Instituto Pedra da Aguia (Camariñas)
Profesores:
  • María Duro Santos

A instalación de muíños de vento en Galicia comezou nos anos oitenta. Un dos primeiros parques eólicos de Galicia foi o de cabo Vilán, en Camariñas, que data dos primeiros anos 90. No 2018 produciuse un novo impulso da enerxía eólica en Galicia tras anos de parón. Actualmente, hai 4.026 aeroxeradores e 24 parques eólicos. Camariñas, segundo datos de 2019, conta con 42 muíños eólicos e está en marcha a autorización dun parque eólico de gran potencia que afectará a distintos municipios da costa galega.

Dende o pico Meda (Zas), o único punto da comarca dende o que se ven todos os parques eólicos, pódese pensar que xa non hai sitio para máis. Pero si que hai. Malia ser unha enerxía limpa e renovable, o aumento tan importante no número de parques eólicos en Galicia provoca todo tipo de reaccións, dende quen está totalmente a favor da instalación deste tipo de enerxía por considerala limpa, renovable e por crear postos de traballo, ata persoas e colectivos que se opoñen por cuestións medio ambientais, polo malestar que lle causa á xente que vive preto e por considerar que os enormes beneficios económicos que produce non repercuten en Galicia como deberían.

Entre a veciñanza da comarca as opinións son moi variadas. Mercedes Lema, membro da directiva da Asociación de Montes de Montecelos (Vimianzo) relata a experiencia dos veciños cun parque eólico instalado no ano 1996 que conta con seis muíños no monte privado e outros seis no monte común. Segundo Mercedes, os veciños están todos de acordo coa instalación dos eólicos no monte común. «Os veciños formaron unha asociación e dentro desa asociación temos unha vacas que son de raza vianesa, entón co que nos pagan as eólicas nós dámoslle de comer, mantemos todo o monte limpo para as vacas e ao final os veciños recibimos un cuarto de becerro ao ano», explica Mercedes. Á asociación compénsalle ter seis eólicos porque cobran polas voltas que dan as aspas, tamén porque doutro xeito o monte estaría cheo de toxos e, ao facerse pistas para chegar aos muíños, os veciños conseguiron ter acceso ás vacas. Mercedes afirma que nos case 30 anos que leva instalado o parque eólico nunca houbo ningún problema entre os veciños.

A nivel particular hai casos coma o de Mabel Allones, unha veciña de Brea, na parroquia de Xaviña do concello de Camariñas, que ten unha central eléctrica na súa finca dende agosto do 2003. En total leva 18 anos coa central eléctrica instalada no seu terreo e declara que «non lle molesta para nada». O ruído non lle chega a afectar de todo, xa que os muíños eólicos están situados a dous ou tres quilómetros da súa casa. Ademais, Mabel está a favor da enerxía eólica xa que considera que «é unha enerxía renovable e iso para o ecosistema é moi bo, porque estamos acabando co planeta entón, se é bo para o planeta, non me molesta». Tamén lle compensa dende o punto de vista económico porque os eólicos cóllenlle bastantes metros cadrados da súa finca e páganlle unha vez por ano. Con respecto ao beneficio económico que reciben os propietarios das fincas onde se instalan os muíños eólicos, si que ten algunha queixa e considera que «poderían pagar máis xa que a enerxía dá bastante beneficio».

A opinión de Saira Castiñeira Rey, veciña de Castiñeira (Cambeda, Vimianzo), é totalmente diferente. Saira ten, dende hai un ano, 4 muíños eólicos pegados á súa casa, a uns 700 metros, e non está nada contenta xa que fan moito ruído e moléstalle a luz que desprenden. A maiores, a ela non lle compensou de ningunha maneira porque os aeroxeradores non están na súa propiedade. Saira Castiñeira representa eses casos nos cales os veciños sofren as consecuencias de ter instalados muíños eólicos preto das súas casas pero que non reciben compensación económica porque non están na súa propiedade. Saira ten claro que, de poder escoller, nunca elixiría ter muíños eólicos nas proximidades do seu fogar: «Escollería non ter muíños eólicos preto debido ao impacto visual que producen as eólicas e tamén ao problema que trae tanta saturación de parques eólicos na nosa zona», afirma.

Os autores da reportaxe

  • Ana Blanco
  • Desirée Bouzas
  • Aitor Costa
  • Cristian Lourido
  • Saray Martínez
  • Érika Martínez
  • Jorge Martínez
  • Alba Mouzo
  • Brais Dono
  • Claudia Paz
  • Julián Pasantes
  • Samuel Soneira
  • Aaron Suárez
  • Miguel Ángel Arén
  • Suso Sar

A medio camiño entre a oposición á instalación de parques eólicos na comarca e a aceptación total está, por exemplo, María Dolores Lema, unha veciña do concello de Camariñas a quen lle instalaron un aeroxerador na súa finca hai 25 anos. A ela os eólicos non lle afectan no seu día a día, pero poñéndose na pel doutras persoas e sentindo empatía por elas di que «non lle gustaría ter un eólico cerca do seu domicilio». Tampouco lle gusta o impacto visual que provocan os eólicos e moito menos acusticamente. Lamenta tamén a perda das vidas de moitos animais ao ano a causa da instalación dos eólicos e da destrución dos seus hábitats naturais, pero por outra banda, ela vese compensada economicamente.

Esta repercusión económica na zona e a creación de postos de traballo relacionados coa enerxía eólica é un factor valorado positivamente por parte da veciñanza. Jorge Martínez Tajes é empregado da empresa carballesa Electro Rayma Renovables que se dedica ao mantemento de parques eólicos instalados tanto en España como en países do resto de Europa (Francia, Italia, Rumanía…). Jorge Martínez está convencido de que «se van instalar máis parques eólicos por Galicia porque a enerxía eólica é unha enerxía renovable e vai haber moita demanda». Lembra que en España se produciu un retroceso hai uns anos na enerxía eólica. Aínda que foi un país pioneiro, tivo un gran parón na instalación de muíños durante uns anos. Agora está volvendo, con forza, a instalación de parques eólicos.

Para este profesional, Galicia «ten uns recursos moi bos para os parques eólicos xa que case sempre hai vento» e el móstrase totalmente a favor deste tipo de enerxía «como traballador do sector pero tamén como cidadán porque considero que é unha enerxía renovable e boa para todos».

 

 

 

 

 

 

 

 

Miguel Ángel Suárez: «Os parques eólicos xeneran moitos postos de traballo»

 

Miguel Ángel Suárez Queijo é un veciño de Carballo que se embarcou nunha aventura e creou no 2016 a súa propia empresa do sector eólico. Actualmente conta con 18 persoas traballando en Electro Rayma Renovables.


—Como xurdiu a súa empresa?
—A empresa xurdiu nunha aventura. Eu traballaba noutro lugar e vin a oportunidade de comprar outra empresa para dedicarme a facer mantenemento de parques eólicos e poder aportar a miña experiencia e os coñecementos que teño. A empresa está funcionando dende o 2016, empezamos 4 persoas e fomos sumando ata chegar a 18. Estamos traballando por toda España con varios clientes, algúns traballos no extranxeiro e a carga de traballo vai aumentando. Os clientes confian en nós e queremos seguir crecendo.

—De que parques eólicos se encargan?
—Nós facemos varios traballos, facemos mantenementos preventivo, correctivo, grandes correctivos… Non en todas as instalacións facemos o mesmo traballo. Por exemplo: no parque de Pena Forcada, do Vilán, facemos todos os mantenementos. Que significa preventivo? Miramos que todo estea ben, observamos, e finalmente sabemos como están os seus eólicos. Correctivo? Cambiamos e solucionamos averías, cousas que están danadas. Grandes correctivos? Cando utilizamos grúas, cambiamos xeneradores, palas e usamos camións de gran peso para o transporte.

—De quen son os parques eólicos?
—Os parques eólicos son normalmente de grandes grupos que se dedican ao sector de enerxía e recentemente tamén hai empresas pequenas que foron xurdindo e están no mercado. Hai españolas, extranxeiras, hai de todo.

—Actualmente os parques eólicos crean moitos postos de traballo?
—Moitísimos, postos directos que son os que traballan no mesmo parque eólico e despois traballos indirectos que son cousas que se estropean nos parques eólicos e van a reparar.

—Cales son os beneficios que nos traen os galegos aos parques eólicos?
—Que haxa traballo na zona, por exemplo. Que onde haxa parques eólicos que fagan empresas locais, para que a xente da zona vaia a traballar neles e que non veña xente estranxeira a ocupar estes postos de traballo. Basicamente os beneficios para os galegos son que teñamos un traballo e un soldo para as nosas cousas.

—Compensa economicamente ter unha empresa?
—Sí, compensa ter unha empresa. O problema é que as empresas hai que coidalas, sabelas xestionar e reducir os costes. Unha empresa se se xestiona ben sempre é rentable, se non se xestiona ben e se descoida pouco vai durar a empresa

Dende algunhas asociacións da comarca non negan eses beneficios da enerxía eólica pero opóñense á maneira na que se está a facer a súa implantación na nosa comunidade. Rosa García, secretaria da Asvepa (Asociación de Veciños de Pasarela), coñece perfectamente o problema que tivo a veciñanza co proxecto de instalación dun parque eólico no espazo protexido dos Penedos de Pasarela. A empresa eólica presentou un proxecto no que se instalarían dous aeroxeneradores nunha zona protexida. Os veciños opuxéronse totalmente a ese proxecto e despois de mobilizarse e realizar manifestacións conseguiron excluír eses muíños do espazo protexido.

Rosa García tampouco lle ve sentido a que os galegos paguemos tanto pola enerxía eléctrica, cando somos os veciños de Galicia os que aguantamos as consecuencias negativas tales como a contaminación sonora e a destrución das nosas paisaxes naturais. «Por que estamos pagando a luz a un prezo desorbitado e temos que aguantar o ruído dos eólicos e aínda nos estragan a paisaxe? Galicia ao producir tanta enerxía ao ano tería que ter unha compensación na factura eléctrica», opina. Outra das súas queixas é a sobreinstalación de parques eólicos, apostando unicamente pola enerxía do vento e non por outro tipo de enerxías renovables. «Por que só se instalan eólicos e non tamén placas solares? En Galicia hai tanto vento coma horas de sol e tamén poderiamos aproveitalas con placas solares», remarca Rosa García.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

1124 usuarios han votado por esta noticia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies