Cristóbal Ramírez
A Igrexa católica declara xubilares composteláns (ou sexa, santos) aqueles anos nos cales o día 25 de xullo, día de Santiago, é domingo. E como existen os bisestos, iso non sucede cada sete anos (os días da semana), senón cada 6, 5, 6 e 11 anos. Por iso o 2010 foi santo e este volve selo, como o serán o 2027 e o 2032. E iso existe polo menos desde o século XV.
De maneira que no século XX houbo 15 anos santos que atraeron a 35 millóns de peregrinos, aínda que un de aqueles foi, por así dicilo, raro: o de 1938, xa que o 25 de xullo non era domingo, pero, como España vivía unha guerra civil, a Igrexa decidiu prolongar o de 1937 co fin de que os soldados do denominado bando nacional (que acabaría gañando a contenda) puidesen gañar o xubileu.
E ademais vai ser santo o 2022. Outra excepción. E neste caso por que? Pola pandemia do covid. Case non houbo peregrinos no 2020, e milleiros e milleiros de persoas quedaron nas súas casas con ganas de chegar ao Obradoiro. Así que van ter a oportunidade de facelo no 2022 e, se son católicos, estarán ledos de gañar indulxencias. Cada un dos anos santos tivo unha característica especial. Estas son algunhas delas referidas ás citas do século XX.
Xoga con Roi e gaña un premio pensado para ti
En 1909 xeneralízanse as peregrinacións organizadas dende toda Galicia e, de cando en vez, dende o exterior.
En 1926 empézanse a promocionar as peregrinacións e organízanse actos culturais en Santiago para que os peregrinos queden máis tempo e non se aburran… e de paso gasten máis nas fondas e hoteis. No ano 1965 supéranse por primeira vez os dous millóns de peregrinos e en 1971 recupérase a peregrinación a pé. Ata o momento acudíase a Santiago en autobús ou tren, con moi escasas excepcións, xa que ningún Camiño estaba sinalizado.
En 1982 rexístrase a primeira visita dun papa a Santiago, a de Juan Pablo II e en 1993 a Xunta inicia a recuperación do trazado físico dos Camiños de Santiago e crea o Xacobeo, un programa de promoción e revitalización social, cultural e turística. Anécdota verídica: o primeiro Xacobeo comezouse a deseñar nun pano de mesa, nun bar da zona vella de Compostela.
A cidade de Santiago no século XV
Un pequeno grupo de peregrinos —saber ler e escribir era hai séculos un luxo ao alcance de moi poucos— deixaron por escrito as impresións das súas respectivas viaxes. Grazas a iso conservamos interesantes diarios que retratan como era Santiago e a vida en xeral naqueles anos. Esta é unha selección do que vían e pensaban referida ao século XV e que comeza cunha frase de Martiros de Arzendjan: «Permanecín en Santiago 84 días, e a causa do elevado prezo dos alimentos non me foi posible permanecer alí por máis tempo».
Claro que non todos son amables, e entre os comentarios pouco gratos destaca o do alemán Jerónimo Munzer, un gran viaxeiro que, con todo, demostrou ser un covarde porque deixou dúas veces abandonada a súa familia no seu país natal por medo a que lle collese a el a peste. Así, a Munzer non lle agradou o que viu: «A poboación de Santiago é sucia (teñen varios porcos que venden baratos) e lacazana, preocúpase pouco de traballar a terra e vive, en xeral, das ganancias que lle deixan os peregrinos».
Outros, como o tamén alemán Sebastian Ilsung, refírese a unha cruz que segue no seu sitio, nos tellados da catedral compostelá, a famosa cruz dos Farrapos: «A igrexa de Santiago foi noutro tempo un gran templo pagán. Se os do interior dispuxesen de moitas provisións, ninguén podería conquistar aínda hoxe a edificación, de tan solidamente que está construída. E calquera pode chegar ata o máis alto. Hai alí unha cruz que chegou do ceo. E todos os días realízanse grandes milagres».
Algún peregrino chegou dende moi lonxe, como Leo de Rozmithal, dende Bohemia, no centro de Europa, e atopou un panorama asombroso, unha guerra dentro da cidade: «Por aquel tempo reinaba unha gran contenda e un señor moi poderoso estaba diante da igrexa —deixou escrito—. Os habitantes de Santiago estaban da súa parte, tiñan sitiada toda a igrexa e disparaban con armas de fogo contra ela, e á súa vez os que estaban no interior tamén disparaban contra eles. O señor e a cidade de Santiago illaran ao bispo fóra, nunha fortaleza, e na igrexa soamente estaban a nai do bispo, o seu irmán e un cardeal». Ao final o peregrino, que viaxara cun gran séquito, puido entrar.
Non falta quen se fixara máis en Padrón, o lugar onde atracou a barca que transportou o corpo de vida do apóstolo dende Terra Santa: «Este é un lugar onde o señor Santiago chegou por mar, e o corpo e a cabeza chegaron separados nunha barca de pedra, todo isto sen intervención allea, e eu vin a barca á beira do mar». Son palabras do francés Nompar II, señor de Caumont.
Hai mulleres que tiveron grandes problemas para atopar un barco que as trouxese dende Inglaterra a Galicia. A peregrina Margery Kempe deixou un libro escrito coma se fose unha terceira persoa a redactora, así que cando di «ela» refírese a ela mesma: «Así, ela dirixiuse ao navío. Antes de pisar a nave recitou as súas oracións, que Deus a protexese e a librase da vinganza, do mal tempo e dos perigos do mar, de tal xeito que puidesen ir e volver seguros, pois lle fora dito que, en caso de sufrir algunha vez mal tempo, a tripulación arroxaríaa ao mar, posto que dicían que isto sucedería pola súa culpa. E dicían que ao navío iríalle mal porque ela ía nel». A muller veu a Santiago e volveu á súa casa sen sufrir incidentes.
Peregrinos históricos: San Amaro
Se algún peregrino está ligado á historia de Galicia, ese é sen dúbida san Amaro, un hospitaleiro francés do século XIII ou do XIV. Lendo a súa vida, non se sabe moi ben que parte sucedeu na realidade e que parte é lenda, pero ninguén pode negar que peregrinou a Santiago.
Claro que cando lle tocou volver ao seu país, decidiu quedar a vivir en Burgos, e no Gran Hospital do Rei desempeñou funcións de hospitaleiro, acollendo e axudando a outras persoas que ían a Compostela ou ben volvían de alí.
Deixou unha clara memoria nesa cidade castelá, xa que un cemiterio e a súa capela levan o seu nome, coa particularidade de que alí se enterraban todos os peregrinos que falecían.
Iso é historia. Pero tamén está a lenda. Hai un san Amaro, que tal vez sexa o mesmo, relacionado igualmente co Camiño, que acabou converténdose en mariñeiro para chegar ao final do océano na súa busca do paraíso, que se atopaba nunhas illas que había máis aló do final da Terra coñecida, que non era outra que a localidade galega de Fisterra.
Estes son os anteriores capítulos do Xogo de Roi:
- Capítulo 1: Cando se atoparon os restos do apóstolo?
- Capítulo 2: A ruta pola que chegaron os ósos de Santiago
- Capítulo 3: O Camiño máis coñecido e frecuentado
- Capítulo 4: Un camiño para descubrir o norte
- Capítulo 5: O Camiño que vén pola veciña do sur
- Capítulo 6: O Camiño que comeza en Inglaterra
- Capítulo 7: Unha ruta sobre unha antiga vía romana
- Capítulo 8: Unha entrada a Galicia sen subir montañas
- Capítulo 9: Percorrer o Camiño máis antigo
- Capítulo 10: Un percorrido ata o derradeiro recuncho