sobre as noticias, aos poucos aprendes sen medo a facer preguntas.

Dúas guías

Presentamos dous esquemas para adestrarnos en facer preguntas sobre unha noticia. Aínda que nada hai definitivo, o costume, a historia, a ciencia pedagóxica desenvolveron dúas formulacións prácticas e diferentes, aínda que coincidan en certos aspectos:

1 | Ao falar do xornal e o estudo das noticias, púxose en práctica o coñecido esquema de diferentes claves, coñecidas como o hexámetro de Quintiliano: quen, que, onde, con que medios, por que, como e cando.

2 | E, por outra banda, ao referirnos ao sistema e estrutura de aprendizaxe proposta por Bloom e que consta de cinco accións clave, de menor a maior complexidade de aplicación: recoñecer, comprender, aplicar, analizar, sintetizar os coñecementos sobre un tema.
Ao teu xuízo, cal dos dous sistemas axudaría máis a facer preguntas en clase sobre unha noticia? Facemos a proba?

Para saber más
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies