Febreiro é o mes máis curto, pero non nos pasa inadvertido e temos preparado un novo concurso co que queremos animarvos a participar neste xornal educativo. En outubro foi a fotografía, en novembro un relato, en decembro a noticia do ano e en xaneiro, unha crítica: este mes decidímonos pola poesía. E non é casualidade esta elección: como xa estudaches nalgún momento, a poesía é un xénero literario que se caracteriza por ser unha manifestación dos sentimentos, emocións e reflexións que a xente pode expresar arredor da beleza, do amor, da vida ou da morte a través das palabras. A vindeira semana é o entroido, si, pero tamén o mércores 14 é o día do amor.

Que non che gusta a poesía? E logo, que son as letras das cancións que escoitas se non poemas? Sabemos que é un xénero complicado, polo que non che imos pedir que escribas un poema da túa creación; a nosa proposta chámase Poesía tras do reguetón e, como seguro que traballaches este xénero (a poesía, claro) en Lingua Castelá, en Galego ou en Literatura, pedímosche que elixas a canción que máis che guste e que nos fales da súa poesía: como se estrutura a rima, como se ordenan as estrofas… Ou fálanos dos recursos estilísticos. Como verás, é unha forma máis amena de entender o temario que tes que estudar.

Lembra que estes concursos están dirixidos a estudantes de ESO, FP ou bacharelato de calquera centro educativo galego. Os traballos máis destacados publicaranse nas páxinas de La Voz de la Escuela, de La Voz de Galicia ou nas redes sociais do grupo. Podes enviar as túas propostas dende hoxe ata o vindeiro 6 de marzo, ao correo electrónico concursos@prensaescuela.es. Os traballos serán revisados por xornalistas de Prensa-Escuela e, á hora de valoralos, non se terán en conta nin o nome do autor nin o do centro educativo ao que pertenza.

Podes ler as bases do concurso neste enlace

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies