Instituto de Valga
Alumnos:
  • Lucía Abeledo, Alba Casal, Carla Herrero, Laura Lorenzo, Martina Miguéns, María Romero, Amalia Saavedra, Irene Sanmarco, Clara Troncoso e Paula Cortés
Profesores:
  • Juan Carlos Montejano Rivas (Xeografía e Historia de 3.º de ESO)

Foto principal: Horta solar no lugar de Lantaño, no municipio de Portas

Na sociedade actual, como recursos enerxéticos, podemos empregar enerxías renovables (aquelas que se obteñen de recursos naturais inesgotables), e enerxías non renovables ou convencionais (aquelas fontes que se encontran na natureza en cantidades limitadas, as cales, unha vez consumidas na súa totalidade, non poden substituírse). Estas son combustibles fósiles, basicamente carbón e gas.

A incorporación das enerxías renovables, xunto co incremento da eficiencia enerxética, constitúen a pedra angular para unha solución climática viable. Unha das ferramentas que se está intentando aplicar para obter enerxía na nosa comunidade é a fotovoltaica, que consiste na instalación de paneis que aproveitan a luz do sol. Trátase dunha enerxía limpa e inesgotable, que non está suxeita a cambios xeopolíticos e evita a dependencia doutras enerxías máis contaminantes, é dicir, é sostible e respectuosa co medio ambiente.

No camiño cara á sustentabilidade e na loita contra o cambio climático e o quecemento global, entra en xogo este tipo de enerxías, cada vez máis desenvoltas e que ofrecen máis e mellores opcións.

A sociedade ten por diante un reto climático. Para facer fronte aos obxectivos internacionais de transformación enerxética que buscan reducir os efectos do cambio global, débese incrementar o ritmo actual de implantación de centrais renovables.

Unha das fontes de electricidade máis competitivas

A xeración de enerxía fotovoltaica conséguese mediante placas que recollen a luz solar: un panel solar é un dispositivo que aproveita a enerxía solar para xerar calor ou electricidade. En termos xerais, os paneis fotovoltaicos constan de multitude de celas que converten a radiación solar en electricidade. Están formados por dous compoñentes chamados semicondutores, que están intercalados entre si, os cales contan con millóns de átomos que desprenden unha carga positiva e outra negativa. O silicio é o material que se encarga de facer tanto a carga positiva como a negativa.

Segundo o silicio do que estean compostas as células solares, diferénciase os seguintes tipos de placas:

  • Monocristalinas PERC: cunha eficiencia de entre (19%-20%), son as que máis se comercializan pola súa relación calidade/prezo.
  • Monocristalinas Tipo N: son módulos de porcentaxe de conversión superior aos convencionais, compostos por material de maior calidade.
  • Monocristalinas IBC: ou tamén chamadas de células de contactos traseiros. Xeralmente son células tipo-N que contan ademais cos contactos pola parte posterior da célula. Por tanto, a súa eficiencia e durabilidade é moi superior ao resto.
  • Policristalinas: con porcentaxe de conversión entre o 17-18%, teñen a mellor relación calidade/prezo, pero o seu rendemento é menor e estanse deixando de fabricar.

As numerosas vantaxes que nos achega este modelo de producir enerxía, xunto coa caída do custo dos paneis ao longo destes anos, converteu a enerxía fotovoltaica nunha das fontes de electricidade máis competitivas. Ademais, é evidente que dentro das formas que hai de producir enerxía actualmente, é das que teñen un menor impacto ambiental, unha menor pegada de carbono.

Como se usa a enerxía solar no mundo?

A enerxía emitida polo sol pode ser convertida principalmente en dúas formas de enerxía útil: enerxía térmica (calor) e enerxía eléctrica. Cando a radiación solar é convertida en enerxía térmica, comunmente utilízase para obter auga quente en edificios e residencias. Segundo un estudo realizado no 2020, un 1,8% da poboación española residente en vivendas unifamiliares dispoñía de paneis solares

O ritmo de crecemento actual das instalacións solares fotovoltaicas está limitado pola falta de materia prima no mercado (silicio de calidade solar) ao estaren copadas as fontes actuais, aínda que a partir da segunda metade do 2008 o prezo do silicio de grao solar comezou a diminuír ao aumentar a súa oferta debido á entrada en escena de novos produtores. Proba diso son os diversos plans que se estableceron para novas factorías deste material en todo o mundo, incluíndo dous proxectos en España coa colaboración dos principais protagonistas do mercado enerxético.

Eliseu Mera Quintas, director do IES de Valga.

Na pescuda de entidades que buscan aplicar a enerxía fotovoltaica, corresponde destacar como exemplo o IES de Valga, que proximamente instalará este mecanismo no centro educativo. O su director, Eliseu Mera Quintas, explica que a elección «é unha política, digamos, unha acción concreta, dentro dun plan máis grande que temos de apostar por un futuro máis sustentable». E engade: «Vai supor unha baixada do consumo eléctrico, que é moi grande, porque hai meses que consumimos preto de 3.000 euros en electricidade».

José María Bello Maneiro, alcalde de Valga

Esta iniciativa únese ao obxectivo do Concello de Valga, que ten deseñada a colocación de paneis solares en edificios ou recintos dependentes desta institución: «Tense pensado colocar algúns en lugares públicos, como o museo, o concello, a depuradora e nos campos de fútbol», explica o alcalde, José María Bello Maneiro.

Se se trata de autoconsumo, o seu funcionamento é moi sinxelo. Ao primeiro que se accede para abastecerse é ao punto de enerxía máis preto, é dicir, aliméntase en primeiro lugar da instalación do autoconsumo e logo, en caso de que fose necesario, da rede convencional. Trátase dun sistema que evita cortes eléctricos, xa que ambos se complementan.

José Francisco Cordo, veciño de Valga, ten paneis solares no seu tellado. 

 

Pero non só se pode introducir os paneis para o autoconsumo, xa que a maioría de empresas que xeran a electricidade hoxe en día conséguena grazas ás hortas fotovoltaicas. Unha delas está situada no concello de Portas, que subministra a enerxía producida a unha empresa do mercado eléctrico. Teñen 102 paneis dos cales 8 son novos, e producen 300 kilowatios á hora. Segundo o propietario, Miguel Ángel Piñeiro, a idea «é renovar todos, posto que os antigos quedaron obsoletos en relación co que chegan a producir as tecnoloxías actuais».

A orientación máis adecuada para que as placas funcionen cun rendemento eficaz é, no hemisferio norte, mirando cara ao sur, e a súa inclinación debe ser aproximadamente 10 graos menos que a latitude, para recoller a maior cantidade de horas solares e a súa máxima intensidade. Os paneis «teñen unha duración media de funcionamento pleno de 15 a 20 anos, aínda que depende de varios factores e dos diferentes tipos de paneis», clarifica Víctor Castiñeiras, propietario da empresa do mesmo nombre, dedicada aos montaxes eléctricas en Valga.

David Rodríguez, director de obras da empresa EiDF

Unha vantaxe salientable dos paneis solares, como indica David Rodríguez, director de obras da empresa EiDF, é que «o seu mantemento é moi sinxelo e pouco custoso, comezando cunha monitorización das instalacións que permite resolver ou detectar moitas das incidencias». Os propios paneis só precisan unha limpeza con auga e xabón un par de veces ao ano.

Todo o anterior apunta a que a enerxía solar conte cun gran potencial en España, que é un dos países con máis horas de sol ao ano de todo o mundo. Isto fai que optar por este tipo de instalacións resulte moi rendible e, ademais, beneficioso para o planeta.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

1287 usuarios han votado por esta noticia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies