Instituto de Valga
Alumnos:
  • Clases de 4.º A y 4.º B de ESO
Profesores:
  • Juan Carlos Montejano

Foto: Así chega o aluminio ás fábricas, en bloques chamados «tochos»

O aluminio é un elemento químico que forma parte da codia terrestre, sendo o terceiro máis abundante nela (despois do osíxeno e o silicio) nunha proporción aproximada ao 8%. Non se atopa en estado libre, porén os seus compostos foron utilizados pola humanidade desde a antigüidade (areas ricas en silicatos hidratados de aluminio en cerámica, sales de aluminio en colorantes e medicinas). No planeta, os principais produtores de aluminio son: China, Rusia, Canadá e India. O mineral do que se extrae, case exclusivamente, chámase bauxita. O seu custo varía case semanalmente dado que a súa cotización depende da Bolsa de Londres.

Máquinas para o tratamento do aluminio

En España, o sector de transformación do aluminio emprega, de forma directa, a máis de 17.000 traballadores cualificados. Esta industria transforma máis de 1,3 millóns de toneladas de aluminio ao ano, das cales se exportan máis da metade aos mercados europeos e internacionais máis competitivos. Son datos que recolle AEA (Asociación Española do Aluminio e Tratamentos da superficie), conseguindo que o sector español do aluminio sexa o terceiro país de Europa en transformación deste, despois de Alemaña e Italia.

Non só é abundante senón tamén útil: «O aluminio é un material de grandes prestacións; aumenta e seguirá aumentando o seu consumo, aplícase en innumerables ámbitos da vida, é moi versátil e 100% reciclable», explica Andrés Quintá, presidente do Grupo Extrugasa. Incide nesas características do aluminio o responsable do mantemento de Extrugasa, Román Castro: «Grazas ás súas excelentes propiedades físicas, destaca sobre outros pola posibilidade de ser reutilizado infinitas veces, contando cunha alta taxa de recuperación e conservando sempre as súas calidades iniciais».

Os xigantes do aluminio ao redor do Ulla. Extrugasa, ODL, Aluminios Cortizo, Exlabesa, LEMA, Gama e hijos… son algunhas das empresas que traballan o aluminio no Concello de Valga e nos seus arredores.

Polo que se refire á actividade laboral, como sinala José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, esta «é primordial porque entre as dúas empresas máis importantes do noso municipio (Exlabesa e Extrugasa) hai máis de 1.200 postos de traballo, e aínda que non sexan todos de Valga, a maior parte pertencen ao noso territorio municipal».

En Valga, a industria do aluminio ten o seu berce na década dos 70 do século XX, co nacemento dunha fábrica de perfís de aluminio que posteriormente daría lugar aos dous xigantes do metal: Extrugasa e Exlabesa.

A fundación de Aluminios Cortizo produciuse en 1972 cunha pequena carpintaría de aluminio no núcleo de Extramundi no que se fabricaban ventás, portas e balcóns de aluminio para a comarca.
Das empresas recentes relacionadas con esta rama industrial pódese citar a empresa ODL, liderada por Juan José Castaño, que non parou de medrar dende mediados da primeira década do século XXI.

OS AUTORES

4.º ESO A:

  • Lucía Abeledo Cordo
  • Raúl Barreiro Castiñeiras
  • Paula Busto Porta
  • Susana Castaño Campos
  • Saúl Castro Piñeiro
  • Cristina Ling Costa Diz
  • Brais García Mosquera
  • Andoni Lobato Soneira
  • Hugo Pesado García
  • Martín Rodríguez Cordo
  • Amalia Saavedra Castromán
  • Irene Sanmarco Miguéns

4.º ESO B:

  • Nadia María Abalo Loureiro
  • Alba Casal Borrazás
  • Rocío Gesto Inarejo
  • Carla Herrero Suárez
  • Laura Lorenzo Blanco
  • Martina Miguéns Pereira
  • María Romero Ferreirós
  • Clara Troncoso López

Da natureza á transformación industrial

O aluminio fabrícase e recíclase a través de dúas vías que son complementarias: do mineral de aluminio obtense aluminio primario, e a partir do reciclado dos múltiples residuos ao final da súa vida útil conséguese o aluminio secundario.

No caso do aluminio primario non se presenta puro na natureza senón que aparece combinado fundamentalmente co osíxeno, formando óxidos e hidróxidos, que á súa vez se atopan mesturados con óxidos doutros metais e con sílice.

Deste xeito, a obtención do elemento prodúcese en dúas fases: a extracción da alúmina a partir da bauxita (o que se coñece como proceso Bayer) e a obtención do aluminio procedente da alúmina mediante a electrólise (o proceso que separa os elementos deste por medio da electricidade).

Por outra banda, a produción do aluminio secundario ou reciclaxe do aluminio é o conxunto de procesos que permiten utilizar de novo o aluminio ao final da súa vida útil. En termos xerais, o proceso baséase en refundir o metal, o que leva asociado unha enorme redución dos custos de produción, pois require cantidades de enerxía moito menores que as empregadas na ruta primaria.

As empresas dedícanse á extrusión, anodizado, lacado e mecanizado de perfís de aluminio. Por tanto, o tocho (chámase así) que se recibe dos provedores é extruído nalgunha das liñas de extrusión existentes para a continuación, despois de obter o perfil, proceder ao acabado do mesmo.

As aliaxes son utilizadas en función do destino ou a finalidade que vaia ter o perfil en cuestión, do mesmo xeito que os tratamentos aplicados tras a extrusión varían dependendo da utilización ou as esixencias dos clientes.

Trátase dun material de suma importancia e aplicabilidade no ámbito industrial, sendo a súa presenza habitual na actualidade en múltiples campos e obxectos, dende a construción (ventás, portas, portais, balcóns, balaustradas…), mobiliario e transporte (carrozarías dos coches), ata o mundo do espectáculo e dos deportes (palcos e hospitalities). O aluminio extrusionado pódese empregar en proxectos de arquitectura (pechamentos, interiorismo, decoración…) ou proxectos industriais como pode ser o sector do automóbil, da aeronáutica ou do naval, entre outros. O seu emprego nestes ramos é moi variado, abranguendo dende a fabricación de pezas mecánicas ata a construción de chasis no sector automobilístico ou elaboración de estruturas no caso do sector naval e aeronáutico. En palabras de Román Castro «trátase de procesos que non son complicados, pero requiren unha enorme precisión. As actividades industriais son moi esixentes, polo que as pezas deben fabricarse tal e como marcan os estudos previos».

Á vista do anterior, resulta evidente que o aluminio xoga un papel clave nun inmenso número de sectores, xerando unha importancia económica e ambiental de gran transcendencia.

Perfís de aluminio

O aluminio vai ligado ao desenvolvemento da sociedade

As cifras do sector en canto a produción e facturación medraron nos últimos anos, tanto a nivel nacional como mundial. Este crecemento vai aparellado ás melloras e innovacións que se conseguiron, tanto tecnolóxicas como medioambientais, intimamente ligadas ao desenvolvemento dun país. A medida que un territorio evoluciona, aparece a posibilidade de descubrir e xerar novas calidades e usos do aluminio.

As facilidades dadas polo Concello de Valga para a implantación destas empresas, xunto cunha favorable localización (trátase dunha zona magnificamente comunicada, situada entre Santiago e Vilagarcía), contribuíron de xeito notable ao desenvolvemento exitoso de todas estas industrias.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, ten claro que o eixo de Extrugasa-Exlabesa foi fundamental para o florecemento do sector do metal en toda a zona, onde mantén un importante peso específico: «As perspectivas en Valga son de futuro garantido se se lle dá a posibilidade de terreo para un novo parque empresarial». Engade, ademais, que «é fundamental que se realicen prácticas nas empresas, co obxectivo de que os alumnos e futuros empregados se formen cunha maquinaria vinculada ao posto de traballo que van ocupar posteriormente».

A educación, clave

O certo é que existe unha colaboración estreita entre as empresas da zona (Extrugasa, Exlabesa, Stac, Aluminios Cortizo, Gama, ODL…) e os diversos ciclos básicos, medios e superiores de FP presentes no IES Plurilingüe de Valga, pertencentes á familia de Fabricación Mecánica (Soldadura e Caldeiraría, Mecanizado e Construcións Metálicas). O xefe de departamento e os profesores de Taller e Materias Teóricas coinciden en que todos eles resultan de gran axuda e constitúen unha ponte para acceder ao mercado laboral. Para iso é importante a nova formación profesional, denominada dual, na que o alumnado aprende nas propias empresas e familiarízase cos novos avances tecnolóxicos en cada unha delas.

Sen estas colaboracións non poderiamos ter feito esta reportaxe

Agradecementos pola súa colaboración:

  •  Alcalde de Valga, José María Bello Maneiro
  • Presidente do Grupo Extrugasa, Andrés Quintá Cortiñas
  • Dono da empresa ODL, Juan José Castaño (ODL dedicou un espazo da súa web á nosa visita)
  • Responsable de Marketing Grupo Extrugasa, Raquel García Quintá
  • Responsable de Mantemento Extrugasa, Román Castro
  • Directora General da empresa ODL, Maika García
  • Xerente da empresa ODL, Raúl Precedo
  • Encargado de Embalaxe de Aluminios Cortizo, Manuel Martínez
  • Xefe do departamento de Fabricación Mecánica do IES Plurilingüe de Valga, José Luís García
    Rivas
  • Profesor de taller do departamento de Fabricación Mecánica do IES Plurilingüe de Valga,
    Luciano Rodríguez Arribas
  • Profesor do ciclo superior de Construcións Metálicas do IES Plurilingüe de Valga Antonio
    Mirás Miranda
  • Guías da visita a Extrugasa: Roberto Domínguez Bustelo e Iago Radío Rodríguez
  • Asociación Española del Aluminio y Tratamientos de Superficie (AEA)
  • Secretaría da Presidencia do Grupo Extrugasa, Laura López González
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies