- Návia Abelleira González
- Cíes Antelo Álvarez
- Valentina Domínguez Neiro
- Mara Espiño Cancela
- Antón Garaboa Payán
- Brais García Fernández
- Daniela García Liñeiro
- Xoana González Álvarez
- Celtia Iglesias Otero
- Uma Camila Lattanzi Fredes
- Djwazveda Mariño Tonet Vieira Dias
- Mara Martínez Lema
- Bruno Montaldo Maroño
- Sofia Nieto Maradeia
- Bruno Pérez González
- Héctor Pombo Iglesias
- Marc Pujols Ramos
- Raül Ramos González
- Alejandro Sande Barros
- Carlota Seoane Dopazo
- Alba Vázquez Carnota
- Carolina Veloso Martínez
- Ernesto Vilar Insausti
- Xurxo Fernández, profesor de Proxecto Competencial
Se cadra, algunhas persoas pensan que o nome do noso instituto son as siglas dalgunha persoa ou acontecemento histórico. Outras reducirán o Sar a un barrio compostelán. Tamén haberá os que coñezan o Sar polo nome do río ou porque algunha vez oíron falar do Multiusos do Sar, pois aí xoga o Obradoiro ou foi a algún concerto de música. Pois ben, o Sar é moito máis e queremos presentar un espazo onde se mestura a natureza coa pegada humana ao longo de tempo.
Con este obxectivo, na materia de Proxecto Competencial de 1.º ESO B do IES de Sar, estivemos a preparar todo o que precisabamos para coñecer as brañas do Sar. Con este obxectivo combinamos o traballo teórico coa saída de campo, a natureza coa poesía, o artístico co lecer. O río Sar nace en Bando (Santiago de Compostela) e ten un percorrido de 30 quilómetros ata desembocar no río Ulla, en Padrón. Malia as súas reducidas dimensións, ficou inmortalizado no poemario de Rosalía de Castro (1837-1885) En las orillas del Sar (1884).
Desta maneira, fomos coñecendo as brañas do Sar e construíndo un roteiro literario, paisaxístico e humano. Pois aínda que pareza mentira, ata hai non pouco tempo, as brañas do Sar estaban totalmente abandonadas, a monte, cheas de mato e sen poder penetrar nelas. Pero antes de máis, que é unha braña? Despois de contrastar a información nos dicionarios, a súa definición non deixa lugar a dúbidas, «é un lugar baixo, pantanoso, moi húmido que serve de prado e con abundante vexetación de ribeira». Na nosa saída puidemos comprobar in situ esta definición. Os salgueiros, amieiros, vimbieiros, loureiros, e outras árbores de lugares húmidos acompañan o paseo polas brañas do Sar. Tamén, segundo pesquisamos na Guía de nomes galegos da RAG, a etimoloxía de Sar é esclarecedora: «Procede dunha raíz «sar», «ser» «fluír»; (auga), da que tamén derivan os hidrotopónimos Ser, Sor e Sarria, todos eles nomes de ríos, e mais outros europeos como Sarre, en Francia ou Saar, en Alemaña».
Como xa referimos, as brañas do Sar teñen un longo relacionamento coa cidade de Compostela, nela foi construída a Colexiata Santa María a Real do Sar. De estilo románico, caracterízase polos seus arcobotantes e fortes muros e foi moi interesante a visita que fixemos para constatar como a natureza, co seu maino camiñar pode alterar os cálculos dos mellores arquitectos, pois a inestabilidade das brañas onde foi construída provocou unha visíbel inclinación.
Na nosa visita tamén descubrimos figuras asustadoras e escatolóxicas nos seus capiteis, un fermoso xardín, un cruceiro e un hórreo, lembranza de cando nas brañas eran cultivadas leiras cheas de millo e outros produtos agrícolas.
Mesmo ao lado da Colexiata do Sar, transcorre o río, atravesado por unha ponte de fermosa feitura, tres arcos cunha lixeira lomba fan que as dúas beiras estean ligadas, e por esta vella ponte atravesan todos os días o transporte escolar, moitos coches, e moita xente, entre eles algúns mozos e mozas deste instituto.
Tamén nesta ponte podemos observar a potencia que pode chegar a ter este río, case sempre sosegado e tranquilo, nas grandes cantidades de area e outros entullos que se agrupan na marxe esquerda. Nesta zona especialmente, aínda que tamén ao longo de todas as brañas, apreciamos moitas das plantas invasoras que ocupan ambas as beiras, como canas indias, calas, herbas da pampa ou hedreiras ornamentais, todas elas de moi difícil erradicación. Como xa comentamos, ao lado da parte máis natural e agrícola, ao longo do percorrido das brañas do Sar puidemos estudar varios vestixios arquitectónicos da fabricación de curtidos, muíños, lavadoiros e outros enxeños que aproveitaron ao longo do tempo a auga do río.
Nos curtidoiros eran traballadas as peles de animais para seren aproveitadas para a fabricación de diferentes produtos, como zocos ou sacos de coiro. Este proceso precisaba de grandes cantidades de auga e no Sar temos varios onde aínda é posíbel entrar e reparar nas súas dimensións. Algo semellante ocorre cos numerosos muíños. A auga do río era desviada por canles para que gañase velocidade e forza e permitise mover a mó coa que se moída o gran do millo que era sementado e recollido nas brañas. Hoxe, os muíños só lembran un pasado que foi substituído pola mecanización. De feito, no día do noso roteiro, o son dun tractor acompañounos por un longo
treito do camiño.
Mesmo así, nas brañas do Sar é posíbel cambiar dos ámbitos máis naturais e rurais para os máis urbanos e de lecer. Aos poucos metros dos leiras traballadas e dalgunha vaca que pace calmamente, temos a piscina do Sar (onde moitos de nós pasamos o verán entre o sol e os mergullos) e o Multiusos do Sar, co seu ximnasio público e onde desfrutamos coas vitorias do noso Obradoiro.
Tamén no outro extremo das brañas do Sar, temos o parque Eugenio Granell, de feitío urbano, menos agreste, mais pensado para dar un paseo sen que os pés fiquen cheos de lama, estar deitado para merendar ou facer exercicio por entre diversas esculturas e instalacións artísticas que homenaxean a figura do artista Eugenio Granell.
Neste espazo temos un parque canino e diferentes pontes peonís que fan desfrutar das perspectivas entre as dúas marxes. Algúns de nós até se atreverían a atravesar polas árbores caídas, mais a idea de que caésemos ao río e irmos mollados coma pitos para o instituto non lle facía moita graza ao noso profesor.
Despois deste parque, continúa a súa viaxe o río Sar por entre a carballeira de Conxo, que como o seu nome indica, é lugar de carballos de grande porte, aínda que cun número moito máis reducido ca cando Rosalía de Castro ambientou neste lugar a súa obra El primer loco (1881). A mesma carballeira onde se realizou o Banquete de Conxo (1856), xantar de confraternidade entre as clases populares e intelectuais. No noso camiño de volta cara ao instituto polas brañas do Sar, detivémonos na escultura do escritor cubano José Martí (1853-1895) para ler un pequeno anaco dun seu poema, máis coñecido na súa versión musical:
Yo soy un hombre sincero
de donde crece la palma.
Y antes de morirme quiero
echar mis versos del alma.
Yo vengo de todas partes,
y hacia todas partes voy:
arte soy entre las artes,
en los montes, monte soy.
Ao longo deste traballo puidemos comprobar como se modifica a nosa contorna ao longo do tempo e como a historia da cidade compostelá está moi ligada ao río Sar e ás súas brañas. Hoxe é un lugar máis de lecer ca de produción, por elas transcorren camiños, un carril bici (feito con moita polémica, polo seu forte impacto nas brañas) e as hortas urbanas lémbrannos que sempre temos que ter os pés na terra. Mesmo así, tivemos oportunidade de coñecer o hábitat tan vizoso que se desenvolve nas brañas. Vimos troitas no río e un grande número de aves, como pegas, piscos, paporroibos, ferreiriños, andoriñas, merlos, lavandeiras… agochados por entre a vexetación.
Por non falarmos de todos os microorganismos e ou animais ligados ao río, como ras, miñocas, lesmas ou píntegas. No noso traballo aprendemos a pór en relación todos os coñecementos, a natureza, a economía, a matemática, a bioloxía ou o literario. Así, é posíbel deterse ao pé da vexetación, e ao mesmo tempo que identificamos unha planta, recitarmos versos de Follas Novas de Rosalía: «Brandea o norte as ponlas xentís dos ameneiros; Que os ourizos dos castiñeiros nos meus cabelos se enredan»…
Agora que xa temos un coñecemento tan completo das brañas do Sar, estamos a organizar unha saída para guiar todos os nosos compañeiro de 1º da ESO. Tamén convidamos a todas as persoas que lean esta reportaxe para que desfruten deste espazo en respecto e harmonía co ambiente.

