Instituto Camilo José Cela (Padrón)
Alumnos:
  • CHORÉN , YITAYAL
  • COIRADAS, HUGO
  • FERNÁNDEZ, MARTINA
  • FILGUEIRA, IKER
  • GARRIDO, LUCÍA
  • GÓMEZ, NOELIA
  • GONZÁLEZ, MARIO
  • HERMIDA, LUCAS
  • MARTÍNEZ, ALEXANDRA
  • MOSQUERA, ROI
  • MOSQUERA, SARA
  • OTERO, NOA
  • PARDAL, LURDES
  • PARDAL, GABRIEL
  • PÉREZ, NICOLÁ
  • PÉREZ, LUCAS
  • PÉREZ, IAGO
  • PÉREZ, DAVID
  • RAMALHOSO, JORDAN
  • SECO, DANIEL
  • VÁZQUEZ, PABLO
  • VEIGA, MARÍA
Profesores:
  • CHAMORRO, MARGARITA

O crecente problema de falta de sanitarios viuse reflectido no Concello de Dodro. O pediatra Carlos Silva xubilouse en febreiro despois de corenta e dous anos de servizo no Centro de Saúde e aínda non hai remuda para o seu posto. Esta situación tan próxima a nós activou as alarmas e xerou na poboación local moita incerteza polo futuro da atención sanitaria á rapazada da contorna. As familias enfróntanse a unha situación crítica, non hai un especialista para atender aos pequenos e isto obriga a desprazarse a outros municipios ou a recorrer a urxencias para consultas que deberían resolverse en atención primaria.

Segundo nos transmitiu o pediatra xa xubilado Carlos Silva, durante as catro décadas exercendo en Dodro houbo moitos cambios e anécdotas. Dende a localización da consulta, que comezou no edificio do Concello de Dodro, despois na farmacia onde tivo que comprar el todo o equipamento médico e por último, xa no actual Centro de Saúde, a cantidade de pacientes que tiña asignados: comezou con cerca de mil nenos e actualmente tiña uns catrocentos. O pediatra falounos da súa experiencia vital e profesional na que se podía sentir a súa entrega e dedicación a unha profesión e unha vila na que, como di el, «eu síntome vivo e feliz na consulta». Sen embargo, cando lle preguntamos pola dificultade para atopar pediatras, considera que «o Ministerio debería asignar unha cota maior de profesionais e aumentar os centros de titorización dos residentes, xa que non todos os centros de saúde poden supervisar aos novos médicos».

Neste sentido, tamén consultamos a dous médicos residentes que están comezando a súa carreira profesional: Paula Castro Castro, residente no centro de saúde San Roque de Vilagarcía e Christian Piñeiro Pérez, residente no centro médico Lérez de Pontevedra. Ambos están realizando a súa formación en Medicina Familiar e Comunitaria e consideran como uns dos problemas da ausencia de médicos no rural «unha certa discriminación á hora de escoller a especialización con respecto aos médicos de familia, xa que hai outras especialidades que teñen máis prestixio para os novos profesionais porque lles permite exercer tamén a consulta privada e gañar máis cartos». Tamén consideran que a xente nova «prefire vivir nas cidades ou preto delas por todas as ofertas culturais e de ocio que esta ofrece», considera Paula Castro. Mentres que vivir e exercer no rural pode non ser tan atractivo «porque non tes un titor que che supervise no teu traballo, e ao estar nun período de formación sempre estás máis
seguro consultando con outros compañeiros», confesa Christian Piñeiro.

Ademais, os doutores Castro e Piñeiro consideran que o elevado número de pacientes que teñen que atender cada día dificulta o traballo, xa que cunha cota médica de entre 1200 e 1500 usuarios, non hai moito tempo para adicarlle a cada un. Consideran que o fundamental é o trato persoal que permita coñecer ao paciente e o seu cadro clínico, pero dez minutos para cada consulta é moi pouco tempo, unido a outras actividades que teñen que facer na súa xornada laboral como visitas a domicilio, urxencias ou consultas telefónicas. Aínda así, e a pesar das dificultades ás que se enfrontan cada día no traballo, os dous doutores manifestan un amor e unha paixón pola súa profesión que transmiten nas súas declaracións e resulta contaxioso.

Non obstante a incerteza e a indignación apodéranse das familias de Dodro, que ven como non hai un especialista de Pediatría. Isto lles obriga a recorrer a urxencias ou a desprazase a Padrón para as consultas. Apoiando esta falta de servizo sanitario estableceuse unha reunión o pasado mes de xaneiro entre os alcaldes de Dodro, Xabier Rojo, e Rois, Ramón Tojo, e o xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, para atopar solucións ao problema. Mentres que Xabier Castro considera que «non se pode dar nin un paso atrás en servizos para garantir o futuro do rural», dende a xerencia destacan que os menores teñen a atención sanitaria totalmente garantida, tanto polo médico de familia dos seus centros de saúde como por un pediatra en Padrón. A día de hoxe, aínda non se incorporou o pediatra no centro de saúde de Dodro.

Esta situación pon de manifesto a enorme dificultade actual da sanidade española para atopar pediatras en atención primaria, aínda que por parte da Consellería de Sanidade mantense o compromiso de establecer un pediatra no centro de saúde de Dodro, o certo é que os latexos do rural galego esmorecen mentres a sombra da carencia de médicos vólvese cada vez máis evidente nas aldeas e vilas do noso país.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp